Coroneis, Ditadura dos
Réxime militar instaurado en Grecia tralo golpe de estado do 21 de abril de 1967, promovido polos coroneis Georgios Papadopoulos e Stylianos Pattakos para evitar a presenza de ministros comunistas no goberno grego. A ditadura, malia a substitución de Papadopoulos por Dimitrios Ionanides en 1973, prolongouse ata 1974. Logo de apoiar un golpe de estado en Chipre, que desembocou na invasión turca da parte setentrional da illa, o goberno ditatorial entrou en crise e foi substituído por un goberno de salvación presidido por Karamanlis, quen liderou a transición cara á democracia. Durante ese período, no que se suprimiron as liberdades civís e os dereitos políticos, desatouse unha dura represión sobre os militantes comunistas e instituíse a censura. En 1975, trala proclamación da República e a aprobación da nova Constitución, os líderes da ditadura foron xulgados.