compás
(< compasar)
-
[METROL]
-
s
m
Instrumento de orientación baseado nas propiedades dos imáns e empregado esencialmente para determinar direccións horizontais, a partir da dirección aproximada norte-sur. Consiste nunha agulla imantada, aloxada nunha caixa redonda e sostida sobre un pivote ou por medio dun fío sen torsión, co fin de que poida xirar libremente nun plano horizontal. Por efecto do campo magnético terrestre, a agulla oriéntase na dirección do meridiano magnético do lugar. No fondo da caixa hai unha rosa dos ventos que pode ser fixa ou solidaria á agulla; unha panca accionada dende o exterior permite inmobilizar esta posición determinada, co que se consegue que, ao mover o compás, a agulla, que neste caso é solidaria coa caixa, tome sucesivas posicións diferentes e, polo tanto, que a indución magnética sufrida sexa menor. No uso do compás cómpre ter en conta que o norte xeográfico non coincide co norte magnético e que, para obter a dirección daquel, é preciso engadir á dirección do norte magnético o valor da declinación magnética. Hai que ter en conta tamén a desviación magnética, causada pola presenza de campos magnéticos locais. A suma da declinación magnética e da desviación magnética recibe o nome de corrección total. Os compases úsanse para determinar a dirección na que se despraza un elemento móbil ou na que está situado un obxecto respecto doutro, como, por exemplo, en topografía. A orixe do compás é aínda incerta. Parece ser que foi unha invención dos chineses; de feito, nun libro chinés do s XI consta un debuxo dun instrumento que foi o precedente máis directo do compás actual; consistía nun imán unido a unha madeira en forma de peixe cunha agulla que lle saía da cabeza e que sinalaba o norte ao facer flotar o conxunto. Ademais, documentos do s XII poñen de manifesto que os chineses coñecían a declinación magnética e que empregaban normalmente o compás na navegación. Foron os árabes os que introduciron o compás en Europa, en primeiro lugar nos países mediterráneos, sobre todo en Italia, e despois no resto do continente. Os compases que se utilizan nos barcos e nas aeronaves tamén se denominan agulla náutica ou agulla de bitácora.
-
s
m
Tipo de galvanómetro que ten como órgano móbil un compás colocado no centro dunha bobina, disposta no plano do meridiano magnético, e no que se emprega como par antagonista o creado polo campo magnético terrestre sobre a agulla. O máis utilizado é o compás de tanxentes, no que a tanxente do ángulo de desviación é proporcional á corrente que se está a medir. Tamén se emprega o compás de senos, no que o seno do ángulo de desviación é o que determina a corrente que se quere medir.
-
compás de inclinación
Compás que ten o eixe da agulla horizontal, de xeito que esta se move nun plano vertical; isto permite obter a inclinación magnética do lugar.
-
compás de lente
Compás topográfico provisto dunha lente fixada á caixa mediante un brazo. Difire dun acimutal no feito de que o círculo graduado xira coa lente, mentres que os índices, representados polos extremos da agulla magnética, son fixos. O fondo da caixa adoita estar constituído por un espello, co fin de diminuír o erro na lectura. Ten a mesma aplicación có compás topográfico.
-
compás de peto
Compás portátil, sinxelo e de fácil manexo. Pode ter unha alidada de pínnulas abatibles incorporada, que dá unha maior precisión no cálculo dunha demora ou dun acimut.
-
compás topográfico
Goniómetro especial que, xeralmente, está formado por un compás ordinario que ten os extremos dun mesmo diámetro e sobre a parede da caixa, por unha parte, unha pínnula e, pola outra, un prisma triangular que permite á vez a visión do círculo graduado e a definición de visuais xunto coa pínnula, de xeito que forma con ela unha alidada. Nestas condicións, ao visar un punto, a lectura feita no círculo graduado a través do prisma será o acimut magnético daquel punto respecto á estación. Úsase no alzamento de planos de bosques e en traballos de minería.
-
s
m
-
-
s
m
Instrumento para trazar arcos de circunferencia e tamén para medir distancias. Consiste, esencialmente, en dous brazos unidos por unha das extremidades, xeralmente mediante un pasador que permite a súa articulación. O compás de debuxo ten un brazo acabado nunha punta que permite fixalo e o outro provisto dunha peza para trazar liñas con lapis ou con tinta. Outros compases para debuxar son o bailarín e a bigoteira.
-
compás de arandela
Instrumento análogo a un compás de vara, empregado polos albardeiros para cortar círculos de diversas medidas.
