conxelación
(< lat congelatiōne)
-
s
f
[FÍS/IND]
Transformación dun líquido en sólido como consecuencia da diminución da temperatura.
-
s
f
[ALIM]
Proceso de conservación de alimentos co que se consegue a inhibición do desenvolvemento microbiano e das reaccións enzimáticas e químicas con temperaturas de -18°C ou inferiores. Os produtos alimentarios conteñen unha gran cantidade de auga e cantidades variables de substancias inorgánicas e orgánicas en solución, e de moléculas máis complexas en suspensión coloidal, de xeito que a temperatura de conxelación varía en función da súa composición. A velocidade do proceso debe ser moi rápida para evitar a formación de cristais grandes que lesionen as paredes celulares, modifiquen a textura do produto e a desnaturalización das proteínas. A conxelación por aire arrefriado é o método máis antigo e comezou a empregarse en 1861. Unha mellora destacable foi a conxelación por aire en movemento. Posteriormente, utilizouse a conxelación por contacto indirecto cun fluído refrixerante. O avance máis moderno en conxelación consiste na inmersión directa do produto, envasado ou non, no líquido refrixerante. Pódese distinguir entre inmersión en líquidos como salmoira, solucións de azucre (ó 62%) e mesturas de glicerina con auga e propileneglicol con auga, utilizados xeralmente para o produto xa envasado, e inmersión en líquidos crioxénicos, como nitróxeno líquido (-190°C) ou anhídrido carbónico líquido (-71°C); estes últimos presentan a vantaxe de que o produto non envasado se pode somerxer sen ningún problema de contaminación de produtos tóxicos ou de gustos diferentes.
-
s
f
[BIOL]
Proceso e técnicas de conservación de células e tecidos orgánicos, propios da criobioloxía.
-
s
f
[PAT]
Lesión producida pola acción do frío sobre o organismo. Está favorecida por causas de tipo ambiental, como a neve, o vento ou a humidade, ou orgánicas, como o etilismo agudo, a desnutrición ou o choque. A acción do frío intenso pode orixinar lesións locais ou ben un cadro de hipotermia, denominado síndrome xeral de conxelación. As lesións locais pódense clasificar en conxelacións de primeiro grao, caracterizadas por unha vasoconstrición sen dor seguida dunha vasodilatación con proído; de segundo grao, caracterizadas pola formación de vexigas e edemas; e de terceiro grao, caracterizadas pola aparición de gangrena como consecuencia dunha parálise vascular persistente e dun estancamento do sangue. A síndrome xeral de conxelación presenta síntomas como a adinamia, a somnolencia, a bradicardia ou o estupor, e pode chegar a provocar a morte do enfermo.
-
s
f
[ECON]
Medida conxuntural de política económica decretada oficialmente para combater tendencias fortemente inflacionistas. Consiste en equilibrar de novo a relación aforro-investimento para promover unha política de austeridade e conseguir un incremento na produtividade. A conxelación salarial concrétase en porcentaxes máximas de aumento, decretadas oficialmente para un período determinado. Consiste en manter inalterable o custo de determinados produtos e prohibir a súa suba, como, por exemplo, manter os prezos dos alugueres. Esta medida debe acompañarse dun intervencionismo do Estado e vai á par dunha moderación no Índice de Prezos ao Consumo (IPC). A conxelación de créditos, realizada a través do Banco Central ou cunha actuación directa sobre os bancos particulares, fixa o tipo de interese e os volumes máximos de crédito.
-
conxelación da acción/de imaxe
[IND/ARTE]
Procedemento fotográfico que consiste en seleccionar unha velocidade de obturación alta para que os suxeitos que se movan rapidamente aparezan na imaxe en posición estática.