contaminación

contaminación

(

  1. s f

    Acción e efecto de contaminar ou contaminarse.

  2. [ECOL]
    1. s f

      Modificación das condicións dun medio por mor da inclusión de axentes biolóxicos, químicos e físicos novos. As máis das veces é produto das actividades humanas. Os contaminantes poden presentarse como substancias, tanto en estado gasoso, líquido e sólido, ou tamén como enerxía en forma de calor, radiacións ou ruído. O home, na súa actividade, orixina millóns de toneladas de residuos ao ano. Estes residuos, ao abandonalos no medio sen ningún tipo de tratamento de depuración, constitúen os elementos contaminantes. Poden afectar ás augas, á atmosfera ou ao solo, ou a todos estes medios a un tempo debido ao poder de disolución da auga, que fai que algún dos elementos contaminantes pasen ao ciclo hídrico e por tanto o seu efecto engloba os distintos medios. O efecto, por tanto, pode ser máis ou menos localizado, como algúns tipos de contaminación térmica ou sonora, mentres que outras teñen un efecto a escala global, como algúns biocidas bioacumulables. Algunhas substancias contaminan moi lonxe do foco de emisión, como por exemplo a chuvia ácida. Dependendo do efecto que produza sobre os organismos, distínguese entre dano agudo e dano crónico. O primeiro deles é produto da exposición durante un curto período de tempo a altas concentracións do contaminante, motivado por un vertido descontrolado de residuos e que ten un prexuízo inmediato e permanente. O dano crónico é produto da exposición durante longos períodos de tempo a baixas concentracións do contaminante, que se pode manifestar en cambios na bioloxía dos organismos que a padecen, como a capacidade de reprodución, a produtividade, pautas de comportamento ou aspectos fisiolóxicos. Estes efectos poden pasar desapercibidos durante moito tempo por ter unha orixe difusa ou debido ao tempo de latencia dalgúns contaminantes, que no caso dalgunhas substancias radioactivas ou químicas chega a máis de 30 anos. Entre os contaminantes poden aparecer accións sinérxicas que provocan a intensificación da toxicidade dos vertidos ou tamén a degradación dalgúns ante a aparición de compostos químicos máis tóxicos ca o orixinal. A contaminación en moitos casos conleva a morte de seres vivos e incluso a extinción de especies, a alteración dos ecosistemas e, para o ser humano, a perda de calidade de vida por problemas de saúde e cambios no medio que supoñen a perda de valor paisaxístico e dos usos recreativo, comercial ou agrícola. A contaminación pode minimizarse mediante un tratamento previo á emisión dos residuos, a reutilización, os cambios nos procesos industriais para aumentar o rendemento do produto fronte ao residuo, diminuír as substancias de risco que nel interveñan e o control dos focos de emisión para asegurar que os residuos se manteñen dentro dos parámetros previamente establecidos como asumibles polo medio ambiente.

    2. contaminación acústica

      Perturbación do ambiente sonoro normal, orixinada por ruídos. A incidencia destes ruídos sobre o oído humano, que adoitan provocar xordeira, inflúe tamén sobre o resto do organismo e causa problemas de fatiga, estrés, dores de cabeza, sono, etc.

    3. contaminación atmosférica

      Cambio na composición do aire atmosférico que orixinalmente é máis ou menos constante en todo o planeta e que nun 99% corresponde a unha mestura de osíxeno e nitróxeno. Tamén se considera contaminada unha atmosfera con alteracións nas formas de enerxía presentes. Os compostos que maior variación posúen son o dióxido de carbono e o hidróxeno, que presentan un aumento importante nas proximidades das áreas industriais. Nestas zonas tamén están presentes algúns hidrocarburos, especialmente o acetileno. Entre as principais fontes de contaminación están: os automóbiles, as calefaccións, as centrais térmicas, a siderurxia, a metalurxia, a minería, a fabricación de cemento, a produción de fertilizantes, as refinerías de petróleo, a industria química inorgánica e as plantas incineradoras de residuos sólidos. A contaminación atmosférica constitúe unha problemática a nivel mundial, xa que as principais consecuencias son: o efecto invernadoiro, as chuvias ácidas, a destrución da capa de ozono, debido á presenza de compostos organohaloxenados, como os clorofluorocarbonos e a radiactividade. Atendendo a distintas clasificacións pódense distinguir: contaminantes gasosos (SO 2 , NO, CO 2 , NO 2 , ozono, ácido nítrico, hidrocarburos, amoníaco, etc); partículas contaminantes (cinsas, lixos metálicos, etc); orgánicos (hidrocarburos poliaromáticos, aldehidos, fenois, etc); e inorgánicos (CO, CO 2 , SO 2 , H 2 SO 4 , H 2 S, NO 2 , halóxenos, metais e catións). Moitos destes compostos poden reaccionar unha vez na atmosfera e dan lugar a compostos contaminantes novos, como é o caso do SO 2 , de toxicidade limitada a partir dos 2 ppm que, cando se oxida, crea ácido sulfúrico e orixina a chuvia ácida. O contaminante atmosférico máis común é o monóxido de carbono, produto de combustións incompletas como as dos motores de explosión. Este gas aféctalle ao home debido á afinidade que ten coa hemoglobina das células vermellas ás que resta efectividade na asimilación de osíxeno. Entre os hidrocarburos destacan, sobre todo pola súa participación en reaccións fotoquímicas, as olefinas, orixinadas en instalacións petrolíferas e combustións incompletas. Os óxidos de nitróxeno, produto dos vehículos e da fabricación de ácido sulfúrico e nítrico, en presenza de hidrocarburos e raios ultravioletas solares, dan lugar a ozono e a gran número de oxidantes, que provocan o smog.

    4. contaminación biolóxica

      Cambios nun ecosistema debidos á aparición de formas de vida alóctonas.

    5. contaminación das augas

      Alteración do equilibrio dos ecosistemas acuáticos, con perturbación do seu ciclo natural polo home, a miúdo orixinada polo emprego abusivo da auga como vehículo de restos e residuos ocasionados pola actividade humana. A materia orgánica (contaminación orgánica), procedente sobre todo dos núcleos urbanos, eutrofiza a auga e consome o osíxeno disolto, feito que provoca a morte de moitas especies. As diferentes actividades e explotacións humanas introducen nas augas os seguintes contaminantes: pesticidas (herbicidas, funxicidas e insecticidas), residuos orgánicos e bacteriolóxicos, combustibles perdidos durante o transporte (marea negra), metais pesados, deterxentes, sales minerais, materiais en suspensión e isótopos radioactivos (contaminación radioactiva). A variación de temperatura da auga (contaminación térmica), utilizada como refrixerante en centrais térmicas e nucleares, tamén pode comportar graves consecuencias para os seres que habitan alí. A contaminación das augas vén determinada pola esixencia nutritiva e ambiental de certos organismos (sistema de saprobios), indicadores bacteriolóxicos (sólidos, temperatura, cor, cheiro, turbidez), indicadores químicos (demanda biolóxica de osíxeno [DBO], nitróxeno orgánico e inorgánico, pH, cantidade de SH 2 e osíxeno disolto). A inxente cantidade de auga que a actividade humana esixe, obriga a desenvolver sistemas eficaces de tratamento e depuración.

    6. contaminación episódica

      Contaminación atmosférica intensa e concentrada sobre un espazo local concreto, que perdura durante un certo período de tempo máis ou menos extenso, debido a unha situación de estabilidade das masas de aire.

    7. contaminación fotoquímica

      Saturación de vapor de auga nas capas baixas da atmosfera, debido a factores de inversión térmica, onde están presentes axentes contaminantes oxidantes, como o ozono, produto da transformación de hidrocarburos e óxidos de nitróxeno presentes na atmosfera de certos núcleos urbanos ou industriais.

    8. contaminación radioactiva

      Impurificación dunha substancia ou dun medio provocada pola presenza de elementos radioactivos. Mídese por medio de detectores de radiación (contadores de Geiger-Müller ou de escintilizacións), e avalíase en becquereis (Bq) ou en curies (Ci) por m 2 ou m 3 . Cando os niveis de contaminación son moi baixos, a contaminación mídese en choques por segundo; un choque é a detección por un contador dunha partícula ou radiación ionizante. Cando a contaminación radioactiva se produce sobre un ser vivo, hai que distinguir entre a interna (inxestión ou inoculación de elementos radioactivos) e a externa (depósito da substancia contaminante debaixo do corpo). As doses iguais de diferentes radiacións ionizantes absorbidas non teñen o mesmo efecto biolóxico. Empréganse, polo tanto, os conceptos de dose absorbida (medida en grays [GY] e rads [rad]) e dose equivalente (medida en sieverts [Sv] e en rems [rem]). Así, un gray (100 rads) de radiación alfa é máis perigoso ca un gray de radiación beta. Polo que respecta á produción de lesións, fálase de doses equivalentes co fin de situar as diferentes radiacións ao mesmo nivel. A diferentes doses, entre os efectos máis importantes da contaminación radioactiva sobre o home hai que destacar: anorexia, vómitos, náuseas, afeccións da médula ósea, queimaduras na pel, eritemas, diminución ou perda da fertilidade, microcefalia, retrasos mentais ou de crecemento, e, con efectos máis lentos e retardados, aparecen desordes hemáticas, leucemias e outros tumores. A descontaminación conséguese por limpeza cando a contaminación é externa, mediante xabóns e deterxentes, e, se é interna, pode ser eliminada por lavado de estómago (se é por inxestión). No resto dos casos, hai que agardar a perda de actividade da substancia contaminadora polo ciclo biolóxico natural.

    9. contaminación térmica

      Cambios ambientais orixinados pola cesión de calor ao medio que ten orixe nas actividades humanas, relacionadas as máis das veces con procesos de refrixeración de centrais de obtención de enerxía. Dúas terceiras partes da enerxía xerada nunha central disípanse no ambiente como calor e só se aproveita unha terceira parte; moitas veces, os sistemas de refrixeración están asociados a cursos ou masas de auga de onde desvían ou extraen o líquido que, unha vez que pasou polas instalacións e aumentou a súa temperatura, retorna á canle. Esta acción supón unha diminución importante do osíxeno en disolución da auga, á vez que perturba as taxas metabólicas dos seres vivos, feito que desequilibra o ecosistema acuático e provoca frecuentemente a súa eutrofización. Este cambio na temperatura da auga tamén provoca cambios nos ritmos biolóxicos e un aumento da presenza de patóxenos. Para aproximar a temperatura de saída á do río están as torres de arrefriamento, nas que se distinguen dous tipos principais: o tipo húmido crea dentro da torre finas películas de auga que aumentan a superficie e por tanto arrefrían, á vez que un 2% do volume total se evapora e abandona a torre pola parte superior mediante unha corrente forzada. O tipo seco arrefría a auga que circula por un sistema de tubos mediante correntes de aire e, por tanto, sen perda de auga. Ambos os sistemas crean cambios locais, o primeiro por aumentar a humidade relativa e o segundo por crear unha corrente de aire quente. As cidades, dada a gran cantidade de enerxía que se consome, tamén presentan unha atmosfera cunha temperatura superior á do seu contorno.

    10. contaminación transfronteiriza

      Emisión de contaminantes que lle afectan ao medio nun país distinto ao xerador. Acontece na contaminación da atmosfera e de ríos, mares e lagos.

  3. s f [LING]

    Tipo de formación de palabras na que se mesturan ou combinan entre si, en forma non canónica, dúas ou máis unidades lingüísticas para formar unha nova unidade. Así, por exemplo, en inglés a combinación de smoke ‘fume’ + fog ‘néboa’ deu lugar a smog ‘néboa fotoquímica’. Tamén se denomina cruzamento.

  4. s f [IND]

    Introdución indesexable dun elemento, chamado contaminante, nunha aliaxe, de xeito que modifica negativamente as súas propiedades.

Palabras veciñas

Contagem | contagotas | contaminable | contaminación | contaminador -ra | contaminante | contaminar