Comité de Salvación Pública

Comité de Salvación Pública

Órgano de goberno colectivo que rexeu Francia desde abril de 1793 a xullo de 1794. A elección dos seus membros pola Convención derivou nunha simple formalidade e acabou impoñendo a vontade revolucionaria de París no resto do territorio por riba da Asemblea. O primeiro Comité, liderado por Danton, distinguiuse do segundo ou Gran Comité de Salvación Pública (a partir de xullo-agosto de 1793). Comprendía un grupo político formado por Robespierre, asistido por Couthon e Saint-Just (o “triunvirato”), ademais de Barère, Billaud-Varenne e Collot d’Herbois, xunto a un grupo de técnicos. Contra a crise económica, extremou o racionamento e o control dos prezos. Practicou o réxime do terror, suprimiu as liberdades de culto e prensa, levou a cabo a descristianización e implantou o calendario revolucionario e o culto á razón. Contra os inimigos do exterior promoveu a mobilización xeral, a fabricación de armamento e a organización dos exércitos. Despois do Termidor e da execución de Robespierre e dos seus, o Comité perdeu unha gran parte das súas atribucións, que volveron á Convención, e, cando esta se extinguiu, en 1795, desapareceu con ela.