Costa de Marfil

Costa de Marfil
Nome científico: [nome oficial francés: République de Côte d’Ivoire]

Estado de África Central, situado na parte occidental do Golfo de Guinea (320.763 km2; 14.292.000 h [1998]). Limita ao N con Burkina Faso e Mali, ao S co Océano Atlántico, ao L con Ghana e ao O con Guinea e Liberia. A capital oficial é Yamoussoukro, mentres que a cidade de Abidjan se mantén dende 1983 como un importante centro administrativo, sede de numerosas embaixadas estranxeiras. Esténdese entre os 11°-4° de latitude N e os 8°-3° de lonxitude O.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Litoloxicamente, Costa de Marfil está formada por un zócolo cristalino e metamórfico, cuberto de materiais arxilosos que se verten ao litoral. Distínguense dúas grandes unidades de relevo, os altiplanos e as chairas. Os altiplanos e os glacis forman, respectivamente, a parte setentrional e central do territorio. As chairas ocupan a parte meridional ao longo da costa e non sobrepasan os 200 m de altitude. Nun sector occidental máis montañoso, con altitudes superiores aos 1.000 m, destaca o monte Nimba con 1.752 m, localizado nos contrafortes da Dorsal Guineana.
Hidrografía e climatoloxía
O clima é de transición entre o ecuatorial e tropical e divide o territorio en dúas grandes rexións climáticas (meridional e setentrional). O ecuatorial do S, con precipitacións superiores a 2.000 mm anuais, con dúas estacións húmidas, separadas por dous períodos secos, presenta temperaturas elevadas e constantes ao longo do ano. Os ríos máis importantes son os que atravesan a rexión de N a S, que desembocan no Atlántico (Sassandra e Bandama) e os do N, que desembocan no río Níxer (Bagoé e Baoulé). Entre os lagos máis importantes destaca o Kossou, situado no centro do país.
Medio ambiente
O S do país aparece cuberto por unha selva ecuatorial que ocupa uns 300 km da costa, mentres que no norte, de clima tropical, aparecen sabanas arbóreas e herbáceas. Entre os parques nacionais destacan o Parque Nacional da Komoe, situado ao noroeste do país, cunha extensión de 950.000 ha, no que habitan leóns, elefantes, panteras, hienas, monos, crocodilos, búfalos e hipopótamos; o Parque Nacional de Taï, que constitúe a última selva virxe de África, na que viven chimpancés e hipopótamos ananos; o Parque Nacional de Monte Peko, que conta cunhas 30.000 ha, onde predomina a flora de montaña; e o Parque Nacional de Abokouamekro, que cobre unhas 21.000 ha, nas que viven rinocerontes e xirafas nunha paisaxe que combina a sabana e as selvas ao longo do río Kan.
Xeografía económica

Economía
Desde a súa independencia, Costa de Marfil foi un país de economía eminentemente agraria, co 44% do PIB procedente do sector primario, cunha expansión sostida ata 1970 e cun crecemento económico de base exclusivamente agroforestal ata 1978. O contraste cos estados veciños converteuno nun milagre económico, ata que a finais dos anos setenta caeron os prezos da madeira, o cacao e o café, por esta orde, e o crecemento global reduciuse. Entre 1981 e 1985 implantouse un plan quinquenal económico, social e cultural, orientado á agricultura e á artesanía. A desastrosa política económica de embargo do cacao a finais dos anos oitenta representou un prexuízo económico tan grande para o país que o presidente anunciou, en febreiro de 1990, uns recortes de entre o 10 e o 40% dos salarios. No referente ás finanzas públicas, continuaron dentro desa marxe de fraxilidade, cunha inflación do 4,7% (1998) e cun déficit público que se situaba a menos do 2% do PIB. O país seguiu vivindo por enriba das súas posibilidades cun endebedamento crecente (15.609.000.000 $ USA [1997]), debido principalmente á caída dos prezos mundiais do café e a un descenso dos ingresos fiscais en máis de 75.000.000.000 de francos CFA (1998). O PIB por habitante é de 710 $ USA (1997), cunha poboación activa en 1997 de 5.623.000, dos que o 33% eran homes. A moeda oficial é o franco CFA, ligado ao franco francés, con tipo de cambio fixo, polo que forma parte da zona euro.
