Consorcio da Cidade de Santiago
Entidade de dereito público de carácter administrativo constituída o 28 de abril de 1992, a partir do Real Padroado da Cidade de Santiago polas administracións central (goberno da nación), autonómica (Xunta de Galicia) e municipal (concello de Santiago de Compostela). Con sede no pazo de Vaamonde, ten como obxectivos manter e xestionar as instalacións e equipamentos das que dispón e promover o exercicio coordinado das tres administracións públicas, especialmente no que se refire á protección e promoción exterior da cidade de Santiago e aos camiños de peregrinación no seu termo municipal. Ten as funcións de facilitarlle ao Real Padroado a infraestrutura administrativa necesaria; impulsar, promover e coordinar a execución dos seus acordos; asumir a execución dos proxectos e a xestión dos servicios, así como exercer aquelas funcións que as administracións consorciadas lle encomenden. Os seus órganos de goberno e administración son o consello de administración, o presidente (cargo que ocupa o alcalde de Santiago de Compostela) e o xerente. O seu financiamento correspóndelle ao goberno central, que achega o 65% do seu orzamento; á administración autonómica, que proporciona o 30%; e á corporación municipal compostelá, que dispón o 5% restante. Entre as principais xestións que realizou destaca a execución do proxecto municipal Compostela 93-99, de rehabilitación do centro histórico; a programación cultural de Compostela 93, durante a celebración do Ano Santo Xacobeo 1993; e a promoción turística da cidade entre 1992 e 1995, xestións nas que acadou sona internacional e obtivo importantes premios e recoñecementos, co que conseguiu fixar a Compostela como punto de interese turístico internacional de primeira orde. O primeiro presidente do organismo e impulsor foi Xerardo Denís Estévez Fernández, substituído por Xosé Antonio Sánchez Bugallo en 1998.