Congo, República Democrática do

Congo, República Democrática do
Nome científico: [nome oficial francés: République Démocratique du Congo]

Estado de África ecuatorial, que limita ao N coa República Centroafricana, ao NL con Sudán, ao L con Uganda, Ruanda, Burundi e Tanzania, ao S con Zambia e Angola, ao SO con Cabinda e ao O cunha estreita franxa do Océano Atlántico e a República do Congo (2.344.858 km2; 43.139.000 h [estim 1999]). Esténdese entre os 5°N-13°S de latitude e os 12°-31° de lonxitude L. A capital é Kinshasa.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O territorio ocupa a maior parte da depresión tectónica da Cubeta do Congo. O centro está constituído por unha chaira de máis de 700.000 km2, cuberta de capas sedimentarias antigas e recentes; estas últimas localízanse sobre todo ao longo dos ríos. A altitude media da chaira é de 600 m, e o punto máis baixo é o lago Tumba (350 m). Circundan a depresión unha serie de altiplanos e dorsais periféricas formadas por rochas cristalinas e xistosas do antigo zócolo, cubertas de arxilas nas zonas dos altiplanos, que estiveron afectadas por diversos ciclos de erosión e tamén por movementos tectónicos, ligados a fenómenos de vulcanismo, sobre todo no sector oriental. Estes relevos periféricos forman unha serie de chanzos que van desde os 750 m do sector occidental (onde está o macizo de Chaillu, que o río Congo supera a través das cataratas de Livingstone) ata os 5.000 m no sector oriental (onde está o macizo de Ruwenzori, que alcanza a máxima altitude do país, 5.119 m). Precisamente aquí, os movementos tectónicos deron lugar á formación dunha liña profunda de fallas (Rift Valley), onde se atopan grandes lagos, como o Tangañica, o Kivu, o Eduardo, o Mobutu e macizos volcánicos, como o Karisimbi (4.507 m). No sector sudoriental, a rexión de Shaba (antiga Katanga) está formada por diversos relevos tabulares que alcanzan os 1.500 m e marcan a liña divisoria entre a conca do río Congo e a do Zambezi.
Hidrografía e climatoloxía
En conxunto, as condicións climáticas están determinadas non só pola presenza do Ecuador, que o atravesa, senón tamén pola súa morfoloxía e, sobre todo, polo cambio estacional da fronte tropical que, en relación á súa situación ao N ou ao S, determina a presenza de masas de aire do SO ou do NL, respectivamente. O clima é tipicamente ecuatorial, moi chuvioso no centro e con temperaturas altas, cunha media que oscila arredor dos 26°C, con valores relativamente constantes (a temperatura de Kisangani é de 25,5°C en xaneiro e de 23,5°C en xullo). As chuvias son abundantes nas rexións próximas ao Ecuador (1.800 mm anuais). Non obstante , a medida que aumenta a latitude, o clima tórnase subecuatorial e o réxime de chuvias modifícase: son tropicais, cunha acentuada estación seca, que vai desde os dous meses ao N ata os cinco meses en Kolwezi. As temperaturas diminúen cara ao SL, onde as amplitudes térmicas tamén son máis acentuadas (a media de xaneiro en Lubumbashi é de 22°C e de 16°C en xullo). A rede hidrográfica, moi rica, ten un papel moi importante no sistema de comunicacións; céntrase no río Congo e nos seus numerosos e importantes afluentes, entre os que destacan o Oubangi, que forma a fronteira coa República do Congo, e entre a República Centroafricana e a rexión de Kasai Occidental. Unha pequena parte do territorio, no extremo NL, é tributaria do Nilo a través do lago Mobutu.
Medio ambiente
A maior parte do norte do país, o 48% do territorio, está poboado dunha selva pluvial que constitúe unha das máis extensas de África. Nela aínda están presentes grandes mamíferos como gorilas, búfalos, chimpancés, hipopótamos e ocapis; estes últimos só se localizan na Cubeta do Congo. Na sabana congolesa viven leóns, leopardos, xirafas e elefantes. Nas montañas orientais subsiste o gorila de montaña. A deforestación, causada por certas prácticas silvícolas e agrícolas, constitúe un problema medioambiental crecente, sobre todo na rexión do Baixo Congo e no contorno de Kinshasa.
Xeografía económica

Economía
O país ten unha gran riqueza en materias primas, pero a súa economía aínda presenta un grande atraso como consecuencia das escasas infraestruturas e a ineficacia e corrupción da administración, marcada pola decadencia política. Claro exemplo desta política son os contratos e convenios con outros países para a explotación dos hidrocarburos e recursos mineiros, como os diamantes en Kasai. Como consecuencia da guerra, a moeda depreciouse un 70% en 1998 e a inflación pasou do 3,7% ao 78% no mesmo ano, e acadou no 2001 o 127%. A débeda externa en 1997 era de 12.330.000.000 $ USA. O PIB por habitante en 1997 era de 110 $ USA. O goberno, para protexer a escasa entrada de divisas, tomou unha serie de medidas, como a creación da Bolsa Congoleña de Materias Primas (BCMP), na que se lle confiaba a unha persoa o monopolio do sector. Tamén se obrigaba a 56 sociedades a pagar unha contribución especial para o “esforzo de guerra”, que nalgúns casos alcanzaba os 7.000.000 $ USA mensuais. As cifras da balanza de pagamentos presentaban en 1990 uns ingresos de 1.104 millóns $ USA e uns gastos de 4.689 millóns $ USA. A poboación activa en 1998 era de 20.279.000. A moeda oficial é o franco congolés.
