coreografía

coreografía

(< grχορεῐα + -grafía)

  1. s f

    Arte de compoñer ballets ou danzas anotando as figuras e os pasos dos solistas e dos grupos, harmonizados coa música e outros elementos do espectáculo. A primeira notación coreográfica -moi rudimentaria-, da que se ten noticia, apareceu no Llibre Vermell de Montserrat. A primeira escola xurdiu en Milán, formada por mestres de danza profesionais (Pompeo, Diobono, mestre de Negri e de Belgioioso, Martire, Tetoni e Legnano) que difundiron por toda Europa os principios da danza italiana. Na fin do século XVI destacou Fabrizio Caroso co seu tratado Il ballarino (1581). O primeiro que inventou un sistema de notación coreográfica foi Jehan Tabourot. No s XVII sobresaíron diversos coreógrafos, como Balbi ou Bocan. A aparición do tratado Choréografie ou l’art de décrire la danse (Coreografía ou a arte de describir a danza, 1699), de Feuillet, significou un avance nesta arte. Nos dous primeiros decenios do s XVIII houbo un predominio do ballet cunha coreografía de tipo colectivo moi notable. O bailarín Noverre desenvolveu esta tendencia en Lettres sur la danse et les ballets (Cartas sobre a danza e os ballets, 1760), seguido pola obra de Magny Principis de Coreografia (Principios de coreografía, 1765). Outros destacados coreógrafos do s XVIII foron Gardel e Dauberval. A finais de século, Salvatore Vigano creou a coreodramaturxia, na que a mímica tiña un papel predominante, Didelot volveu acentuar a importancia da danza e Coralli tentou lograr unha síntese entre o ballet de acción e o virtuosimo técnico do ballet romántico. Xa avanzado o s XIX, Saint-Léon, coreógrafo de Coppélia de Delibes, escribiu Sténochoréographie ou Art d’écrire promptement la danse (Estenocoreografía ou arte de escribir adecuadamente a danza, 1852), froito da súa experiencia como coreógrafo de L’Opéra de París. Simultaneamente, en Rusia, Petipa estableceu tres coreografías modélicas para os ballets de Chaikovski. Dous bailaríns do s XX, Loïe Fuller e Isadora Duncan, renovaron o concepto de danza escénica e influíron no espectáculo de S. Diaghilev. A partir dos Ballets Rusos, a coreografía fíxose máis complexa. M. Fokin, G. Balanchine e outros discípulos de Diaghilev, simbolizan a transición entre a coreografía romántica e a moderna. O vangardismo que representaron converteuse en academicismo cos seus discípulos (Lander, Ashton e Taras). Á marxe de Diaghilev, apareceron Martha Graham, Agnes de Mille, Jan Börlin, Kurt Joos e Anthony Tudor, entre outros. Despois da Segunda Guerra Mundial, apareceron dous innovadores da coreografía: Jerome Robbins e Maurice Béjart. A partir dos anos sesenta destacaron John Cranko, Roland Petit, Merce Cunningham e Pina Bausch.

  2. s f

    Conxunto de figuras, pasos e movementos que compoñen un ballet ou danza.