Coral Polifónica Follas Novas
Agrupación, continuadora da Sociedad Coral y recreativa Follas Novas (1930), fundada no ano 1944 que centrou a súa actividade no campo da polifonía, tanto galega coma hispánica e estranxeira, así como no da música relixiosa, madrigalista e escénica. Tomou o seu nome da obra de Rosalía de Castro, feito que marcou o seu facer na polifonía galega pois o seu repertorio, en boa parte, constitúese por obras de distintos compositores baseadas nos poemas rosalianos. Composta por 60 voces mixtas, estivo baixo a dirección de Manuel Fernández Amor, Jesús González de Velasco, José Mir Félix, Rogelio Groba Groba, Edilberto Suárez Pedreira, Francisco Méndez Ruíz, Rogelio Leonardo de Bouza, Santiago Pérez Bernal, Jorge Berdullas del Río, Antonio Piñeiro Fernández, Viorel Tudor, Nicolás Cardaso Arrojo, Marta María Castanedo Sanmartín, Otilia Barón Ferrero e Julio Cabo Messeguer. Na súa traxectoria profesional destacan os concertos homenaxe dedicados a Xoán Montes (1949), Rosalía de Castro (1950 e 1975) e Curros Enríquez (1951). Estreou a Cantata Nova Galicia, de Rogelio Groba; as Seis canciones gallegas, de Eduardo Rodríguez Losada; a Misa Gallega, de Rogelio Leonardo de Bouza; o Himno a María Pita, de Pascual Saavedra, que se encontraba inédito no arquivo da catedral de Mondoñedo; e a Cantata Tupac Amaru, de Enzo Gieco e Raúl Maldonado, sobre poemas de Atahualpa Yupanqui. Realizou diversas gravacións discográficas, actuou nas televisións de Portugal, España e Galicia e realizou xiras por numerosas cidades de Francia, Portugal e España. Participante habitual en diversos encontros e ciclos de música coral (Habaneras da Coruña, Música Coral de Viveiro, Xuntanza de Corais de Mera, etc), dende 1990 organiza os Encontros de Música Navideña Ciudad de La Coruña. Entre outros galardóns, posúe os premios do Festival Folclórico Internacional de Braga (1956), Certame Rexional de Masas Corais de Lugo (1959), XX Certamen Nacional de Habaneras de Torrevieja (1974), XXI Certamen Nacional de Polifonía de Torrevieja (1975), Certame Rexional do Bimilenario de Lugo (1976) e do Concurso de Villancicos Ciudad de La Coruña (1992 e 1994).