contrafactum*

contrafactum*
s m [LIT/MÚS]

Texto musical relixioso modificado para uso profano, ou á inversa. A súa práctica foi moi frecuente no s XIII, especialmente nos motetes ou nos cantos dos trobadores. Xa no s XVI, coa aparición do protestantismo, adaptáronse novos textos relixiosos a composicións musicais preexistentes. Esta técnica poética, moi estendida na literatura provenzal, consiste en reproducir para un texto a melodía e o esquema métrico e/ou rimático doutra composición que pode pertencer ou non á mesma tradición. Dado que os casos de recuperación melódica só poden establecerse naquelas líricas que conservan a notación musical dos seus textos, nas áreas en que esta non foi transmitida, como a galego-portuguesa, o único elemento que se debe ter en conta para fixar a relación de dependencia das cantigas é a coincidencia das estruturas métricas -especialmente cando destacan pola súa rareza-, porque (aínda que non sexa de forma inequívoca) reflicten as súas melodías. Na lírica galego-portuguesa a posta en funcionamento destes mecanismos de apropiación de elementos doutros textos poéticos dá lugar, en parte, á cantiga de seguir, definida na Arte de Trobar e permite dar conta do coñecemento que algúns trobadores teñen da produción de poetas provenzais como Peire Vidal. Esta práctica inscríbese, xa que logo, na categoría da intertextualidade, peza clave da creación poética trobadoresca, en tanto que permite establecer conexións entre diferentes textos e afianzar as relacións entre as diversas tradicións da lírica románica.