Corticela, Santa María da

Corticela, Santa María da

Capela da catedral de Santiago de Compostela. Orixinariamente foi un mosteiro fundado polo bispo Sisnando en honor de santo Estevo, confirmado por Ordoño II (912). As posesións do mosteiro estendéronse ata o lugar de Pinario e no s X a advocación cambiou pola de san Martiño. Trala razzia de Almanzor, o arcebispo Pedro de Mezonzo reconstruíu o cenobio e levantouse unha igrexa de tipo asturiano, de planta basilical, con tres naves e unha gran capela rectangular á que posteriormente se lle engadiron outras dúas de distintas proporcións. As naves laterais tiñan un peche recto e tres tramos separados por piares rectangulares. A finais do s XI, ao construírse a catedral románica, os tramos máis occidentais das naves suprimíronse para edificar a capela de San Nicolao no transepto catedralicio. No s XIII, en época do arcebispo Xoán Arias, sufriu unha nova remodelación que lle outorgou o seu aspecto actual: os piares que separaban as naves substituíronse por columnas con capiteis vexetais que recordan os de crochet, mentres que os que rematan as columnas entregadas dos extremos son góticos. Abríronse estreitas fiestras nos muros laterais e sobre a porta principal e o arco triunfal. Tamén se construíu a portada occidental, onde está presente o estilo do mestre Mateo. Está formada por dúas arquivoltas de medio punto con molduras e decoradas con grandes follas de extremos enrolados e con puntos a trépano; ao seu redor disponse unha chambrana cuberta de follas similares e dispostas de xeito radial. Catro columnas acobadadas sosteñen os arcos e están coroadas por capiteis vexetais coas follas viradas nos extremos. O tímpano representa a Epifanía, coa Virxe e o Neno entronizados e coroados; á dereita aparece san Xosé, en pé e con xesto pensativo, apoiando a faciana nunha man e o cóbado sobre un báculo en tau; ao outro lado aparece unha figura de xeonllos, levando a man á coroa que lle cobre a cabeza e ofrecéndolle un obxecto ao Neno (un dos Reis Magos); os outros dous reis están de pé; e na primeira doela da arquivolta menor, dous cabalos enselados. Esta portada tivo unha enorme repercusión en Galicia, polo que se converteu nun modelo iconográfico de ampla difusión.

Palabras veciñas

corticado -da | cortical | corticeiro -ra | Corticela, Santa María da | cortici- | corticiáceo -a | corticícola