Recursos e sectores de actividade
A riqueza do país baséase na agricultura e na minería. A agricultura, en xeral de tipo tradicional, é a base dunha economía de subsistencia que foi obxecto de diversos proxectos estatais, enmarcados dentro dun programa de reactivación do campo denominado Priorité des Priorités (por este motivo creouse en 1977 un novo ministerio de Desenvolvemento Rural); este programa tivo como finalidade incrementar a produción e a modernización das técnicas agrícolas. Só o 2,8% do territorio é cultivable e os principais cultivos son: mandioca, millo, millo miúdo, patacas doces, arroz, fabas e bananas, que constitúen o alimento principal da poboación. Entre os cultivos industriais sobresaen os do algodón, a cana de azucre, o tabaco, o cacao, o sésamo e o caucho; outros produtos importantes son o café, o té e as froitas (cítricos, ananases e aguacates). O bosque cobre o 75% da superficie do territorio e a súa explotación está dedicada á exportación de madeira e á súa utilización como combustible, polo que constitúe hoxe en día unha importante fonte de enerxía. A gandería é insuficiente, aínda que aumentou nos últimos anos, e concéntrase principalmente nas rexións de Shaba e Kivu. Tamén cómpre mencionar a pesca en augas doces. O país é rico en minerais, que constitúen a parte máis grande das exportacións. Ocupa o sexto lugar do mundo en produción de cobre, que se localiza principalmente na rexión de Shaba (Kolwezi, Kambove e Likasi). É o primeiro produtor mundial de cobalto (65% das reservas mundiais). Tamén é importante a produción de estaño, cinc (Kipushi), prata, carbón e diamantes (o primeiro produtor mundial, co 24% da produción de diamantes industriais, produción na que destacan as minas de Tshikapa e Mbuji-Mayi). Non obstante , escasean as fontes de enerxía, pois, aínda que goza dun enorme potencial hidraúlico, está minimamente explotado. A actividade industrial, ligada basicamente á transformación de minerais e produtos agrícolas, concéntrase na zona de Kinshasa e Shaba. Destacan as industrias mineiro-metalúrxicas (cobre, chumbo, cinc, estaño, cobalto e cadmio), as industrias químicas (petróleo refinado, gas manufacturado, ácidos sulfúrico e oleico, e xabón), alimentarias (azucre, aceite, cervexa e bebidas alcohólicas), tabaco, téxtiles (algodón), calzado e pel, madeira e cemento. As zonas máis ricas do país son Kivu, Goma e Bukavu, ademais de Shaba, onde se localizan importantes xacementos petrolíferos, que son motivo de conflitos internos e internacionais desde a independencia do país.
Situación petrolífera
Na República Democrática do Congo podería xurdir unha nova explosión petrolífera, motivada polos descubrimentos localizados en 1984 en Nkossa, no Océano Atlántico. Este xacemento constitúe a maior plataforma petrolífera do mundo, construída en formigón. A súa produción comezou sendo de 5.000.000 t de petróleo e 300.000 t de gas licuado. A maior parte dos beneficios van parar a mans de empresas estranxeiras, como ELF ou AGIP. A produción aumentou en 1995 a 9.000.000 t e en 1997 a 13.000.000 t. Este aumento coincide cun programa de privatizacións, por parte do goberno, no que decidiu vender o 25% das súas accións en ELF-Congo e o 20 % das accións en AGIP.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un signo positivo. En 1997 o valor das importacións acadou os 1.031 millóns $ USA e as exportacións os 1.241 millóns $ USA. Bélxica, China, EE UU, Alemaña e Francia son os principais socios comerciais; o cobre é o principal produto e supón máis da metade dos ingresos totais derivados das exportacións. Tamén son importantes o petróleo, o cobalto, os diamantes e o café. As importacións baséanse en produtos semielaborados, bens de equipo, petróleo refinado, carbón e alimentos.
Transportes e comunicacións
As comunicacións son deficitarias; a rede viaria está formada por 157.000 km (1996) de estradas, polo xeral de terra, e por unhas vías férreas (5.138 km [1995]) que teñen como misión principal comunicar os tramos navegables dos ríos, interrompidos por unha serie de rápidos. As liñas principais son a de Ilebo-Kisangani, que rodea as cataratas Stanley, e a de Kinshasa-Matadi. Co fin de alongar esta liña ata Banana, único porto oceánico, atravesouse (1983) o estuario do Congo coa ponte colgante máis ampla do mundo para ferrocarril e estrada. Tamén son notables as liñas que comunican o país con Namibia, Tanzania e o porto angolano de Lobito, no Atlántico. A comunicación tradicional, sen embargo, faise por vías navegables, en total 16.400 km (1994). O eixe principal é o dos ríos Lualaba-Congo. Os principais portos marítimos son Boma, Matadi e Banana.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (3,2% [1993-1998]), debido a un alto índice de mortalidade infantil 92‰ (1997). O índice de mortalidade situábase en 1997 no 15‰, mentres que a natalidade era do 47‰ (1997). A esperanza de vida é baixa: 49 anos para os homes e 52 para as mulleres (1997).
Poboamento
Debido á súa grande extensión, trátase dun país subpoboado, cunha densidade de 12 h/km2, inferior á xeral no continente africano. A distribución dos seus habitantes é moi desigual; así, mentres que a rexión de Shaba ten 7 h/km2, a rexión do Baixo Congo chega aos 36 h/km2. A maioría da poboación vive en zonas rurais (71%). Desde 1960 estase a desenvolver con forza a urbanización da poboación, grazas aos movementos do rural; como núcleo urbano destaca Kinshasa, que cos seus 4.655.313 h concentra o 9% da poboación do país. Outros núcleos importantes son Kolwezi (417.810 h [1994]), Likasi (299.118 h [1994]), Kikwit (182.142 h [1994]) e Boma (135.284 h [1994]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural

A poboación congolesa, nun 99% de orixe africana, intégrana máis de 200 grupos étnicos. A maioría deses grupos son de orixe bantú, como o luba (18% da poboación total), o kongo (16,1%) e o mongo (13,5%). As poboacións hamíticas, como os azande (6,1%), son o seguinte grupo étnico maioritario. Un grupo minoritario importante é o pigmeo, asentado principalmente no centro e no leste do país, e os rwanda, unha poboación procedente dos grupos étnicos dos países periféricos. Constitucionalmente, o Estado congolés é laico e garante a liberdade de cultos. A relixión maioritaria entre a poboación congolesa é a cristiá, introducida polos portugueses e adoptada por Afonso I do Congo e a súa corte en 1482. Dentro do cristianismo, o culto maioritario é o católico (40% da poboación), seguido polo protestante (30%). Os ritos indíxenas tradicionais, debido á introdución temperá do cristianismo, apenas os practican un 10% da poboación, aínda que algúns ritos sincréticos, como o kimbangués, teñen certa importancia (10%). Nos territorios situados ao N do país estendeuse a relixión musulmana, practicada polo 10% da poboación congolesa. Segundo a Constitución de 1998, as linguas oficiais da República Democrática do Congo son o francés e o inglés, aínda que se recoñecen como linguas nacionais catro linguas bantús: o kongo, o lingala, o swahili e o tshiluba. Ademais tamén se falan ao redor de 210 linguas pertencentes ás familias lingüísticas nilo-sahariana (entre elas, o alur, o lendú e o lugbara) e níxer-congo, a maioría delas bantús (entre elas, o chokwe, o songe, o tetela e o lega) ou adamawa-ubanguianas (entre elas, o banda, o ngbaka e o zande). O número de estudiantes era en 1994 de 7.025.095. Oficialmente o ensino primario é obrigatorio entre os 6 e os 11 anos, pero na realidade un terzo da poboación non ten acceso á educación. O ensino secundario non é obrigatorio e dura entre 2 e 6 anos. Os principais centros universitarios atópanse en Kinshasa, Kinsagani e Lubumbashi.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a República Democrática do Congo entre os países cun desenvolvemento humano débil (ocupa o posto 152 cun índice do 0,430). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 51,2 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 58,9% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 33%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 822 $ USA.