Recursos e sectores de actividade
Na agricultura os principais recursos son a cana de azucre (1.155.000 t), o cacao (primeiro produtor mundial, con 1.120.000 t), o arroz (1.230.000 t), o café (3.32.000 t), as noces de palma (28.000 t), os cocos e os tomates (130.000 t), as plantas industriais (algodón e tabaco) e as froitas (bananas); todo isto repartido en plantacións específicas para a exportación. Para o consumo interno prodúcense cereais (arroz e millo), mandioca, patacas, soia, cana de azucre e laranxas. A produción de leña continúa aumentando, mentres que a de madeira industrial diminúe. Ademais da riqueza agrícola, destaca a forestal, que permite obter unha gran cantidade de divisas grazas á exportación de madeira. A gandería é menos importante, aínda que se sitúa como a actividade principal en zonas do interior de baixo rendemento agrícola. A gandería e a agricultura ocupan o 51% da poboación activa. A pesca está en mans de compañías estranxeiras. Abidjan é o principal porto de pesca de atún de toda África. A industrialización, aínda escasa, concéntrase nas áreas urbanas: a industria alimentaria é a máis importante, xunto coa química (derivados do petróleo, derivados do cacao e fibras sintéticas), a madeireira, a téxtil e a metalúrxica, que cobran cada vez máis importancia. Por outra banda, destacan a elaboración de cemento (Abidjan e San Pedro), o azucre (katiola), o tabaco e o vidro. O sector secundario ocupa só o 12% da poboación activa. A produción no subsolo foi pobre (manganesio e diamantes) ata que en 1977 comezou a extracción de petróleo. Na plataforma continental localízanse reservas moi importantes de gas natural, que aínda non foron explotadas debido ás dificultades financeiras e técnicas. A partir do 1990 acadou unha grande importancia a explotación das reservas auríferas. A produción enerxética, moi baixa, baséase no petróleo e na hidroelectricidade.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta un claro signo positivo. O valor das importacións en 1998 acadou os 2.911 millóns $ USA e os principais produtos foron os alimentos e a maquinaria. O valor das exportacións acadou no mesmo ano os 4.244 millóns $ USA, e destacan os produtos agrícolas, sobre todo cacao, café, derivados do algodón e produtos petrolíferos. Os provedores e clientes máis importantes son os países da UE, principalmente Francia.
Transportes e comunicacións
O ferrocaril, desenvolvido grazas aos cultivos comerciais que impulsaron a construción da liña férrea Abidjan-Ouagolodougou, acadou en 1996 os 639 km. Dispón de 50.400 km de estradas, dos que 4.889 están asfaltados (1996) e posúe 980 km (1995) de vías navegables internas. Os principais portos marítimos son Abidjan e San Pedro.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento natural sitúase no 24,6% (1995), cunha taxa de mortalidade infantil alta (87‰ [1997]) e cun índice de natalidade do 38,1‰ (1995). A esperanza de vida é baixa, 50 anos para os homes e 52 para as mulleres (1995). A taxa de crecemento da poboación é unha das máis elevadas do continente africano (3,2% [1993-1998]), por mor da inmigración procedente de Burkina Faso, Ghana e Mali.
Poboamento
A densidade media de poboación é de 44,9 h/km2. A poboación urbana, que en 1997 era do 44,7%, concéntrase en Abi-djan, na capital e noutras cidades máis pequenas, como Bouaké (329.850 h [1998]), Daloa (121.842 h [1998]), San Pedro (48.000 h [1998]) e Gagnoa (42.285 h [1998]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Existen máis de 60 grupos étnicos, entre os que destacan os akan (42%), os voltaice (16%), os malinke (16%) e os mande (11%). Viven máis de 3.000.000 de traballadores inmigrantes e as súas familias, principalmente franceses e libaneses. A lingua oficial é o francés, pero tamén se falan linguas pertencentes á familia lingüística níxer-congo: as máis faladas son o diula (no norte), o baule (no centro-oeste) e o bete (no sueste); pero tamén se falan, entre outras, o agni, o senufo e o dan. Respecto ás crenzas relixiosas, un 20% son cristiáns, a maioría católicos 20,8%, musulmáns un 38,7% e un 17% animistas. A educación primaria é gratuíta e obrigatoria. A mediados dos oitenta, 1,2 millóns de alumnos asistían ás escolas primarias e 283.000 ás secundarias. Un número considerable de estudiantes cursan estudios superiores no estranxeiro.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Costa de Marfil entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 154º posto cun índice do 0,420). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 46,9 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 44,5% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 41%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 1.598 $ USA.