congro

congro

(< lat congru)

Nome científico: [Conger conger, Fam doscóngridos]
s m [ANIMAL]

Peixe mariño de corpo alongado e cilíndrico, de ata 150 cm de lonxitude, aínda que os machos non superan os 60 cm. De cor acastañada escura no dorso e arxéntea no ventre, a súa pel non ten escamas e está cuberta dunha mucosa. A cabeza presenta unha boca grande e dous pares de orificios nasais, un na parte frontal e outro por detrás dos ollos. As aletas pectorais son grandes, a aleta dorsal percorre todo o lombo do animal e as aletas caudais e pélvicas están ausentes. É un depredador voraz que non despreza a prea. Habita nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, e no Mar Mediterráneo. Aínda que nada con facilidade, grazas aos movementos ondulantes das aletas dorsal e anal, ou mesmo de todo o corpo, pasa moito tempo agochado á espreita entre as penedías do fondo. As poboacións do Océano Atlántico crían no mar dos Sargazos. Logo da freza, os dous sexos morren. Cada femia pon ata 8 millóns de ovos dos que nacen unhas larvas peláxicas, de corpo comprimido e transparente, que se manteñen entre os 100 e 200 m de profundidade. Os alevíns son bentónicos e costeiros. Ao acadaren o talle de 60 cm, buscan augas máis profundas. A carne é branca, fina e de aroma refinado, aínda que presenta numerosas espiñas. É especialmente apta para sopas, arroz de peixe e guisos, e admite o seu secado, método de conservación practicado xa con anterioridade ao do bacallao.