Goberno e política
Antiga colonia belga, proclamou a súa independencia o 30 de xuño de 1960. Dende ese momento variou en catro ocasións o seu nome oficial: República do Congo (1960-1964), República Democrática do Congo (1964-1971), República do Zaire (1971-1997) e de novo República Democrática do Congo dende 1997. Trala proclamación da independencia, o país foi escenario de numerosos conflitos armados, encadrados nun contexto internacional coñecido como a Guerra Mundial Africana, debido a que afecta a varios países da área dos Grandes Lagos e na que participan varias potencias estranxeiras. A primeira Constitución congolesa, aprobada o 24 de xuño de 1967, enmendouse en 1974, revisouse en 1978 e modificouse novamente en 1990. Despois, durante o período de transición e trala recuperación do multipartidismo, en abril de 1994 aprobouse unha nova Constitución que quedou obsoleta polos acontecementos posteriores. Despois dun ano de rebelión armada liderada por Laurent-Désiré Kabila, o ditador Mobutu Sese Seko foi derrocado o 17 de maio de 1997. O 29 de maio de 1997, no transcurso da cerimonia de autoproclamación presidencial, Kabila asumiu plenos poderes ata a aprobación dunha nova Constitución, disolveu o Parlamento e anunciou eleccións para xullo de 1999. Durante ese período de crise institucional, creáronse os Comités des Pouvoirs Populaires, que controlaban toda a actividade legal do Estado baixo a dirección de Kabila. Despois de varios meses de traballos, en novembro de 1998 Kabila aprobou a nova Constitución, que non obstante non chegou a entrar en vigor durante o seu mandato. En xaneiro de 1999, despois de 18 meses de liberdades políticas controladas, ditouse unha lei que supuxo a prohibición dos partidos da oposición e que tivo como consecuencia inmediata o encarceramento de presos de conciencia, a disolución da Alliance des Forces Démocratiques pour la Libération du Congo-Zaïre e a represión da actividade política. Así mesmo, as eleccións previstas para xullo de 1999 non se convocaron. Acosado pola crise interna e pola falta de apoios internacionais, o 3 xullo do 2000 Kabila creou un Parlamento de transición formado por 240 deputados que el mesmo designara por decreto. O 17 de xaneiro do 2001, tralo asasinato de Kabila polos seus propios homes e a proclamación de Joseph Kabila, o seu fillo, como novo presidente, disolvéronse todos os partidos e o Parlamento de transición. Malia a deteriorada situación política, a Constitución de 1998 establece a división orgánica e a colaboración funcional dos poderes executivo, lexislativo e xudicial. Segundo a Constitución de 1998, o poder executivo está composto polo presidente da República, elixido por sufraxio universal directo para un período de cinco anos; o primeiro ministro, elixido polo presidente; e o Consello de Ministros, nomeados polo presidente segundo unha proposta do primeiro ministro. De acordo co texto constitucional de 1998 e a historia da República, o poder lexislativo reside no Parlement (Parlamento), que está constituído pola Chambre de Représentants (Cámara de Representantes) e o Sénat (Senado). A Chambre de Représentants está composta por un máximo de 350 deputados, elixidos por sufraxio universal directo para un período de cinco anos. O Sénat comprende dúas categorías de membros: os senadores, elixidos polas asembleas provinciais e pola Asemblea da cidade de Kinshasa, que exercen o seu mandato durante cinco anos, e os senadores de dereito, aqueles que foron presidentes da República; en todo caso, o número total de senadores non pode exceder de 200. O sistema xudicial está baseado no dereito belga, con influencia das normas locais. Non recoñece a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte está en vigor; así, malia o compromiso adquirido polo goberno congolés de limitar a súa aplicación, durante o 2000 cumpríronse 35 condenas a morte, a maioría delas ditadas polo Tribunal de Orde Militar, que non se axusta ás normas procesais internacionais e as súas sentencias son inapelables. Segundo os informes de Amnistía Internacional, tanto nas zonas controladas polo goberno coma nas zonas dos grupos de oposición e forzas doutros países, foron numerosos os homicidios de civís desarmados e as torturas (incluída a violación) sobre o conxunto da poboación civil. Así mesmo, a guerra provocou o desprazamento de milleiros de cidadáns (segundo algunhas fontes preto de medio millón) que non gozaron de ningún tipo de axuda humanitaria e corren o perigo de morrer polas enfermidades provocadas pola fame. A liberdade de prensa está rigorosamente controlada; ademais, o goberno someteu baixo o seu control as principais emisoras de radio e televisión privadas. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de discriminación Racial; Convención sobre os Dereitos do Neno; Carta Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos (1981); e Carta Africana sobre os Dereitos e Benestar do Neno (1991). Así mesmo, no ano 2000 asinou o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e o Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de nenos nos conflitos armados. Historicamente, os partidos máis importantes son a Association des Bakongo (ABAKO, Asociación dos Bakongo), fundado por Kasavubu en 1950, e o Mouvement National Congolais (MNC, Movemento Nacional Congolés), fundado por Lumumba en 1958, que lideraron o proceso de independencia do país. En 1967, tralo golpe de estado de Mobutu, estableceuse un sistema de partido único no que o único partido legal era o Mouvement Populaire de la Révolution (MPR, Movemento Popular da Revolución). En 1990, coa recuperación do multipartidismo, os mobutistas reuníronse nunha formación chamada Forces Politiques du Conclave (FPC, Forzas Políticas do Conclave) que agrupaba entre outros partidos o histórico MPR e a Union des Fédéralistes et des Républicains Indépendants (UFERI, Unión de Federalistas e Republicanos Independentes). A oposición manifestouse a través de dúas forzas maioritarias: a Union pour la République et la Démocratie (URD, Unión para a República e a Democracia), liderada por Léon Kengo wa Dondo, que comprendía como partidos dominantes a Union des Démocrates Indépendants (UDI, Unión de Demócratas Independentes), do propio Léon Kengo wa Dondo; a Front Commun des Nationalistes (FCN, Fronte