Comisións Campesiñas
Sociedades configuradas en Galicia desde os anos sesenta para recuperar as sociedades agrarias e construír un auténtico sindicato agrario. Defendían un sindicato galego, democrático, asembleario, antimonopolista e autónomo con respecto a unha futura confederación. O primeiro chamamento asinado por estas comisións data das loitas polo cooperativismo democrático do Ribeiro, de finais dos anos sesenta. Desde os anos setenta, esforzáronse por recuperar os organismos de coordinación e celebraron diversas asambleas (1974 e 1976). En outubro de 1976, unha coordinadora convocou a todo o campesiñado galego para promover a creación e legalización das sociedades agrarias. Publicaron o boletín Democracia Campesiña, do que só saíu un exemplar, en 1973, e Voceiro Labrego, en 1975, ao redor do que se consolidou a Coordinadora Nacional.