Constantino XI Paleólogo
o Dragases (? 1404 - Constantinopla 29.5.1453) Emperador bizantino (1449-1453). Sucedeu o seu irmán Xoán VIII, recibiu territorios do seu irmán Teodoro e adquiriu Clarentza por matrimonio (1428), para logo apoderarse do principado de Patras (1429). Foi rexente do Imperio Bizantino, mentres o Emperador Xoán VIII buscaba apoios no Occidente e tentaba a unificación das igrexas. Botou os turcos da Beocia e obrigou o duque de Atenas a recoñecerlle a soberanía e pagar tributos. Ao morrer o seu irmán, foi coroado emperador de Constantinopla no 1449, coa oposición do seu outro irmán Demetrio. Buscou apoios fronte aos otomanos entre os monarcas europeos, mentres no interior se enfrontaba coa oposición da Igrexa ortodoxa. Os otomanos iniciaron o asedio definitivo da cidade en 1453 e Constantino morreu no asalto que puxo fin ao Imperio de Bizancio.