Común dos Nacionalistas), de Gérad Kamanda wa Kamanda; o Parti Démocrate et Social Chrétien (PDSC, Partido Socialdemócrata Cristián), de Jean-Marie Kititwa Trimansi; e a Union Nationale des Démocrates Fédéralistes (UNADEF, Unión Nacional dos Demócratas Federalistas), de Charles Mwando Nsimba. A oposición radical expresada pola USORAL, que se mantivo unida antes do inicio da guerra de 1996, estaba liderada por Etienne Tshisekedi wa Mulumba e por Frédéric Kibasa Maliba. Fóra desas dúas correntes políticas (mobutistas e opositores), existía unha corrente lumumbista conducida polo Parti Lumumbiste Unifié (PALU, Partido Lumumba Unificado), liderado por Antoine Gizenga. Despois da chegada ao poder de Kabila, limitouse a actividade política monopolizada pola Alliance des Forces Démocratiques pour la Libération du Congo-Zaïre (ADFL, Alianza das Forzas Democráticas para a Liberación do Congo-Zaire), formación na que se apoiara Kabila durante a súa rebelión e que estaba integrada por catro partidos: Parti de la Révolution Populaire (PRP, Partido da Revolución Popular), Conseil Nationale de Résistence pour la Démocratie (CNRD, Consello Nacional de Resistencia Democrática), Alliance Démocratique des Peuples (ADP, Alianza Democrática dos Pobos) e Mouvement Révolutionnaire du Zaïre (MRZ, Movemento Revolucionario do Zaire). Os grupos armados de oposición, que reciben o apoio de Rwanda e Uganda, son: Rassemblement Congolais pour la Démocratie-Goma (RCD-Goma, Unión Congolesa para a Democracia-Goma), Rassemblement Congolais pour la Démocratie-Mouvement de Libération (RCD-ML, Unión Congolesa para a Democracia-Movemento de Liberación) e o Mouvement pour la Libération du Congo (MLC, Movemento para a Liberación do Congo). Administrativamente, o país dívidese en 10 provincias e unha cidade (Kinshasa). O modelo federal instaurado en 1967, substituíuse por un modelo autonómico que restrinxe moito as competencias de cada provincia. A guerra na República Democrática do Congo repercute directamente nos seus conflitos internacionais; así, Rwanda e Burundi, que apoian os grupos armados de oposición ao goberno de Kinshasa, manteñen zonas ocupadas polos seus exércitos en territorios de soberanía congolesa. Así mesmo, mantén certos litixios coa República do Congo relacionados coa delimitación da fronteira no leito do río Congo. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e está asociado á UE.
Historia

Os primeiros poboadores
Os primeiros habitantes da conca do Congo foron as tribos pigmeas de cultura paleolítica que habitaban nas rexións selváticas, e os bosquimáns das sabanas. Ambos os grupos foron desprazados pola chegada dos pobos bantús, orixinarios de Nixeria, Chad e Camerún, ao redor do 1500 a C. Os grupos bantús establecéronse nas sabanas que se estendían ao longo das selvas do Congo. Outros pobos de orixe sudanesa establecéronse no s XIV a C no NL. Os bantús introduciron novos cultivos e desenvolveron unha activa economía mercantil derivada da metalurxia do cobre e do ferro e das técnicas do coiro, dende o s VIII. Na rexión de Katanga, nas fronteiras da República Democrática do Congo, Angola e Zambia, as tribos lubas ou balubas, vinculadas ao comercio dos bantús, desenvolveron unha importante explotación mineira do cobre entre os ss X e XV.
Os reinos congo: do comercio de escravos aos exploradores europeos
A finais do s XIV existían unha serie de reinos e estados vasalos ou satélites do Reino do Congo: Luango (na costa das actuais Gabón e Congo); Kacongo, Congo, Cabinda, Ngoyo (máis ao interior); Matamba e Imbangwla no val do río Kuango (Angola-República Democrática do Congo); Ndongo e Mbundu no val do Cuanza (Angola); Ovimbundu (entre o Cuanza e a costa); e Kuba no río Kassai. O señor do Congo, Manicongo, exercía o seu protectorado sobre estes reinos tributarios, dende a capital de Mbanzakongo (Angola), e recibía tributos e regulaba as súas relacións. Os portugueses, capitaneados por Diogo Cão, descubriron a desembocadura do río Congo (1482) e fundaron unha colonia dende a que se produciron os primeiros intercambios comerciais. O Manicongo Nzanga Nkuwu consolidou o seu poder axudado polas armas dos portugueses, pero a nova situación orixinou dous problemas: a intensificación da escravitude e a introdución do cristianismo despois do bautismo do monarca, co nome de Xoán I, e da súa corte. A monopolización do comercio de escravos polos monarcas portugueses e congoleses, molestou os intermediarios de São Tomé, que fomentaron os movementos desestabilizadores. A participación dos xesuítas nos asuntos internos do goberno, unido ao desexo de Afonso I do Congo de establecer un vínculo directo co papado, levou á ruptura cos portugueses (1544) durante o reinado do seu sucesor Diego I, que limitou o comercio cos portugueses e iniciou un proceso de reafricanización. Os portugueses tentaron recuperar a súa privilexiada situación impoñendo un candidato á sucesión, pero despois dun sanguento conflito fracasaron na tentativa e Álvaro I fíxose co poder (1568). O reino quedou moi debilitado e a hexemonía pasou ao reino de Ndongo. Os portugueses buscaron unha nova base para o seu comercio de escravos e atopárona nas costas da actual Angola, en Luanda, pero dende moi cedo tiveron que enfrontarse cos reis de Ngondo, que os derrotaron en Ngoleme (1590). A consecuencia destes conflitos, produciuse na rexión unha modificación dos centros de poder e, mentres, Luango asumiu un papel dominante na rexión de Gabón-Congo, no S; nas actuais provincias de Kivu e Shaba, apareceu durante o s XVI o imperio dos lubas, que substituíu o reino do Congo e acadou o seu apoxeo durante os ss XVII e XVIII. Os holandeses tomaron os portos de São Tomé e São Paulo de Luanda (1641), na desembocadura do Congo, mentres que o reino do Congo se afundía e os reinos de Kouba e Lunda acadaban unha grande importancia durante o s XVII. A comezos do s XIX, os guerreiros zandeses, orixinarios do actual Sudán, crearon o reino de Zandé na sabana setentrional, e no 1815 Nabiembali fundou o estado de Mangbetu no NL. Despois das guerras napoleónicas, a conca do Congo foi parcialmente explorada polo inglés Tuckey, quen remontou o curso do río ata as fervenzas de Yelala (1816). O seu labor continuárono outros exploradores, como o alemán Pogge e o austríaco Lux.