-
compás de cuadrante
Compás que ten nun brazo un arco graduado que se emprega para medir o ángulo de abertura.
-
compás de grosores/compás para exteriores
Compás cos brazos curvados e converxentes, co fin de que poida medir o grosor das pezas e realizar medicións antropolóxicas, en especial as referentes a puntos anatomicamente opostos, como, por exemplo, a lonxitude e a anchura máximas do cranio.
-
compás de proporcións
Instrumento composto de dúas regras graduadas acabadas en punta e provistas dunha rañura. A articulación de ambas as dúas regras pode desprazarse pola rañura, co que varía a constante de proporcionalidade entre as distancias das puntas dun e doutro extremo.
-
compás de puntas
Compás que ten os dous brazos acabados en punta fixa, que serve para tomar distancias entre dous puntos e, nos talleres mecánicos, tamén para trazar.
-
compás de tres brazos
Círculo graduado con tres brazos que converxen no centro; o central é fixo e os outros dous, dotados dun parafuso de precisión e dun nonio, son móbiles. Úsase para que se poida situar unha posición enriba do mapa cando se fixo a observación simultánea de dous ángulos horizontais.
-
compás de vara
Instrumento para trazar círculos de gran raio, análogo ao compás, que ten os dous brazos paralelos e un deles desprazable ao longo da vara que os une.
-
compás mixto
Compás no que un dos brazos é como o do compás de puntas e o outro como o do compás de grosores. Emprégase para trazar liñas de referencia paralelas á beira da peza ou arcos de circunferencia, como os que se fan no centrado.
-
compás para interiores
Compás cos extremos dos brazos diverxentes, co fin de permitir tomar medidas de buracos ou as existentes entre superficies interiores das pezas.
-
s
m
-
[MÚS]
-
s
m
Cada un dos períodos de tempos iguais nos que se marca o ritmo dunha frase musical. A súa división natural márcase no pentagrama por unhas liñas verticais chamadas liñas divisorias. O compás sinálase con dúas cifras en forma de fracción, que se colocan á dereita da clave. A cifra superior (numerador) indica o número de figuras ou silencios que entran nun compás; e a cifra inferior (denominador), a calidade ou clase de figuras ou silencios. Así, por exemplo, 4/4 indica catro figuras ou silencios da clase 4, negras; é dicir, catro negras por compás.
-
s
m
Ritmo ou cadencia dunha obra musical.
-
s
m
Movemento da man co que se marca cada un dos períodos musicais.
-
s
m
Na música clásica e na moderna, espazo comprendido entre dúas liñas divisorias.
-
compás binario
Compás que ten un par de tempos.
-
compás composto
Compás que consta de divisións que poden pertencer ao ritmo binario ou ao ritmo ternario.
-
compás de amalgama
Compás que se obtén coa suma de dous ou máis compases de numerador diferente e de idéntico denominador. O seu numerador é impar e indivisible: 5/4, 7/4, etc.
-
compás de espera
Silencio que dura o tempo dun compás.
-
compás maior
Compás que dura o dobre ca o menor. Sinálase cun C atravesado por unha raia vertical (C).
-
compás menor
Compás que ten unha duración de catro negras e que se sinala cun C, con 4/4 ou cun 4.
-
compás partido
Compás que se escribe como se fose de catro tempos pero que se marca a dous, máis rapidamente que se fose de catro. Indícase con 2/2.
-
compás ternario
Compás composto de tres tempos ou dun múltiplo de tres (3/2, 3/4, 6/8, 9/8, etc).
-
s
m
-
s
m
[DEP]
En esgrima, movemento que fai o corpo cando deixa un lugar e ocupa outro.
-
s
m
[HERÁLD]
Nas representacións heráldicas, pinzas de metal unidas pola súa extremidade superior que, abertas nas súas puntas, se colocan mirando os ángulos superiores do escudo.
-
s
m
[MED]
Instrumento de medida utilizado en diversas exploracións médicas, especialmente nos diámetros pelvianos e craniais. O compás de Ossiander leva escalas graduadas para medir diámetros pelvianos externos directamente, ou ben, indirectamente, diámetros internos. O compás de Weber ou estesiómetro serve para explorar a sensibilidade táctil dunha rexión da pel.
-
s
m
[TRANSP]
Peza metálica articulada que permite pregar e estender a cuberta de tea dun vehículo convertible.
-
levar o compás
[MÚS]
-
Axustarse ao compás.
-
Marcar co brazo uns movementos correspondentes aos tempos (ou aos grupos de tempos ou ben ás divisións de tempo) dun compás.
-