Confederación Xermánica
Unión política que agrupou entre 1815 e 1866 os estados alemáns. Creouse no Congreso de Viena (1815) para manter o equilibrio pola influencia de Austria e de Prusia sobre os pequenos estados alemáns, e para evitar que se formase un país unificado baixo a hexemonía prusiana. Formárona 38 estados soberanos: un imperio (Austria), cinco reinos (Prusia, Baviera, Hannover, Saxonia e Württemberg), oito grandes ducados, dez principados, dez ducados e catro cidades libres (Frankfurt do Main, Hamburgo, Bremen e Lübeck). A presidencia honorífica correspondeu ao emperador de Austria. Participaron tamén o rei de Holanda, como duque de Luxemburgo, o de Dinamarca, como duque de Holstein, e o de Inglaterra, como rei de Hannover. O seu órgano de goberno máis importante foi a Dieta de Frankfurt. Austria velou polo mantemento da Confederación e suprimiu con fortes represións toda tentativa liberal. A tendencia dos estados alemáns cara á unificación favoreceuna Prusia; un primeiro paso foi a unión aduaneira ou Zollverein (1834). Bismarck tentou reducir a autoridade do emperador de Austria na Confederación e en 1865 invitouno a participar nunha guerra contra Dinamarca para apoderarse dos ducados de Schleswig e Holstein. As disputas sobre a maneira de gobernar estes estados provocaron a Guerra Austroprusiana de 1866 e a desaparición da Confederación. Formouse entón unha nova unión sen Austria: a Confederación de Alemaña do Norte.