A colonización

As exploracións realizadas por David Livingstone (1840-1870) e Verney Cameron (1873-1875) permitiron coñecer o interior do territorio. En 1876, o monarca belga Leopoldo II organizou unha conferencia xeográfica internacional e, a través da Asociación Internacional de África Central, financiou as expedicións do periodista Henry Morton Stanley (1874-1878), que conseguiu asinar numerosos tratados de comercio ou protección cos xefes locais das beiras do Congo. Mentres, os franceses, dirixidos por Brazza, instaláronse na marxe dereita do río e constituíron o Congo francés. Baseándose nestes acordos e coas factorías belgas establecidas na desembocadura do río, creouse un sistema de explotación do país que se confirmou na Conferencia de Berlín (1884). O Estado Libre do Congo naceu baixo a soberanía persoal de Leopoldo II, aínda que abriu as súas fronteiras ao comercio internacional, ao tráfico fluvial e declarou ilegal o comercio de escravos. O 6 de maio de 1884, Leopoldo II constituíu en Bruxelas o goberno do Congo e substituíu a Stanley por sir Francis de Winton, que exerceu o cargo de administrador xeral e dividiu o territorio en distritos dirixidos por comisarios. En 1891 comezou a explotación intensiva das riquezas naturais, como o marfil e o caucho natural, producido nas terras que se reservou o Estado. Ao mesmo tempo, o Estado Libre organizouse en unidades de goberno local, establecidas a partir das institucións políticas tradicionais. O Estado Libre do Congo ampliou os seus dominios a expensas dos franceses, ingleses e portugueses, e avanzou ata a British South Africa Company polo S; en 1894, Francia e o Reino Unido detiveron a súa expansión polo N e polo L. Malia os fortes investimentos e os grandes beneficios, a colonia non resultaba tan rendible como esperaba o monarca belga, e as autoridades comezaron a enfrontarse coa oposición dos xefes locais e dos árabes, que tiñan sometido a preto dun terzo do país. As tropas indíxenas, creadas en 1888, empregáronse para someter a resistencia anticolonial e recadar os impostos, recorrendo aos traballos forzados para amortizar os capitais empregados. As denuncias dos abusos cometidos polos administradores do Estado Libre do Congo, que manifestou a Asociación Reformista do Congo en Londres (1903-1904), orixinaron a creación dunha comisión internacional o 24 de xullo de 1904, que investigou as crueis prácticas empregadas para a produción de caucho. Calcúlase que entre 1885 e 1907 morreron ao redor de 3 millóns de africanos como consecuencia dos métodos empregados polos colonos. O escándalo chegou coa protesta internacional e as acusacións dos parlamentarios belgas; isto provocou que o Parlamento belga votase a favor da anexión do Estado Libre do Congo, circunstancia que se produciu o 13 de decembro de 1906. Converteuse oficialmente na colonia do Congo Belga o 20 de agosto de 1908, polo que se fixaba un novo estatuto administrativo e político, no que o monarca lexislaba en colaboración co ministro das colonias e coa axuda dun consello colonial. O gobernador xeral, que dispuña do poder local, dirixía a colonia mediante ordenanzas; á parte instituíuse unha comisión de protección dos indíxenas, independente do gobernador e presidida polo procurador xeral, en Leopoldville. O goberno belga emprendeu a construción de vías de tren e inaugurou en 1913 a liña que unía o país con Sudáfrica; tamén estimulou os sectores agrícola e mineiro (cobre, ouro e diamantes), mentres o exército colonial belga se ocupaba de reprimir as sublevacións orixinadas polo mantemento do sistema de traballos forzados e pola introdución dunha fiscalidade que obrigaba ao pagamento de impostos en moeda e non en especie. Inspirado no sistema inglés da indirect rule, o goberno belga outorgoulles aos colonos as funcións de xefe do pobo, encargado do cobro dos impostos e do mantemento das estradas. A depresión mundial de 1929-1930, que afectou enormemente á produción do Congo, non impediu a formación dunha potente estrutura financeira en mans dos europeos. O gobernador xeral, Auguste Tilkens, decretou unha centralización administrativa radical entre 1933 e 1934, co que xeneralizou o sistema dos sectores ou das grandes unidades administrativas dotadas de institucións de goberno modernas, e creou as dúas novas provincias de Kasaï e Kivu, que se uniron ás catro xa existentes (Congo Kasaï, Ecuador, Provincia Oriental e Katanga). As reaccións da poboación indíxena reprimíronse enerxicamente e a oposición tivo que adoptar, na maioría dos casos, formas relixiosas (kimbanguismo, seita kitawala, islamismo, etc). O Congo Belga participou no esforzo aliado da Segunda Guerra Mundial e converteuse nunha das reservas máis importantes de materias primas (uranio, cobre, estaño, caucho, cobalto, cinc, etc), pero a superexplotación do país motivou diversas revoltas e folgas. As primeras protestas producíronse en Likasi e Lubumbashi en 1941, e remataron en masacres; o deterioro das condicións de traballo e o recrutamento masivo de traballadores para as minas orixinou novas revoltas nas provincias de Kasaï e Katanga en 1944. O ritmo expansivo continuou grazas á guerra de Corea.