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, acadou a súa independencia o 7 de agosto de 1960. Segundo a Constitución do 3 de novembro de 1960, modificada en numerosas ocasións ata xullo de 1998, é unha República presidencialista multipartidista. Durante trinta anos, o Parti Démocratique de la Côte d’Ivoire (PDCI), foi o único partido recoñecido, ata que en 1990 se estableceu o multipartidismo. Segundo a Constitución, o poder executivo está formado polo presidente, elixido por sufraxio directo para un mandato de 5 anos; o primeiro ministro, designado polo presidente; e o Consello de Ministros, tamén nomeado polo presidente. O poder lexislativo recae na Assemblée Nationale (Asemblea Nacional), formada por 225 membros elixidos para un período de 5 anos nunha única circunscrición; en 1995 estaba prevista a creación dun Senado nas eleccións do ano 2000, feito que non se produciu. O sistema xudicial está baseado no dereito francés e no dereito local. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema. A vixilancia da constitucionalidade das leis vixentes correspóndelle á Cámara do Constitucional da Corte Suprema. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte está en vigor; sen embargo, pódese considerar abolicionista na práctica debido a que nos últimos dez anos non se consumou ningunha execución. Segundo os informes elaborados por Amnistía Internacional, no ano 2000 as forzas de seguridade cometeron graves violacións dos dereitos humanos, con numerosos homicidios e torturas dos opositores ao réxime. Ademais, cando menos 57 simpatizantes de partidos da oposición foron víctimas de execucións extraxudiciais. Malia que o presidente Gbagbo declarou que ningún crime quedaría impune, algúns militares consideran que poden actuar á marxe da lei. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre os Dereitos do Neno; Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; e a Carta Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). Os partidos políticos máis importantes son: o Parti Démocratique de la Côte d’Ivoire (PDCI, Partido Democrático de Costa de Marfil), fundado en 1945 por Félix Houphouët-Boigny como núcleo do Rassemblement Démocratique Africaine (RDA, Reagrupación Democrática Africana) e ata 1990 único partido legal. O socialdemócrata Front Populaire Ivoirienne (FPI, Fronte Popular Marfilesa), liderado polo presidente da República Laurent Gbagbo, é o partido maioritario na Asemblea Nacional e ten presenza no goberno. O comunista Parti Ivorien des Travailleurs (PIT, Partido Marfilés dos Traballadores), liderado por François Wockie, constituído como unha pequena formación que participa na coalición de goberno co FPI e co PDCI-RDA. Outros partidos con presenza parlamentaria son: o Ra-ssemblement des Républicains (RDR, Reagrupamento dos Republicanos), a Union des Democrates de Côte d’Ivoire (UDCI, Unión dos Demócratas de Costa de Marfil) e o Mouvement des Forces de l’Avenir (MFA, Movementos das Forzas do Futuro). O país divídese en 50 departamentos, cada un administrado por un prefecto. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e está asociado á UE.
Historia

A configuración histórica de Costa de Marfil: dos reinos indíxenas á África Occidental Francesa
A historia anterior ao establecemento dos europeos é pouco coñecida por mor do escaso desenvolvemento da investigación arqueolóxica. A rexión comezou a recibir a influencia dos estados da denominada civilización sudanesa dende o s XIII. O NO de Costa de Marfil formou parte do Imperio de Mali entre os ss XIII a XVI e foi islamizado a través dos malinke, procedentes de Guinea, que se estableceron en Tuba e Odienné. O colapso do Imperio de Mali no s XVI e a aparición do reino ashanti no s XVII orixinou movementos de poboación, principalmente do grupo akan, que constituíron novos reinos desprazando ou absorbendo a poboación orixinal. Os akan, que se caracterizaban por unha estrutura familiar matrilineal, establecéronse na rexión do L da actual Costa de Marfil e na actual Ghana, e fundaron o reino de Abron de Gyama no L, que foi conquistado polo reino ashanti ao redor de 1730. Ao mesmo tempo, no centro do país naceu o reino ashanti de Baule (1730), como consecuencia da migración da raíña Aura Poka despois da morte de Asantehene Opoku Ware e dunha loita pola sucesión en Kumasi; no SL estableceuse o reino de Agni. Os pobos senufos do centro do país, experimentaron as influencias das poboacións do Sáhara, enlazadas pola longa ruta comercial que uniu África Occidental. Nos territorios da sabana do N apareceron importantes centros, como o reino de Bouna, constituído a finais do s XVII por poboación orixinaria de Dagomba (na actual Ghana) ou o reino de Kong, poboado por membros da etnia diula, e que foi dominado por Sekou Outtara e pola súa dinastía durante o s XIX. Os navegantes europeos estableceron os primeiros contactos coa actual Costa de Marfil durante as exploracións dos portugueses a finais do s XV, que estableceron un próspero comercio de escravos e marfil; pero a dificultade para penetrar polos terreos selváticos impediu os contactos cos pobos do interior. O primeiro asentamento francés estableceuse en Assinia entre 1687 e 1705, e dende o principio contou coa presenza de misioneiros franceses.
