contido -da
(< conter)
-
p reg
de conter.
-
adx
Que se contén ou que tende a conterse.
Ex: Esa furia contida farate sufrir toda a vida.
-
s
m
Aquilo que está dentro doutra cousa.
Ex: O contido do bote debe estar en estado líquido para que se poida tomar.
-
s
m
Materia ou argumento dun discurso, dunha obra ou doutra composición.
Ex: O contido do filme é o máis destacable, xa que a forma non é moi innovadora.
-
s
m
[LING]
Conxunto formalizable de elementos que compoñen unha determinada unidade lingüística. Na teoría glosemática de Hjelmslev, o contido, ao opoñerse á expresión, correspóndese co que outras correntes denominan significado. Ambos os dous planos de abstracción, a expresión e o contido, presentan unha substancia, propiamente o significado, que se manifesta mediante unha forma, ou clase distribucional, que é característica de cada lingua (
Ex: Eu como, Yo como, I eat, Je mange, Io mangio). N. Trubeckoj utilizou o termo contido para referirse ao conxunto de trazos pertinentes que conforman todas as realizacións normais dun fonema. Así, en galego, se o fonema /p/ se opón ao /b/ polo trazo de ausencia da sonoridade, ao /f/ polo de oclusividade e ao /t/ pola labialidade, o contido do fonema /p/ componse dos seguintes trazos: xordo, oclusivo e labial.
-
s
m
[LIT]
Termo empregado pola crítica literaria tradicional para referirse ao significado, argumento, tema ou “fondo” da obra literaria, en contraposición á forma ou expresión verbal que lle corresponda. Tendíase a valorar a forma desde unha perspectiva exclusivamente retórica, como un simple adorno que lle servía de vehículo ao tema da obra. Esta primeira acepción foi cuestionada polos formalistas rusos, no campo da teoría literaria, e por L. Hjelmslev, no campo da lingüística, que vindicaron a importancia da forma e contribuíron a superar a tradicional división entre forma e contido. Os formalistas consideran que o texto literario é o resultado dun contido transmitido por medio dunha determinada forma ou expresión, de xeito que a variación na forma ten como resultado diferentes contidos, do que se deduce que a forma condiciona o contido e non ao revés. Como consecuencia, contido é forma e forma é contido xa que os distintos elementos constituíntes do texto (fónicos, morfolóxicos, sintácticos, léxicos, etc) conteñen unha carga significativa. Esta interrelación implica a imposibilidade de realizar un estudio illado de calquera deles: a análise do contido ten que ir acompañada da análise formal.
-
s
m
[PEDAG]
Acumulación de datos cualitativos que axudan a desenvolver o currículo. Normalmente, enténdese como a información relativa a unha área ou materia, sen embargo tamén pode comprender o dominio de destrezas e mesmo a consecución de actitudes. Neste sentido representa unha experiencia de aprendizaxe nun sistema de instrución. Os contidos posúen unha estrutura, é dicir, unha configuración organizativa que provoca un proceso de selección, cuantificación, cualificación e ordenamento, que os determinan porque dependen en gran medida das estratexias de aprendizaxe empregadas e do coñecemento da natureza intrínseca da información que, á súa vez, están en relación directa co alumno que aprende e coa situación na que se produce esa aprendizaxe. Tradicionalmente, o sistema educativo unicamente consideraba os contidos de tipo conceptual. O alumno, entón, limitábase a estudar e a aprender aquilo que se lle sinalaba de xeito expreso aínda que non tivese relación coa súa realidade ou experiencia. As propostas curriculares desenvolvidas desde a década dos anos oitenta do s XX en Europa, entre elas a LOXSE en España, entenden por contido tanto os tradicionais, os de tipo conceptual, coma outros que estaban aparentemente esquecidos nos plans de estudio: os contidos relativos aos procedementos e ás normas, valores e actitudes. Todo contido que se aprende é susceptible de ser ensinado e, se desde sempre se veu considerando necesario e fundamental planificar a intervención educativa con respecto aos contidos de tipo conceptual, parece igualmente necesario e fundamental planificar a intervención educativa en relación aos outros dous tipos de contidos. No ámbito do Deseño Curricular Base (DCB), sobre o que se articula a reforma educativa española de 1990, unha vez establecidos os obxectivos xerais dunha área pásase a definir os bloques de contido. Estes bloques son agrupacións de contidos nos que se lle presenta ao profesor a información que se debería traballar en cada etapa. Nestes bloques márcanse en tres apartados distintos tres tipos de contidos: conceptuais, procedementais e actitudinais. Os primeiros presentan conceptos, feitos e principios; os dous primeiros sempre estiveron presentes nos programas escolares. Por principios hai que entender enunciados que describen cómo os cambios que se producen nunha situación ou obxecto se relacionan cos cambios que se producen noutra situación ou obxecto. Os contidos procedementais refírense ao conxunto de accións ordenadas orientadas á consecución dunha meta e entre eles distínguense as destrezas, as técnicas e as estratexias. O procedemento, que non debe confundirse con metodoloxía, é a destreza que se pretende que constrúa o alumno. É, polo tanto, un contido escolar obxecto de planificación e intervención educativa. A aprendizaxe dese procedemento pode traballarse utilizando distintos métodos. Os contidos referidos a valores, normas e actitudes, os actitudinais, suscitan moitas dúbidas sobre a súa pertinencia e inclusión no Deseño Curricular; aínda así, a aposta da Reforma encamíñase a intervir intencionalmente para favorecer as situacións de ensino que aseguren o seu desenvolvemento a partir das catro fontes do currículo -pedagóxica, psicolóxica, sociolóxica e epistemolóxica-,especialmente da sociolóxica. Os tres tipos de contidos son igualmente importantes, xa que colaboran en igual medida na adquisición das capacidades marcadas previamente nos obxectivos da área correspondente. A distinción entre eles é, sobre todo, de natureza pedagóxica. Non ten sentido programar actividades de ensino, aprendizaxe ou avaliación distintas para cada un deles.
-
s
m
[FILOS]
Cantidade de información que comunica unha hipótese ou teoría.