A descolonización
O progreso político non acadou o mesmo ritmo, e os congoleses permaneceron afastados dos cargos de responsabilidade, tanto na administración pública coma nas empresas privadas e no ensino superior. Durante a década dos cincuenta produciuse un cambio social, como consecuencia das demandas das áreas rurais durante os anos das dúas guerras mundiais, unidas ao profundo impacto psicolóxico das reformas constitucionais da posguerra, introducidas nos territorios veciños da África francófona; todo isto orixinou un clima de malestar social axeitado para o desenvolvemento dos sentimentos e actividades nacionalistas. As primeiras organizacións africanas estaban formadas por antigos alumnos das escolas católicas (como a Unión de Antigos Alumnos dos Irmáns Maristas), ou eran de orixe tribal, como a Association des Bakongo (ABAKO) creada baixo a dirección de Joseph Kasavubu en 1950 e que reclamaba a federalización do país. En 1956, Kasavubu redactou un programa político como resposta ás ideas presentadas polo profesor belga A. A. J. van Bilsen, que rexeitaba a idea dunha comunidade belga-congolesa. O 8 de decembro de 1957 os habitantes africanos da colonia participaron por primeira vez na elección dos membros dos consellos municipais e Kasavubu, que saíu vencedor nas eleccións municipais das principais cidades, esixiu melloras políticas, educativas e informativas. O Mouvement National Congolais (MNC, Movemento Nacional Congolés), fundado en outubro de 1958 por Patrice Emery Lumumba, tentou impoñer a idea dun goberno unitario cunha vocación claramente nacional e, despois do desterro dos principais dirixentes de ABAKO a comezos de 1959, asumiu a dirección do movemento independentista. O 4 de xaneiro de 1959 producíronse manifestacións e disturbios en Leopoldville que se saldaron coa morte de varios africanos a mans das forzas de seguridade. A violencia estendeuse coa axitación nacionalista e desembocou nunha situación que fixo imposible o control por parte da administración. En xuño de 1959, os partidos nacionalistas do Congo solicitaron a creación no O do país dunha República do Congo, pero a turbulencia da situación impediu calquera acto dos belgas ata que en xaneiro de 1960 se convocou unha rolda de conferencias en Bruxelas, nas que participaron un bo número de organizacións nacionalistas co propósito de negociar dun xeito viable a transferencia de poderes. Nas eleccións de maio de 1960, o MNC acadou o primeiro posto e Lumumba foi nomeado primeiro ministro e xefe de goberno, mentres Kasavubu ocupaba a presidencia. O Rei Balduíno I de Bélxica proclamou a independencia da República do Congo o 30 de xuño de 1960.
A Primeira República

Inmediatamente despois da proclamación da independencia, sucedéronse os conflitos étnicos e os actos de violencia contra os europeos, ao que se sumou a proclamación de independencia da provincia de Katanga, liderada por Moïse Kapenda Tshombe, apoiado polos belgas. En xullo de 1960, o primeiro ministro Lumumba e o presidente Kasavubu pediron a intervención da ONU, que votou unha resolución na que solicitou a retirada das tropas belgas e acordou o envío de 19.000 homes para substituílas. A insistencia da ONU no emprego da forza para permitir a restauración do goberno central, enfrontouse coa oposición do Presidente Kasavubu. O primeiro ministro Lumumba solicitoulle axuda á URSS e pediulle que enviase tropas a Katanga, pero o Presidente Kasavubu cesouno o 5 de agosto de 1960 e nomeou a Joseph Ileo primeiro ministro co apoio da ONU. O proceso de fragmentación continuou e a provincia de Kasaï sublevouse, en agosto de 1960, baixo o mando de Albert Kalondji, quen se proclamou emperador dos balubas. O coronel Mobutu dirixiu un golpe de estado militar o 14 de setembro de 1960, suspendeu o Parlamento e a Constitución, e o día 19 de setembro apadriñou un Colexio de Comisarios que substituíu os órganos do poder como goberno provisional. En decembro de 1960, Lumumba foi capturado despois da súa fuxida de Leopoldville, e o coronel Mobutu enviouno a Katanga, onde foi executado polo goberno dirixido por Moïse Kapenda Tshombe, en febreiro de 1961. Ao Colexio de Comisarios substituíno un goberno provisional dirixido por Joseph Ileo en febreiro de 1961. Neste momento convivían no país tres gobernos: o de Ileo, recoñecido polos occidentais, o lubumbista, instalado na provincia de Kisangani e dirixido por Antoine Gizenga co apoio dos países socialistas e de Exipto, e o de Moïse Kapenda Tshombe, con escasos apoios internacionais. Segundo un convenio asinado polo Parlamento, un novo goberno civil chegaba ao poder encabezado por Cyrile Adula o 2 de agosto de 1961. A guerra civil continuou ata xaneiro de 1963, cando as tropas da ONU venceron os núcleos de resistencia e entraron na capital de Katanga. As folgas e as rebelións continuaron destruíndo o país e, en xullo de 1964, o antigo líder secesionista e defensor dos intereses neocoloniais, Moïse Kapenda Tshombe, foi nomeado primeiro ministro nun goberno de Saúde Pública. O conflito coa poboación branca agravouse, feito que xustificou a intervención de mercenarios estranxeiros e tropas belgas coas que derrotou os sublevados, malia que tivo que abandonar o poder en 1965, ante a presión de Kasavubu.
