Corcubión

Corcubión


Concello da comarca de Fisterra, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e ao L co municipio de Cee, ao S co océano Atlántico, e ao O e L coa ría de Corcubión. Abrangue unha superficie de 6,5 km 2 cunha poboación de 1.887 h (2007) distribuídos nas parroquias de Corcubión e Redonda. A capital, a vila de Corcubión, está situada a 42° 56’ 50’’ de latitude N e 9° 11’ 45’’ de lonxitude O, 96 km ao SO da Coruña e 90 km ao O de Santiago de Compostela. É cabeceira de partido xudicial e está adscrito á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Corcubión está baixo o dominio climático oceánico húmido. Recibe a influencia directa dos fluxos ciclónicos do O e do NO, pero está situado ao abrigo das correntes perturbadas do SO pola interposición das Rías Baixas e das plataformas occidentais galegas. Caracterízase por unha suavidade térmica notable e unhas precipitacións relativamente abundantes. A temperatura media anual acada os 16°C, favorecida pola orientación cara ao mediodía da península na que se asenta o municipio. A oscilación térmica anual é pequena, só 9,2°C, como consecuencia duns invernos a penas sensibles (a temperatura media mensual mínima é a de febreiro, con 11,7°C) e veráns pouco calorosos (a temperatura media máxima correspóndelle ao mes de agosto, con 20,9°C). Con estas condicións térmicas, o risco de xeadas é practicamente inexistente. O total pluviométrico anual achégase aos 1.500 mm, que se distribúen en máis de 150 días de chuvia ao ano, aínda que os días cubertos son moito máis numerosos (entre 180 e 190). O máximo volume recóllese durante o inverno, estación que rexistra o 35%. No outono tamén se recolle unha importante proporción da precipitacion anual, o 31%. A primavera adopta un comportamento de estación de transición, co 24% das chuvias, mentres que no verán se aprecia unha seca notable (só se rexistra o 10% das precipitacións) que contribúe a orixinar un certo déficit hídrico e aridez dos solos nos meses de xullo e agosto. Ocupa unha pequena península orientada cara ao S. No seu reducido territorio o relevo acada pouca altura. No sector setentrional chega ás súas máximas altitudes, que constitúen o Alto das Penas ou de Santo Andrés (de 206 m); na zona meridional a altitude descende (a máxima cota deste sector é o monte Quenxe, de só 143 m de altitude). A costa é moi rochosa e recortada: entre os principais accidentes do litoral destacan os cabos da Nasa e de Cee, que se considera o límite da ría de Corcubión. Esta é a primeira ría ao S de Fisterra, moi pouco notable, pois só penetra 5 km na terra. Na beira que dá á ría, ao L, ábrense a praia de Quenxe e o porto da vila. Polo S, o municipio está drenado polo pequeno río Quenxe. O seu litoral pódese considerar como un sector de transición entre a Costa da Morte, ao N, e as Rías Baixas, ao S.
