Contemporáneos
Grupo poético xurdido en México entre os anos 1917 e 1931 ao redor da revista Contemporáneos (1928-1931). Formado por José Gorostiza, Xavier Villaurrutia, Gilberto Owen, Carlos Pellicer, Bernardo Ortiz de Montellano, Enrique González Rojo, Jaime Torres Bodet e Salvador Novo, entre outros, supuxo unha reacción con respecto ao modelo das vangardas históricas, representado en México polo estridentismo (1921-1927). A publicación de Canciones para cantar en las barcas (1925), de Gorostiza; Reflejos (1926), de Villaurrutia; e Desvelos (1926), de Owen, marcou a liña de actuación estética -á marxe das diversas traxectorias individuais-, que se consolidou coa aparición da Antología de la nueva poesía mexicana (1928), de Jorge Cuevas, considerada o texto fundacional da poética do grupo. Son poetas próximos á poesía pura cultivada en Europa no período de entreguerras, con preocupacións exclusivamente literarias e interese pola Arte Nova, que comparten un mesmo rigor crítico, o afán experimental e a vontade de modernidade. Postularon a creación dunha linguaxe propia que reunise tradición, vangarda e arte popular, e pretenderon unir o individuo coa comunidade e a súa propia historia a través da revisión do pasado desde o presente. Reivindicaron, entre outros, a Góngora, sor Juana Inés de la Cruz, Quevedo, Lope de Vega e Gil Vicente, o legado das culturas indíxenas precolombinas e as correntes renovadoras europeas de Paul Valéry, Jean Cocteau, André Gide e Marcel Proust. A súa poesía caracterízase por unha linguaxe hermética elaborada a partir de complicadas metáforas e imaxes, de préstamos e homenaxes a outros escritores. Suprime a anécdota, a descrición, o sentimentalismo de emocións falsas na procura dunha expresión abstracta que permita afondar no desexo, no medo, na angustia, no gozo, etc, desde unha perspectiva universal.