A Segunda República: o réxime ditatorial de Mobutu
Mobutu, que fora nomeado comandante en xefe do exército nacional congolés, deu un novo golpe de estado o 24 de novembro de 1965, co que derrocou o Presidente Kasavubu e o primeiro ministro Evariste Kimba. Outorgouse plenos poderes e prohibiu toda actividade política durante cinco anos, agás a do seu partido, o Mouvement Populaire de la Révolution (MPR, Movemento Popular da Revolución), instituído o 21 de xuño de 1967. Reduciu o soldo dos funcionarios, suspendeu o dereito a folga, restableceu as relacións con Bélxica e nacionalizou as grandes compañías, aínda que o seu control permaneceu en mans estranxeiras. Mobutu foi elixido presidente nas eleccións de 1970 e o “mobutismo” (mestura de nacionalismo, mesianismo e africanismo) converteuse na doutrina oficial do país. Despois de executar os seus adversarios políticos, emprendeu unha política denominada de autenticidade, polo que procedeu á africanización dos nomes das vilas e dos ríos. En 1971 cambiou o nome do Congo polo de Zaire, a capital pasou a coñecerse como Kinshasa en 1972, e o seu propio nome polo de Mobutu Sese Seko. Durante o seu mandato a corrupción do réxime, as oscilacións do prezo do cobre, o fracaso da incipiente industrialización, o déficit exterior e a inflación, orixinaron unha forte crise, agravada pola crise mundial de 1973. Deste xeito, aumentou a dependencia de Zaire con respecto aos EE UU, Bélxica, Francia e Israel. En 1977 xurdiron guerrillas revolucionarias na rexión de Shaba (antiga Katanga) encabezadas pola Front National de Liberation du Congo (FNLC, Fronte Nacional de Liberación do Congo) que contaba co apoio da URSS e do presidente de Angola, Agostinho Neto. O réxime de Mobutu enfrontouse ás ofensivas co apoio militar de Francia, Bélxica, Marrocos e Exipto, e coa axuda loxística dos EE UU, pero viuse na obriga de introducir reformas políticas. En xullo de 1977, Mobutu anunciou a democratización do MPR, un proceso de descentralización administrativa e a creación do posto de primeiro comisario do Estado (primeiro ministro). Organizou tamén unhas eleccións parlamentarias (1977) e concedeulles algunhas atribucións aos membros dese Parlamento. En 1980, os grupos opositores reunidos en Bruxelas fundaron o Conseil pour la Liberation du Congo-Kinshasa; mentres, Nzuga Karl I Bond foi nomeado primeiro ministro, pero dimitiu en abril de 1981 e fuxiu a Bélxica, onde formulou duras críticas ao réxime de Kinshasa e se presentou aos ollos dos gobernos occidentais como un sucesor viable de Mobutu. A corrupción imperante no goberno do Zaire levou a economía a unha situación moi delicada e as potencias occidentais interviñeron para garantir o control sobre os recursos do país a traves do FMI, que renegociou a débeda, a cambio de obter o control da economía do país dende 1980. A intervención dos técnicos do FMI supuxo unha mellora nas estatísticas económicas e abriu as portas ao cobro dos acredores internacionais; sen embargo, empeorou a situación dos zaireses pola política de restrición. Mobutu procedeu a diversos cambios nos ministerios en 1982, 1984 e 1985, e concedeu unha amnistía (1983), aínda que continuaron os reiterados abusos dos dereitos humanos. Mabi Mulumba foi designado primeiro ministro en 1986, en substitución de Kengo Wa Dondo. As relacións cos países veciños complicáronse pola presenza de refuxiados nas áreas fronteirizas; en especial, destacaron os conflitos con Tanzania e Angola. Entre 1978 e 1985, os xefes de estado de Zaire e Angola asinaron acordos polos que se comprometían a non dar apoio aos respectivos movementos rebeldes. En 1982 restableceu as relacións con Israel e apoiou a anexión do Sáhara Occidental por parte de Marrocos, feito que provocou a suspensión da súa participación na OUA, entre os anos 1984 e 1986. O réxime zairés, marcadamente prooccidental, enviou no ano 1983 tropas a Chad para axudar o goberno do presidente Habré.
A transición
En abril de 1990, Mobutu decretou a finalización do sistema de partido único e comezou un proceso de organización política cara a unhas futuras eleccións. A este proceso sumáronse numerosas asociacións, que esixiron a súa legalización. Superado pola masiva afluencia de grupos políticos, o goberno tivo que frear esta medida, pero enfrontouse coas mobilizacións populares encabezadas polos universitarios que pedían a dimisión de Mobutu. A dureza da represión deste movemento, no que morreron asasinados máis de 100 estudiantes, motivou a repulsa en todo o país e folgas nas grandes empresas mineiras (Gecamina). Ao ceder ás presións internas e do estranxeiro, Mobutu emprendeu unha nova apertura política e autorizou o multipartidismo, pola lei do 18 de decembro de 1990. Os partidos que debían reunir uns requisitos definidos pola Corte Suprema da República, como non ter un carácter tribal ou relixioso, chegaron ao número de 19. Os grupos opositores xuntáronse nunha Unión Sagrada, unha fronte composta por nove partidos e dirixida por Etienne Tshisekedi, que esixiu en decembro a renuncia de Mobutu e a convocatoria dunha Conferencia Nacional para decidir o futuro político do Zaire. O deterioro da situación económica, provocada pola caída das cotizacións das materias primas, xunto ao fracaso da conferencia convocada para decidir o futuro político do país, orixinou unha violenta sublevación en setembro de 1991, que ocasionou a intervención das tropas de Bélxica e Francia para evacuar os residentes estranxeiros. A Conferencia Nacional, convocada para determinar o futuro do país, púxose en marcha a comezos de 1992 e, despois dun intento de supresión, subleváronse algúns grupos do exército, seguidos de numerosas manifestacións populares. A sublevación foi reprimida, pero as presións económicas da Comunidade Europea e EE UU levaron a Mobutu a anunciar a reapertura das sesións en marzo de 1992, baixo a presidencia do arcebispo Monsegwo Pasinya. A Conferencia Nacional elixiu a Etienne Tshisekedi como primeiro ministro da transición por un período de 24 meses, co que substituíu a Nguza Karl I Bond, e nomeou, o 6 de decembro de 1992, unha nova asemblea que os sucedería, o Haut Conseil de la République (HCR, Alto Consello da República) con funcións lexislativas e de control. Tshisekedi, que chocou dende o primeiro momento cos intereses políticos de Mobutu, tivo que enfrontarse á lamentable situación do país, sacudido por sanguentos enfrontamentos étnicos na rexión de Shaba e cunha inflación que acadaba o 16.500%. O exército sublevouse despois de recibir o pago dos seus atrasos en moeda fóra de curso e a inestabilidade do país aumentou ata tal punto que os EE UU, Bélxica e Francia presionaron a Mobutu para que cedese o poder ao goberno de Tshisekedi. A comezos de marzo de 1993 Mobutu, que buscaba unha vía para recuperar parte da súa autoridade política, aceptou un texto constitucional distinto do aprobado pola Conferencia Nacional en 1992 e nomeou primeiro ministro a Faustin Birindwa, polo que o país se atopou con dous executivos enfrontados. O proceso de desintegración política do Zaire levou a Mobutu e á oposición, representada pola Unión Sagrada, a iniciar conversas que, con diversas fases e interrupcións, concluíron cun acordo para a creación dun goberno de transición. León Kengo wa Dondo, un coñecido líder da oposición de carácter moderado, foi elixido primeiro ministro deste goberno en xuño de 1994, pero a oposición radical rexeitou o novo líder e esixiu o retorno de Tshisekedi. Leon Kengo wa Dondo buscou recuperar a confianza da comunidade internacional, e comprometeuse a realizar un cambio político marcado por uns profundos axustes económicos. En 1994 desencadeouse un conflito entre Rwanda e Burundi, que orixinou preto dun millón e medio de refuxiados no territorio do Zaire, e cambiou a marcha cara á hipotética democratización na que Mobutu parecía controlar todos os resortes. A Comunidade Europea mellorou as súas relacións co Zaire, como consecuencia da política do novo goberno e da necesidade de empregar o seu territorio como base para a intervención humanitaria organizada por Francia e para o establecemento no seu territorio de numerosos campos de refuxiados. Mobutu aproveitou a situación e conseguiu unha nova remesa de axuda internacional en outubro de 1995 e a renegociación da axuda estrutural europea; sen embargo, os centros de refuxiados constituíronse en bases dos tutsis para a reorganización e o recrutamento da oposición, polo que as loitas se xeneralizaron malia as expulsións masivas de refuxiados.
