Coruña, ría da

Coruña, ría da

Ría do litoral setentrional da Comunidade Autónoma de Galicia, no S do Golfo Ártabro. Ábrese entre as puntas do Seixo Branco, ao L, e Herminia, ao O, no contacto dun batolito de granodioritas hercínicas (que constitúen a súa beira occidental) con xistos e cuarzos do Precámbrico-Silúrico. A costa é bastante recortada, sobre todo nas beiras oriental e occidental. Pola contra, a beira meridional, ao fondo da ría, posúe amplos depósitos de praia, que a converteron nun importante centro turístico, no que destacan as praias de Santa Cristina (na parroquia de Perillo, concello de Oleiros) e a de Bastiagueiro (entre as parroquias de Perillo e Liáns, no concello de Oleiros). Na beira occidental sitúase o porto da Coruña, un dos máis importantes de España.