Cortegada

Cortegada


Concello da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos da Arnoia e Ribadavia, ao L co de Gomesende (Terra de Celanova), ao S co de Pontedeva (Terra de Celanova) e ao O co de Crecente (A Paradanta). Abrangue unha superficie de 26,9 km 2 cunha poboación de 1.328 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cortegada, Louredo, Meréns, Rabiño, Refoxos, Valongo e Zaparín. A capital municipal é o lugar de Cortegada, na parroquia homónima, situada a 42° 12’ de latitude N e 8° 10’ de lonxitude O, 130 km ao SL de Santiago de Compostela e 43 km ao SO de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Ribadavia e á provincia e diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Cortegada encádrase nunha área de transición entre os dominios climáticos oceánicos: húmido das Rías Baixas, mediterráneo da beira do Miño e continental da Terra de Celanova. Situado no val do río Miño, xa preto do seu curso baixo, penétralle lixeiramente a influencia oceánica. As temperaturas son cálidas durante todo o ano e as precipitacións moderadamente abundantes. A temperatura media anual é de 15,3°C. A temperatura media do mes máis frío (xaneiro) é de 9°C e a do máis cálido (xullo) de 22,5°C. A amplitude térmica extrema acada os 22,6°C. O número de días ao ano libres de risco de xeadas é de 326. A precipitación anual media é de 1.124 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 37,8% das precipitacións recóllense en inverno e o 33,7% no outono, fronte a un 10,4% no verán; pola súa parte, a primavera establécese como estación de transición en valores medios (18,1%). Xeomorfoloxicamente, o territorio de Cortegada pódese dividir en catro partes, separadas polos vales dos ríos Miño, Deva e Arnoia. O primeiro sector é unha estreita franxa de terras baixas nas beiras do Miño, cunha altitude media inferiro aos 200 m e cunha dirección marcadamente meridiana. O segundo amosa tamén terras baixas no val do río Deva, con alturas semellantes ás anteriores, aínda que cunha maior amplitude superficial. Unha terceira área, de altitude menor a 200 m, é a limitada franxa do NL, que coincide co curso do río Arnoia. Estes tres sectores de menor altitude están divididos por un macizo montañoso que presenta unha aliñación principal SL-NO, de alturas comprendidas entre os 300 e os 550 m, na que as principais elevacións son o Vilariña do Val, de 552 m de altitude, situado entre as parroquias de Zaparín e Refoxos, no límite co concello de Gomesende, o Refoxón, de 416 m, na parroquia de Louredo, e o Meréns, de 314 m, na parroquia homónima. Outro macizo, aínda que menos vigoroso, parte desde o centro do concello con dirección NL-SO e con altitudes medias comprendidas entre os 300 e os 350 m; nel destacan o monte Corvo, que culmina nos 359 m, entre as parroquias de Cortegada, Rabiño e Refoxos, e As Picoñas, de 369 m, na parroquia de Valongo. O principal curso de auga que atravesa o concello é o río Miño, estancado neste sector polo encoro de Frieira; as súas beiras forman o espazo natural das Ribeiras do Miño, que atravesa as parroquias de Meréns, Rabiño, Cortegada e Valongo. Outros ríos importantes, todos afluentes do Miño, son o Deva e o Arnoia; o primeiro transcorre na marxe dereita do seu tramo final pola parroquia de Valongo; o segundo só discorre brevemente no linde nororiental do municipio, na parroquia de Zaparín. Finalmente, cómpre mencionar o rego da Ponte, que verte directamente no Miño tras drenar a parroquia de Cortegada.
Xeografía humana
A poboación do municipio de Cortegada experimentou ao longo dos últimos dous séculos unha evolución desigual. Ata 1940 caracterizouse pola alternancia de anos de crecemento e retroceso, con tendencia á reducción final da súa poboación. Entre 1887 (cando contaba con 3.524 h) e 1920, perdeu poboación a un ritmo medio dun -0,38% anual; a década de 1920 foi de recuperación, cun crecemento cifrado nun 0,64% anual, feito que provocou que en 1930 se chegase aos 3.498 h; pero nos anos trinta a poboación permaneceu estancada. Esa primeira metade do s XX estivo protagonizada pola masiva emigración, principalmente aos países sudamericanos. O gran volume da emigración contrarrestou o forte incremento vexetativo acumulado nesas décadas; tan só nos anos trinta se detivo o fluxo emigratorio, debido ás desfavorables condicións externas, consecuencia da crise económica mundial. Entre 1940 e 1960 volveron rexistrarse perdas demográficas ao repuntar a emigración, feito que fixo diminuír a súa poboación a un ritmo medio do -1,11% anual, ata acadar os 2.722 h en 1960. Estas perdas foron parcialmente contrarrestadas durante os anos sesenta por un crecemento dun 0,59% anual; nesta recuperación influíu a oferta de traballo na construción dos encoros que remataron de asolagar gran parte do curso medio do río Miño. Posteriormente, desde 1970, as perdas de poboación foron continuas, de xeito que o retroceso ata 1996 verificouse a un ritmo medio do -1,94% anual, e foi especialmente intenso durante os anos setenta, nos que rexistrou taxas de crecemento medias do -3,1% anual. Esta fase final caracterizouse por unha forte emigración cara aos centros industriais de Vigo e Ourense, ademais do esgotamento demográfico derivado da continua emigración durante os inicios e mediados do s XX. O descenso da poboación continuou nos inicios do s XXI: -6,08% entre 2001 e 2007. