confidente

confidente

(< lat confīdente, pactivo de confīdĕre ‘confiar’)

  1. s
    1. Persoa que recibe as confidencias de alguén.

      Ex: A súa confidente escoitaba atenta os seus desenganos amorosos.

    2. [LIT]

      Personaxe secundario dunha peza teatral que recibe as confidencias do protagonista e, a partir delas, aconséllao e guíao. Pode desempeñar os papeis de mensaxeiro, preceptor ou amigo do heroe e, no caso das protagonistas femininas, convértese en criada ou dama de compañía para os encontros galantes. As súas relacións, sempre concibidas en termos de complementariedade, veñen dadas pola afinidade de carácter entre ambos os dous ou, no caso do confidente cómico, por un gran contraste. Polo xeral, a súa función non se limita a ser substituto ou receptor dos monólogos do protagonista, senón que recolle a función do coro da traxedia clásica como intermediario entre a escena e o público, e mantén a súa visión moderada e exemplar das cousas. Representa a opinión común e adoita poñer en evidencia o comportamento conformista ou desafortunado do heroe. Introduciuse na escena no teatro antigo e foi habitual nos ss XVI a XVIII. Presente nas obras de Shakespeare, Jean Racine ou Pierre Corneille, no teatro barroco español identificouse co gracioso, personaxe cómico que provoca enredos que complican a trama ou que os resolve ao remate da peza.

  2. s

    Persoa que colabora con outras e que lles fai confidencias sobre terceiros individuos que non sospeitan da súa traizón.

    Ex: Aquel individuo é confidente da policía. Durante a guerra foi unha das confidentes do inimigo.

  3. s m

    Moble de salón, de orixe francesa, que permitía a dúas persoas sentarse de lado pero confrontadas, de xeito que un apoio está situado á inversa do outro.