Corasmia
Antigo Estado de Asia Central, lugar de orixe dunha remota civilización agraria que se desenvolveu ao longo dunha rede de rega entre os oasis do curso inferior e o delta do Amudarja. Formou parte do Imperio persa aqueménida e, coa invasión dos musulmáns, ao redor do ano 711 d C, impúxose unha nova relixión que fixo desaparecer a cultura iraniana. A finais do s XI, ante a perda de poder do califa, o territorio ocupárono inicialmente Ma ḥ mūd de Ghaznī (1017) e logo os selxúcidas (1041). A finais do s XI, o gobernador Qu ṭ b al-Dīn desentendeuse da vasalaxe turca e iniciou a dinastía dos Xas de Corasmia (1097-1231). O núcleo deste reino situouse en Kath e constituíu un poderoso estado islámico, favorecido pola súa situación como nó de comercio das caravanas. A decadencia chegou coa conquista do reino por Xenguis Khan (1221) e a súa posterior integración no khanato da Horda de Ouro. Integrouse posteriormente nos territorios de Tamerlán (1388) e pasou ao dominio dos uzbekos (1512), que fundaron o khanato de Jiva. Posteriormente, quedou como protectorado de Moscova (1873) e dividiuse entre diferentes repúblicas soviéticas.