Xeografía humana
A poboación do municipio de Corcubión está moi concentrada, pois preto do 90% vive na vila capital, e tamén na parroquia de Redonda, no extremo meridional, o hábitat é pouco disperso. A vila de Corcubión caracterízase polo seu axeitado desenvolvemento urbanístico, respectando as arquitecturas tradicionais, sen permitir a especulación, feito que lle axudou a conseguir a declaración de BIC en 1985. A evolución demográfica experimentada dende 1887 (ano do primeiro censo, cando contaba con 1.462 h) respondeu a unha clara tendencia de crecemento sostido verificada en todas as catas censais, agás no período 1930-1940. Dende finais do s XIX ata fins dos anos vinte do s XX, coñeceu un incremento moderado da súa poboación, a un ritmo medio do 0,25% anual, favorecido por un saldo vexetativo moi positivo que logrou contrarrestar as baixas producidas pola emigración cara ao continente americano e polos esporádicos episodios de mortalidade catastrófica, como o provocado polo andazo de gripe de 1918 e 1919. Durante os anos trinta experimentouse o único período de declive demográfico: o número de habitantes descendeu nun 1,15% anual, malia interromperse practicamente a emigración. Así, en 1940 rexistrouse o mínimo poboacional do século, con 1.427 h. A causa desta mingua foi fundamentalmente a Guerra Civil, que tivo como principais efectos unha baixada da natalidade e un incremento da mortalidade. A partir da década de 1940 recuperouse a tendencia ao incremento demográfico, propiciado pola recuperación do crecemento natural, que logrou superar as perdas provocadas pola emigración, sobre todo nos anos cincuenta e sesenta. A partir de 1970 comezou a reducirse a taxa de natalidade, pero a poboación continuou a medrar grazas á estabilidade económica municipal, cun sector terciario moi favorecido polas súas funcións xudiciais e polo avance económico e urbanístico da veciña vila de Cee, que propicia que moitos traballadores de Corcubión desenvolvan nela o seu labor na industria e na construción. Entre 1940 e 1996 o incremento demográfico produciuse dun xeito moi uniforme, a un ritmo medio anual do 0,74%. Desde 1996 o descenso da poboación é unha constante: -2,43% (1996-2001) e -4,01% (2001-2007). A menor incidencia da emigración respecto doutras áreas galegas propiciou que a estrutura demográfica non presente uns índices de senectude moi notables, aínda que si se deixa notar. Os menores de 20 anos supoñen o 16,4% da poboación e os maiores de 65 o 19,6%; o grupo intermedio representa o 64%. O saldo vexetativo é moi negativo, -3,6‰ (2006), froito dunha natalidade moi baixa (8,4‰) e dunha mortalidade que, malia ser tamén relativamente baixa, a supera amplamente (12‰). Con respecto á distribución da poboación por sexos, a composición está equilibrada: 50,81% de mulleres e 49,17% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Corcubión é do 47,1% (62,2% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,6% (57,1% a masculina e 27,3% a feminina) e a taxa de paro é do 11,7% (8,2% a masculina e 17,8% a feminina). A economía de Corcubión caracterízase pola forza do sector terciario, que emprega o 71,6% da poboación ocupada. As tradicionais funcións xudiciais que lle corresponden pola súa condición de cabeceira de partido propician a existencia dunha serie de servizos administrativos e sociais cun gran número de traballadores. Mantén estreitos vínculos funcionais coa vila veciña de Cee, cabeceira comarcal, coa que está practicamente unida nun continuo urbano que se estende pola beira noroccidental da ría. Destaca tamén o subsector dos transportes, tanto os marítimos ligados ao seu porto coma os terrestres, tamén acada unha implantación notable. O comercio local está favorecido pola distancia de cidades importantes e emprega o 11,25% dos ocupados e a hostalería está notablemente desenvolvida grazas ao aproveitamento das súas potencialidades turísticas. O sector primario presenta un carácter marxinal e só acolle o 4,3% dos ocupados. O feito de ser unha poboación maioritariamente urbana e a escaseza de terras aptas para o cultivo propicia unha moi baixa taxa de emprego na actividade agraria (0,7% do total dos ocupados), que serve de complemento á economía doméstica. A pesca, malia ser un concello costeiro, tamén é unha actividade en decadencia e só representa o 3,6% do total do emprego; mantense nun estadio artesanal e os mariñeiros teñen unha elevada media de idade. O aproveitamento forestal do territorio é bastante intenso, aínda que é fundamentalmente un complemento das rendas domésticas e non constitúe a ocupación principal máis que dunha porcentaxe ínfima dos traballadores. A industria é tamén escasa; neste sector traballa o 11,6% dos ocupados. Aínda que só destacan as empresas de primeira transformación da madeira (serradoiros), moitos residentes en Corcubión desprázanse diariamente á veciña vila de Cee a desenvolver alí a súa actividade laboral neste sector secundario. A construción, que emprega o 12,6% da poboación, ten pouca carga laboral, pero cobre tamén a demanda de construción dos concellos veciños. A principal vía de comunicación é a estrada AC-550 (Fisterra-Tui) que conecta co resto da rede viaria, especialmente coa AC-552 (A Coruña-Cee).
