condutimétrico -ca
(< conductimetría)
-
adx
[QUÍM]
Relativo ou pertencente á condutimetría.
-
análise condutimétrica
Procedemento analítico empregado para determinar o punto final das volumetrías, baseado na medida da variación da condutividade electrolítica da solución problema debida á adición de reactivo valorante. Como a condutividade electrolítica depende da mobilidade e da concentración dos ións presentes na solución, a adición dun reactivo provoca cambios importantes sempre que dea lugar á desaparición dunha especie iónica da solución e á substitución por cantidades equivalentes dun dos ións do reactivo de mobilidade diferente do da especie eliminada. Deste xeito, pódense realizar condutimetricamente volumetrías de neutralización, de precipitación e de formación de complexos, pero só en casos favorables tamén de oxidación-redución. Se a reacción volumétrica ten lugar entre electrólitos fortes, a curva de valoración (gráfico da condutividade medida en función do volume de reactivo engadido) resulta formada por dous segmentos rectilíneos que se intersecan no punto final; en caso contrario, ou ben se os electrólitos están demasiado diluídos, a curva de valoración ten unha forma redonda preto do punto final, que se debe determinar neste caso por extrapolación dos segmentos rectilíneos. A análise condutimétrica ten aplicación práctica na valoración de substancias para as que non se dispón de indicadores químicos axeitados, ou na valoración de solucións onde non sexa facilmente visible o cambio de cor dos indicadores. Malia todo, o feito de que a condutividade medida dependa de todas as especies iónicas presentes na solución problema, e non só da especie que se valora, fai que a presenza de sales estraños á mostra limite fortemente o campo de aplicación da técnica. As medidas fanse xeralmente en condutímetros de corrente alterna, para evitar os fenómenos de polarización que produciría unha corrente continua. Tamén se pode traballar con correntes de alta frecuencia, técnica que se coñece como oscilometría.