Congreso Obreiro Español
Asemblea celebrada en Barcelona entre o 18 e o 25 de xuño de 1870 que reuniu, por primeira vez, a delegados das sociedades obreiras de toda España. A súa convocatoria partiu do semanario internacionalista madrileño La Solidaridad e recolleuna o barcelonés La Federación. O lugar elixido para a súa celebración fixouse por un plebiscito entre a maioría das sociedades obreiras e asistiron 89 delegados con dereito a voto. Dende un principio o Congreso addheriuse á Asociación Internacional do Traballo (AIT). As principais cuestións debatidas e aprobadas foron: a acción sindical de resistencia ao capital; a defensa do cooperativismo pero non como o principal camiño da emancipación obreira; a organización social dos traballadores baseada nas seccións de oficios que se agruparían en federacións locais, e estas en federacións rexionais; e a actitude apolítica. Tralo Congreso constituíuse a Federación Rexional Española da AIT e fixouse a residencia do consello federal en Madrid.