Conferencia Socialista Ibérica

Conferencia Socialista Ibérica
Nome científico: [CSI]

Xuntanza convocada polo Partido Socialista Obrero Español (PSOE) na primavera de 1974 co obxectivo de establecer un foro de diálogo e colaboración entre todos os partidos de carácter socialista que xurdiron en España trala Guerra Civil. O proxecto contou co apoio da Internacional Socialista. Accederon a participar o Partido Socialista Galego (PSG), o Moviment Socialista de Catalunya, o Partit Socialista del País Valencià e a Unión Sindical Obrera. Tralas dúas primeiras sesións, celebradas en París en xuño de 1974 e en Münstereifel (Renania do Norte-Westfalia) en setembro dese ano, o PSOE, que era o único membro da Internacional Socialista, asumiu o compromiso de recoñecer a existencia dos outros grupos. Nas primeiras reunións debateuse a posibilidade de constituír unha federación permanente de todos os partidos socialistas españois; sen embargo, tralo XIII congreso do PSOE, celebrado en Suresnes en outono de 1974, os novos líderes do partido decidiron adoptar unha nova estratexia e abandonaron a CSI en marzo de 1975. Malia a saída do seu promotor, a Conferencia continuou operando e en abril de 1975 publicou un manifesto a prol da ruptura democrática do réxime e do recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos como condición previa para inaugurar un proceso constituínte. Nese documento tamén propugnaban a creación dunha organización estable e a vontade de loitar polo establecemento dun estado republicano federal ou confederal. Despois da publicación destas proclamas, a CSI recibiu a adhesión da Convergència Socialista de Catalunya, da Convergència Socialista del País Valencià, do Partit Socialista de les Illes (das Illes Balears) e de Eusko Sozialistak.