Conyza

Conyza
[PLANTA]

Xénero de herbáceas da familia das asteráceas de ata 150 cm de altura, moi ramalluda na parte superior, con follas lanceoladas de ata 4 cm de lonxitude. Presenta numerosos capítulos de ata 5 mm de diámetro, de invólucro con brácteas en varias ringleiras máis longas ca as flores. As flores femininas son de cor branca e, no centro, as flores hermafroditas teñen cor amarela. Os froitos son aquenios aplanados cunha lanuxe de pelos longos. En Galicia están presentes, en cultivos e bordos de camiños, as especies de orixe americana: C. bonariensis e C. canadensis.