condución

condución

(

  1. s f

    Acción e efecto de conducir.

  2. s f [ENX]

    Conxunto dos condutos e accesorios que, dispostos adecuadamente, constitúen unha instalación lineal ou unha rede para o transporte e a distribución dun fluído. Segundo a presión que exerce o fluído no conduto, distínguense as conducións libres, nas que unha pendente mínima e constante permite a circulación do fluído por gravidade, e as conducións forzadas, nas que o fluído circula a presión, mediante a acción dunha bomba, ou da gravidade, producida por un forte desnivel.

  3. s f [FÍS]

    Nome xenérico dalgúns fenómenos de transporte (de enerxía, carga ou materia) case exclusivos da materia condensada. Os principais fenómenos de condución son a condución térmica, a condución eléctrica e a condución de materia. Como fenómeno de transporte, toda condución caracterízase por un coeficiente de transporte: a condutividade térmica, a condutividade eléctrica e o coeficiente de difusión, respectivamente. A condución térmica (ou difusión térmica) consiste na propagación da calor por contacto e sen desprazamento aparente de materia; enténdese, en termos clásicos, como a transmisión, por colisións mutuas sucesivas, da enerxía cinética de axitación das partículas do medio (axitación térmica) desde as zonas de alta temperatura ás de temperatura menor, ou ben, nalgúns casos, como o transporte de enerxía realizado por partículas portadoras. Nos metais, a condución está causada polo movemento dos electróns da banda de condución e, ao mesmo tempo, polas ondas de axitación térmica (fonóns); nos illantes está causada só pola axitación térmica. O transporte de calor por condución é, a miúdo, complementado polo transporte por convección e por radiación. A condución eléctrica consiste no desprazamento de cargas eléctricas impelidas por un gradiente de potencial ou campo eléctrico, e evidénciase en forma dunha corrente eléctrica (ou corrente de condución), aínda que macroscopicamente non se produce desprazamento aparente de materia. Nos metais e nas aliaxes, así como en determinados polímeros (condutores orgánicos), os portadores de cargas son os electróns libres (ou da banda de condución), polo que se fala de condución electrónica. Nos electrólitos e en determinados cristais iónicos, a condución está orixinada polo movemento dos ións e fálase de condución iónica (ou condución electrolítica no caso dos electrólitos). No baleiro, a condución só é posible se hai unha fonte de partículas portadoras de carga. Nos gases, a condución só se realiza se previamente se ionizan; fálase, entón, de condución gasosa ou, máis xeralmente, de descarga eléctrica. Nos semicondutores, a condución depende dos electróns libres e dos buratos creados, e pode aumentar nunha gran proporción agregándolle certas impurezas (aceptadores e doadores). Nos supercondutores está causada polos pares de Cooper. A condución de materia, máis coñecida por difusión de materia ou, simplemente, difusión, consiste no transporte espontáneo e irreversible de materia desde as rexións de alta densidade ás de baixa densidade, e está causada pola axitación térmica das partículas que compoñen as substancias.

  4. [FISIOL]
    1. s f

      Propiedade dalgunhas estruturas do organismo de transmitir os estímulos.

    2. conducción cardíaca

      Transmisión dos cambios eléctricos que, orixinados no nódulo do seo auricular, dan lugar ás contraccións cardíacas.

    3. conducción nerviosa

      Transmisión dos impulsos electroquímicos polas células excitables do organismo a través das súas membranas. O impulso transmítese polas fibras nerviosas e musculares en relación cos rápidos cambios de permeabilidade das membranas celulares polos ións sodio e potasio.

    4. conducción ósea

      Transmisión do son a través dos ósos do cranio. A súa medida emprégase para diferenciar as xordeiras nerviosas das xordeiras de condución.

Palabras veciñas

cóndrulo | conducente | conducido -da | condución | conducir | conduplicación | conduplicado -da