contrapunto

contrapunto

(

  1. s m [MÚS]

    Disciplina musical que consiste na superposición de varias liñas melódicas e que ten como base o concepto de intervalo. O termo provén do latín contrapunctus (‘contra nota’), ou sexa, ‘nota contra nota ’ e, por extensión, ‘melodía contra melodía’. Oposto á harmonía, historicamente máis recente e que ten como principio básico o acorde, utiliza as liñas melódicas simultáneas sen prescindir das conxuncións verticais e os sons considéranse en función das súas distancias recíprocas. Estilo polifónico dos compositores flamengos e italianos do Renacemento (Ockeghem, Palestrina), chegou á súa expresión máis perfecta durante o s XVI. No momento en que apareceu a escritura harmónica, gozou dun gran florecemento grazas a J. S. Bach. Segundo o carácter rítmico dado ás partes que fan o contrapunto do canto dado, existen cinco tipos de contrapunto, que poden constar de 2 a 8 voces: no primeiro, as partes do contrapunto están formadas polos mesmos valores que os do canto dado (contrapunto ‘nota por nota’); no segundo, dúas notas por unha; no terceiro, catro notas por unha; no cuarto, síncopes; e no quinto, florido (valores mesturados). O contrapunto a dobre coro é unha forma de contrapunto a 8 voces, de xeito que o conxunto polifónico forma un todo pero divídese en dous grupos independentes; os dous coros, escritos a catro voces, contéstanse un ao outro, alternan, únense ou mestúranse. No contrapunto por imitación, cando os intervalos dunha imitación contestan exactamente aos intervalos propostos, a imitación é regular. Será irregular cando a un intervalo maior corresponda un menor ou viceversa. No contrapunto dobre, as voces combínanse de xeito que poidan inverter a súa disposición.

  2. s m [LIT]

    Procedemento literario derivado da técnica musical coñecida co mesmo nome baseado na combinación simultánea de varios elementos antitéticos unidos harmonicamente, pero que manteñen a súa independencia. Acadou un maior desenvolvemento no eido da narrativa, onde se manifesta mediante a unión de distintos núcleos ou argumentos a través de puntos de enlace. Iniciado por James Joyce en Ulysses (1922), John Dos Passos ensaiou en Manhattan transfer (1925) un modelo de construción fragmentaria que implicaba a alternancia paralela de varios núcleos narrativos: cada capítulo incluía varias escenas que reflectían unha sucesión de vidas no marco común de Nova York. O procedemento asentouse con Point counter point (Contrapunto, 1928), de Aldoux Huxley. Posteriormente, empregárono autores como William Faulkner, Jean Paul Sartre ou Camilo José Cela. No teatro, consiste na presentación dunha serie de intrigas paralelas que se suceden contrastando unhas con outras; e en poesía prodúcese cando se superpoñen dous temas opostos, cando se xuntan dúas sílabas tónicas que se integran en pés contiguos ou cando nunha composición de rítmo iámbico alternan versos de ritmo dactílico e trocaico.

  3. s m

    Elemento secundario que complementa e contrasta con outro principal nunha situación determinada.

    Ex: A súa actuación foi o contrapunto perfecto para un acto tan serio.