Historia
As únicas referencias de Corcubión na Antigüidade limítanse ás descricións dos xeógrafos grecorromanos, que manifestan que nestas terras habitaba a tribo dos nerios. Durante a Idade Media foi señorío dos condes de Traba e Trastámara e no s XIV pasou a mans dos de Altamira, que o mantiveron no Antigo Réxime. Documentouse a existencia dun hospital de peregrinos na vila dende a Idade Media, xa que era ruta obrigada para os romeiros que dende Compostela seguían camiño ata Fisterra. Os Altamira delegaban o exercicio do poder xudicial na vila e nun amplo territorio, que conformaba o seu partido xudicial, nun maxistrado. En 1724 a vila contaba cuns 200 veciños, que vivían da pesca e do comercio marítimo coas cidades italianas, especialmente coa República de Venecia. Os corcubioneses participaron durante o s XVIII no combate contra os ingleses que tivo lugar en augas fisterrás. A xurisdición durante o Antigo Réxime coincidía co territorio do actual concello e formaba parte da provincia de Santiago. A vila foi practicamente destruída polo exército napoleónico na Guerra da Independencia (1809) como represalia ao levantamento contra as tropas de Ney. O seu xurdimento como municipio produciuse en 1813, a raíz da aplicación da Constitución de Cádiz (1812), adscrito ao partido de Vimianzo e á provincia de Galicia. Despois da derrogación da Constitución asinada polo Rei Fernando VII, en novembro de 1814, suprimiuse o concello e restaurouse a administración señorial propia do Antigo Réxime. O golpe do coronel Riego, que permitiu restablecer a Constitución de Cádiz en 1820, inaugurou o segundo período de vixencia do concello de Corcubión que se prolongou ata 1823, cando un segundo decreto de Fernando VII restaurou de novo o Antigo Réxime. A provincia de Galicia dividiuse en 1822, de xeito que Corcubión se integrou na nova provincia da Coruña. A implantación definitiva do municipalismo (1835) supuxo a consolidación do concello, que mantivo íntegro o seu territorio dende entón, aínda que se estudiaron varias iniciativas para alterar os seus límites, como as propostas elevadas á Deputación de incluír no seu interior o concello de Fisterra (1836) e os de Fisterra, Cee e Dumbría e dúas parroquias de Muxía (1842). Dende 1834 é cabeceira de partido.
Patrimonio cultural
O núcleo antigo da vila de Corcubión, declarado BIC en 1985, conserva no seu interior os edificios e monumentos máis significativos da vila. Destacan a igrexa de San Marcos de Corcubión, de estilo gótico mariñeiro, e a capela de Santo Antonio en Cabo da Vila construída en 1700. Fóra do núcleo urbano sobresae a igrexa parroquial de San Pedro de Redonda, construción románica do s XII. A capela do Pilar converteuse no auditorio municipal. No eido da arquitectura civil destacan, entre outras, as casas Miñones, do Xulgado, dos Prado, de Pedro Castro e o pazo dos Condes de Altamira (s XV). Na entrada do porto está o antigo cárcere do partido xudicial de Corcubión, construído en 1858 e do que se conserva unha pequena capela. Fóra da vila está situado o castelo do Cardeal (s XVIII) para defender a ría. Na praia de Quenxe consérvanse restos das antigas fábricas de salgadura e da Compañía Xeral de Carbóns. Entre os cruceiros conservados destacan os de Fisterra, na igrexa do Cristo da Barba Dourada, o de San Marcos e o Cristo de San Roque, tamén chamado da Baixada. Celébranse as festas de San Marcos o 24 de abril, da Mercede o 25 e o 26 de setembro, do Carme o 16 de xullo e a romaría popular de San Pedro de Redonda o 29 de xuño, ademais da festa gastronómica da Ameixa.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Fisterra
Extensión 6 Km2
Poboación Total 1887 h
Poboación Homes 928 h
Poboación Mulleres 959 h
Densidade de poboación 314.5 h/Km2

Parroquias

Corcubión
Redonda
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias