comparatismo
(
Método da lingüística histórica orientado para determinar o parentesco xenético entre as linguas. O comparatismo observa as concordancias entre determinadas formas das linguas da familia, e eventualmente reconstrúe ou postula a forma da lingua nai. O descubrimento básico do comparatismo foi que as correspondencias entre as formas das linguas dunha familia son sistemáticas. As correspondencias entre palabras non son tampouco un feito central na busca comparada: teñen moito máis valor demostrativo as coincidencias estruturais, sobre todo no dominio da morfoloxía. Unha lingua nai que o comparatista reconstrúe para unha familia de linguas, non é nunca unha lingua no sentido ordinario do termo, senón só un conxunto de fórmulas abstractas que o lingüista interpreta como un resumo das correspondencias observadas entre as linguas. O comparatismo naceu no comezo do s XIX, e puido establecer familias de linguas: o ugro-finés, o semítico, o bantú e, principalmente, o indoeuropeo. Desde Ramus Rask e Franz Bopp, con Jacob Grimm e Friedrich Diez en dominios particulares, e pasando por August Schleicher ata os Junggrammatiker, son os indoeuropeístas os que, progresivamente, refinaron máis o método comparativo. Durante o s XX, o método progresou principalmente en tres direccións: en primeiro lugar, os lingüistas norteamericanos, encabezados por Leonard Bloomfield e Edward Sapir, demostraron que se pode realizar a comparación igualmente con linguas sen documentos antigos e só observables no estado actual; en segundo lugar, Emile Benveniste e Jerzy Kurylowicz demostraron que a reconstrución interna permite remontarse ata estadios do indoeuropeo moito máis antigos ca os obtidos directamente da comparación das linguas; e, en terceiro lugar, lingüistas, como N. S. Trubeckoj e Roman Jakobson, sinalaron certas limitacións básicas do método e cómo os procesos de asociación e difusión das linguas poden interferir co parentesco xenético. Tamén se denomina gramática ou lingüística comparada.