Contrarreforma
Movemento reformador católico do s XVI xurdido como reacción á Reforma protestante. Por unha banda, pretendeu frear e diminuír a influencia do protestantismo e recuperar para o culto católico os fieis que acolleran os novos cultos protestantes. Por outra banda, buscou definir a doutrina católica e reorganizar a disciplina do clero. A Igrexa católica dedicoulle todos os medios políticos, teolóxicos, espirituais e prácticos que tiña ao seu alcance. O Papa Paulo III restaurou a Inquisición (1542), creou a Congregación do Índice (1543) que se encargou de publicar Index librorum prohibitorum (Índice dos libros prohibidos, 1559), unha listaxe dos escritos e libros contrarios á Igrexa católica, e inaugurou en 1545 o Concilio de Trento, que desenvolveu as súas sesións ata 1563. Os seus decretos convertéronse na guía da Contrarreforma, tanto no eido da doutrina como da práctica do culto católico. Pío V publicou o Cathecismus romanus (Catecismo romano, 1566), dedicado aos parrocos, e logrou a uniformidade da liturxia mediante o Breviarium (Breviario, 1568) e o Missale romanus (Misal romano, 1570). As forzas operativas da Contrarreforma foron o reforzamento da autoridade central da Igrexa representada pola organización das nunciaturas permanentes, establecidas por Gregorio XIII, e pola estruturación da curia romana, realizada por Sisto V. As ordes relixiosas exerceron un papel fundamental na propagación da fe católica. Creáronse novas congregacións de clérigos regulares, como as dos teatinos ou das ursulinas, que mantiñan o espírito monástico ao tempo que exercían labores de apostolado. Tamén se cultivou o misticismo e a oración, tendencias nas que destacaron san Xoán da Cruz e santa Tareixa de Xesús. Entre todas as ordes sobresaíu a Compañía de Xesús, fundada por santo Ignacio de Loiola, que engadiu aos seus votos o de obediencia ao papado e que se dedicou ao ensino e á predicación. O aspecto máis controvertido da Contrarreforma foi a aplicación do principio sancionado na Paz de Augsburgo (1555) da confesionalidade do Estado segundo a relixión do príncipe, primeira etapa da Igrexa de Estado, que comportou a represión das minorías relixiosas contrarias á relixión establecida. A manifestación artística da Contrarreforma foi o Barroco. A arte converteuse nun medio de propaganda do triunfo da relixión e da fe católicas, do papado e dos santos e mártires. Creouse unha tipoloxía de igrexa baseada no templo xesuítico do Gesú de Roma, construído por Vignola (1568). Por outra banda, as artes plásticas estiveron dirixidas por unha férrea disciplina, cunha fixación das iconografías e das temáticas, para cumprir así a función didáctica encargada á imaxe: evitáronse as representacións de nus e cultiváronse, entre outros, os temas místicos e a exaltación dos sacramentos e da Virxe.