Comités de Axuda á Loita Labrega
Grupos organizados pola Unión do Pobo Galego (UPG) no ano 1970 co obxectivo de mobilizar o campesiñado galego dentro do bloque de ‘forzas revolucionarias’ que aspiraban a transformar Galicia. Os primeiros integrantes foron técnicos de Extensión Agraria de ideoloxía nacionalista, membros ou achegados á UPG, baixo o liderado de Ramón Muñiz. Axiña se incorporaron a este proxecto político estudiantes universitarios ou de formación profesional procedentes do medio rural e algúns cregos próximos a Cristiáns polo Socialismo. Entre o ano 1970 e o 1972 establecéronse por toda Galicia, sobre todo nas áreas de Monforte, Ribadeo, O Courel, A Fonsagrada, Verín, O Barbanza, Soutomaior, Troáns, Arbo, Sela, Cuntis e Vilanova. Os CALL foron o xermolo das Comisións Labregas (CC LL), creadas en 1973 e dende 1989 denominadas Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CC LL), e permaneceron activos ata 1975, cando xunto coas CC LL, elaboraron o Programa Agrario galego.