Construtora San José
Empresa do sector da construción fundada en Pontevedra no ano 1975. Incorporou elementos, medios e traballos doutra empresa que viña traballando no sector da construción en Galicia desde 1962. A súa actividade centrouse na edificación, residencial e non residencial, e na rehabilitación. En 1982 transformouse nunha sociedade anónima. Dende a súa creación iniciou a expansión polo territorio nacional, e estableceu delegacións durante os anos oitenta nas comunidades autónomas de Andalucía, Asturias, Aragón, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Catalunya, Extremadura, La Rioja, Murcia, València. Durante os anos noventa a empresa estendeuse por Portugal, Alemaña, Arxentina, Chile, EE UU, Francia, México, Polonia e Uruguay. Co tempo, a facturación presentou un notable aumento, en 1980 ascendeu a 7,224 millóns de euros, en 1990 acadou os 87,766 millóns de euros e os resultados do 2000 foron de 300,91 millóns de euros. Ao longo da súa carreira, a construtora recibiu numerosos premios entre os que destacaban o Premio Europa Nostra en 1983 pola rehabilitación do mosteiro de San Rosendo de Celanova, e volveu conseguilo en 1993 pola rehabilitación do Colexio Máximo dos Xesuítas para a facultade de Dereito da Universidad de Alcalá de Henares, e tamén no 1994, pola rehabilitación de diversos tramos do Camiño de Santiago. En 1999 conseguiu o Premio Nacional de Arquitectura pola Estación de Autobuses de Córdoba, e no ano 2000 recibiu o Premio SECIL de Arquitectura (Portugal) pola construción da facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela. Durante os anos noventa e partindo da mesma creouse o Grupo San José.