Confederación do Rin

Confederación do Rin

Unión política que agrupou a diversos estados alemáns entre 1806 e 1813. Naceu trala sinatura do Tratado de París (12.7.1806) por parte dos principados alemáns que se separaron do Sacro Imperio Romano Xermánico. Inicialmente, formábana sete estados alemáns, que constituíron un instrumento político nas mans de Napoleón, quen se declarou o seu protector, asinou unha alianza e se reservou a dirección da política exterior e o mando das forzas armadas. A súa submisión ao Imperio Francés reforzouse polos matrimonios de Eugène de Beauharnais, cuñado de Napoleón, con Augusta de Baviera, e de Jerome Bonaparte con Caterina de Württemberg (1807). Os estados convertéronse en reinos e Joachim Murat recibiu o ducado de Berg. A derrota de Prusia na Batalla de Jena (1806) fortaleceu a Confederación, á que se uniron, entre outros, o duque de Würzburg, o elector de Saxonia e en 1807 o reino de Westfalia, creado para Jerome Bonaparte. En 1808 todos os estados alemáns, agás Prusia, formaban parte da Confederación. En 1811 Napoleón incorporou a zona marítima da Confederación ao Imperio Francés, para manter de xeito máis estreito o bloqueo a Inglaterra. As simpatías secretas de moitos dos seus membros por Prusia manifestáronse cando os franceses, derrotados en Leipzig (1813), perderon o control dos territorios alemáns. En 1815, Metternich decidiu reagrupar estes territorios nun bund ou Confederación Xermánica.