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-13‰), froito dunha baixa natalidade (2,9‰) e unha elevada mortalidade (15,9‰). O resultado desta evolución é unha poboación avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 12,3% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 34,9%; os adultos representan o 53,8%. A distribución por sexos amosa un desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,35% da poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cortegada é do 34,9% (49,5% a masculina e 22,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 28,9% (42% a masculina e 17,4% a feminina) e a taxa de paro é do 17,3% (15,1% a masculina e 21,5% a feminina). As actividades agropecuarias perderon importancia nos últimos anos ata ocupar só ao 6,3% da poboación ocupada. As terras labradas abranguen o 5,93% do territorio municipal. Os principais cultivos son o millo, a vide e os cultivos forraxeiros. Os pastos apenan ocupan superficie e a cabaña bovino redúcese a 22 cabezas (2007) explotadas en 10 explotacións. O sector industrial proporciona o 15,7% dos empregos e está moi limitado a actividades de transformación elemental dos produtos agropecuarios, de xeito que o establecemento máis destacable é a industria madeireira Maderas Hijos de Montero. Pola contra, a construción é un dos sectores máis importantes polo volume de emprego que xera: o 24,7% da poboación ocupada, unha elevada porcentaxe dos traballadores residentes no concello que, sen embargo, nunha gran parte desenvolve a súa actividade laboral en núcleos urbanos próximos como Ribadavia, Celanova ou A Cañiza. Debido a esa mesma proximidade de vilas cabeceiras de comarca, o sector terciario está escasamente desenvolvido e acolle o 53,3% dos traballadores locais, e, simultaneamente, o limitado equipamento comercial e de servizos do concello provoca que a maior parte dos empregados no sector traballen nesas vilas cercanas. As principais vías de comunicación do concello son a estrada local OU-401, que o enlazan con Ourense e Ribadavia e a OU-410 que o comunican con Padrenda e a fronteira portuguesa. A estrada comarcal C-535 permite a comunicación coa Cañiza, Celanova e Xinzo de Limia.
Historia
O mosteiro de San Salvador de Celanova exerceu a súa xurisdición sobre a maior parte do territorio que forma o concello de Cortegada. Unha das principais preocupacións dos monxes foi a riqueza das pesqueiras sobre o río Miño asentadas neste territorio. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cortegada distribuíanse entre o couto redondo da parroquia de Meréns, administrado polo conde de Fefiñáns, e a xurisdición de Refoxos, que integraba as parroquias de Rabiño, Refoxos e Valongo, baixo o señorío do mosteiro de Celanova. Ambas as dúas circunscricións estaban representadas pola provincia de Ourense. Coa proclamación da Constitución de 1812, suprimiuse o réxime xurisdiccional e establecéronse os axuntamentos de Rabiño e Valongo, integrados na provincia de Galicia. Non obstante , en 1814, un decreto derrogatorio da Constitución asinado polo Rei Fernando VII, supuxo a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial característica. En 1820, o pronunciamento do coronel Riego deu paso a un novo período constitucional no que volveron estar vixentes os concellos de Rabiño e Valongo. Nesta época, en 1822, o concello pasou á nova provincia de Ourense. Trala segunda derrogación da Constitución, en 1823 volveu de novo o Antigo Réxime. A instauración definitiva do municipalismo produciuse tralo pasamento do Rei Fernando VII. Deste xeito, constituíuse o concello de Cortegada en 1835. Daquela, abranguía as parroquias de Meráns, Rabiño, Refoxos e Valongo. En 1893 segregáronse de Rabiño as parroquias de Cortegada e Louredo, mentres que a parroquia de Zaparín separouse de Refoxos. Dende entón non houbo variacións no territorio, que pertenceu aos partidos xudiciais de Celanova (1835-1965), Ourense (1965-1988) e Ribadavia (dende 1988).
Patrimonio cultural
O vestixio arqueolóxico máis antigo conservado no concello é o miliario romano localizado en Zaparín. No eido da arquitectura relixiosa cómpre destacar o santuario de San Bieito en Rabiño, que pertenceu aomosteiro de San Salvador de Celanova e no que destaca a fachada barroca da igrexa; San Breixo de Refoxos, antigo priorado de Celanova que transformou no s XIX o oratorio en igrexa parroquial; San Martiño de Valongo, construída no s XVIII; San Martiño de Zaparín, do s XVII pero reconstruída en 1799; e San Xoán de Louredo e San Cibrán de Meréns do s XX. No eido da arquitectura civil destacan os pazos dos Cid (Cortegada) e Meréns, onde figura o brasón máis grande de Galicia formado por dezaoito cuarteis rematados por unha coroa condal. Na vila de Cortegada cómpre salientar as construcións financiadas polo indiano Guillerme Álvarez Pérez (1867-1929), como a Escola de Primeiras Letras ou Escolas Bos Aires, reformada para acoller a casa do concello, a biblioteca pública e o xulgado, e a igrexa de Santa María de Cortegada, de estilo neogótico. No concello existen dous balnearios. O balneario de Cortegada xa o coñecían os monxes de Celanova no s XV; no s XIX realizáronse uns pequenos pavillóns de perpiaño e xa en 1937 construíuse un edificio modernista. Malia a restauración arquitectónica que se levou a cabo en 1995 non recuperou a súa actividade balnearia, aínda que si funcionan os baños de Montes. Ademais, cómpre salientar o humilladoiro de san Bieito de Rabiño, os cruceiros de Casares, Prado, Pousa e Vilaverde e os petos de ánimas de Louredo, Meréns, Rabiño e Torres. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as dúas romerías en honor de san Bieito que se celebran en Rabiño, unha o 21 de marzo e outra o 11 de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ribeiro, O
Extensión 26 Km2
Poboación Total 1328 h
Poboación Homes 646 h
Poboación Mulleres 682 h
Densidade de poboación 51.08 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias