contaminatio*

contaminatio*
s f [LIT]

Método de composición ou adaptación teatral empregado na Roma clásica, que consistía en elaborar unha obra a partir da fusión de elementos tomados doutras obras escritas por autores precedentes, normalmente gregos. As débedas con modelos preexistentes podían ser máis ou menos importantes no conxunto total; podían oscilar entre a tradución literal de pasaxes enteiras, nos casos máis extremos, e a adaptación do material herdado, ampliando ou resumindo episodios, modificando nomes e situacións sobre un mesmo esquema, etc. Empregárono sobre todo Nevio, Ennio, Plauto e Terencio. Os autores entendían a creación como unha nova versión dunha serie de modelos e temas prefixados, sentidos como un canon de autoridades que englobaba as distintas posibilidades do coñecemento. A orixinalidade do artista dependía, non da proposta de formas innovadoras, senón da combinación harmoniosa do saber herdado, baixo un novo enfoque. No eido da crítica textual, o termo refírese ao emprego de distintas versións dun texto nunha mesma copia manuscrita, sen que haxa indicación da súa orixe diversa, cando o copista consideraba que na versión que manexaba existían malas lecturas, puntos confusos ou lagoas de información.

Palabras veciñas

contaminador -ra | contaminante | contaminar | contaminatio* | contapasos | contaquilómetros | contar