A Guerra Civil e a Terceira República

A situación empeorou coa aparición de guerrillas da etnia tutsi no propio Zaire, na rexión oriental da provincia de Kivu. A finais de 1996, os tutsis banyamulenges encabezaron unha ofensiva contra o goberno, á que se adheriron outros grupos étnicos que formaron a Alliance des Forces Démocratiques pour la Libération du Congo-Zaïre (ADFL, Alianza das Forzas Democráticas para a Liberación do Congo-Zaire), composta por cinco grupos principais, entre os que se incluían o Parti de la Révolution Populaire (PRP, Partido da Revolución Popular) baixo o liderado de Laurent-Désiré Kabila -un antigo adversario de Mobutu-, o Conseil Nationale de Résistence pour la Démocratie (CNRD, Consello Nacional de Resistencia para a Democracia), a Alliance Démocratique des Peuples (ADP, Alianza Democrática dos Pobos) e o Mouvement Révolutionnaire du Zaïre (MRZ, Movemento Revolucionario do Zaire). Estes grupos, que desenvolvían as súas actividades guerrilleiras nas rexións de Kasaï e Kivu, superaron na súa ofensiva as tropas zaireñas e os seus aliados das milicias hutus Interahamwe, coa conquista da cidade de Goma o 2 de novembro de 1996. Durante as seguintes semanas de loita, Laurent-Désiré Kabila impúxose como líder da ADFL, e Mobutu, que regresou dunha viaxe a Europa por motivos de saúde, constituíu un gabinete de crise no que incorporou ministros da oposición, aínda que mantivo á fronte a Léon Kengo wa Dondo. A evolución do conflito desvelou os intereses internacionais que apoiaban a cada un dos bandos; Francia e Bélxica defendían o réxime de Mobutu; mentres, Uganda e Rwanda, apoiadas por Sudáfrica e os EE UU, apoiaban a ADFL. Os rápidos avances das forzas da ADFL e o debilitamento do poder central, sumiron a capital nunha crise política en marzo de 1997, na que o primeiro ministro Léon Kengo wa Dondo foi destituído e situouse a Tshisekedi á fronte do goberno. Kinshasa foi ocupada polas forzas da ADFL en maio de 1997, e Mobutu abandonou o país e morreu catro meses máis tarde en Marrocos. Kabila, pola súa banda, obtivo un rápido recoñecemento internacional, incluídas Bélxica, Francia, os EE UU e o Reino Unido, e anunciou a disolución das vellas institucións. Presentou o seu gabinete, no que contou coa participación maioritaria dos membros da ADFL, aínda que tamén incluíu outros grupos opositores como a Union pour la Démocratie et le Progrés (UDPS, Unión para a Democracia e o Progreso Social), liderada por Etienne Tshisekedi wa Mulumba, e a Fronte Patriótica. O novo goberno cambiou o nome do país polo de República Democrática do Congo, e estableceu entre as súas prioridades a construción de infraestruturas de transporte e a modernización do país en sectores como a agricultura ou a produción enerxética. As tensións coa ONU, que comezaron cos informes de organizacións non gobernamentais nos que se evidenciaba o xenocidio cometido polas tropas de Kabila contra os refuxiados rwandeses, empeoraron coa política de persecucións contra a oposición. Kabila tentou gañar estabilidade nomeando un goberno de eficacia, no que lle deu entrada ao líder da etnia tutsi e fundador da ADFL, Deogratias Bugera. Pero con estas medidas non solucionou o descontento dos tutsi banyamulengue, desprazados dos núcleos de poder malia a súa participación na caída de Mobutu. A sublevación tutsi, co apoio rwandés, estableceu lazos co núcleo de tropas leais a Mobutu, que permanecían establecidas ao redor do porto de Matadi, e iniciaron unha estratexia conxunta de ataque. O movemento tutsi continuou o avance, seguiu unha ruta similar á de Kabila e conquistou as capitais mineiras do S en outubro de 1998. A situación de guerra estabilizouse nos primeiros meses de 1999 nunhas frontes que deixaban preto dun 45% do territorio en mans dos sublevados tutsis e doutros movementos. O 10 de xullo de 1999 asinouse en Lusaka un acordo de cesamento das hostilidades entre os distintos partidos implicados no conflito e os estados veciños, pero, a mediados do 2000, o proceso seguía bloqueado, mentres todas as partes implicadas aproveitaban a situación para reforzar as súas posicións. O comportamento do goberno de Kabila continuou marcado pola arbitrariedade e o retroceso en materia de liberdades, pero o presidente emprendeu unha infrutuosa reorganización gobernamental. A economía do país, neste contexto de guerra permanente, empeorou, e os movementos rebeldes, pola súa banda, continúan divididos e cunha escasa lexitimidade, mentres a oposición que non tomou as armas perdeu a súa forza. Kabila morreu en atentado en xaneiro do 2001 e sucedeuno o seu fillo, Joseph Kabila.