A colonización francesa
A comezos do s XIX, o goberno francés iniciou unha política colonial en Alxeria que o compensase das perdas territoriais experimentadas nas guerras napoleónicas e continuou co establecemento de bases costeiras en África Occidental, despois dos acordos que Louis-Edouard Bouet-Willaumez asinou cos xefes das tribos costeiras polos que lle concedían a Francia o dereito para construír establecementos fortificados e comerciais. A creación no 1842 de postos franceses en Grand-Bassam e Assinia supuxo o recoñecemento oficial da posesión francesa destes territorios. O crecemento do reino ashanti dos baules supuxo un perigo para os reinos de Agni e Atokpora, que se situaron nos seus territorios baixo a protección francesa no 1843. O desenvolvemento das exportacións de aceite de palma dende mediados do s XIX substituíu dun xeito progresivo o tráfico de escravos como fonte fundamental de ingresos da colonia, xunto cos cultivos de café establecidos por Arthur Verdier. Despois da guerra francoprusiana (1870) o exército francés abandonou o territorio e deixou sós os comerciantes, que tiveron que frear o proceso de colonización inglesa. As misións cara ao interior das misións militares, como a do capitán Louis-Gustave Binger (1887-1889) ou as dos comerciantes, como Marcel Triech-Laplène (durante a década de 1890), permitiron a sinatura de numerosos tratados de protectorado entre Francia e diversos grupos tribais que estableceron a unión dos diversos protectorados franceses e permitiron comunicalo con Senegal e Níxer. Neste proceso, os franceses tiveron que enfrontarse co imperio musulmán que estableceu Samory Touré no Níxer e ao N de Costa de Marfil. Samory loitou contra os franceses dende 1870 e dende 1893 sufriu unha durísima guerra de desgaste, mentres Costa de Marfil se convertía nunha colonia autónoma. Integrada no goberno xeral da África Occidental Francesa (AOF) no 1895, onde se incluían tamén Senegal, Mali e Guinea, os límites de Costa de Marfil non se estableceron ata a captura de Samory no 1898. O control francés no interior consolidouse entre finais do s XIX e comezos do XX, pero a imposición de traballos forzados e os altos impostos provocaron unha durísima resistencia entre as etnias dos baules, os beté e os abe. Os franceses impuxéronse mediante unha durísima represión, dirixida polo gobernador Gabriel Angoulvant dende 1908, pero co recrutamento forzoso de miles de nativos para servir no exército francés durante a Primeira Guerra Mundial, as revoltas desencadeáronse de novo e non foron pacificadas ata 1918. No período de entreguerras, a administración colonial comezou a establecer unha rede de comunicacións, como o canal que vai dende o mar ata a lagoa de Abidjan ou unha vía férrea que circula entre Abidjan e Níxer, que posibilitou o posterior desenvolvemento económico. Ao mesmo tempo, os cultivos introducidos polos colonizadores (café, cacao e bananas), recibiron un gran pulo e permitiron a aparición dunha burguesía local de facendados, mentres aumentaba o número de africanos cun elevado nivel de instrución. Durante a Segunda Guerra Mundial, a África Occidental Francesa pasou do control do goberno de Vichy ao da Francia Libre no 1943 e posibilitou que, unha vez rematada a guerra, a burguesía indíxena se fixese con certa influencia política respecto da metrópole, pero cunhas condicións inferiores ás dos colonos franceses. Félix Houphouët-Boigny, herdeiro da xefatura da etnia baule e facendado, creou o Sindicato Agrícola Africano (1944), no que se aglutinou a burguesía indíxena dos plantadores, insatisfeitos polos baixos prezos do cacao. O enfrontamento adquiriu unha vertente política e no 1945 fundou o Parti Démocratique de la Côte d’Ivoire (PDCI), núcleo da Rassemblement Démocratique Africaine (RDA, Reagrupación Democrática Africana), con ramificacións en Senegal, Mali e Guinea que pretendía conseguir a independencia das colonias francesas. Costa de Marfil converteuse en territorio de ultramar francés (1946) e, dende ese mesmo ano, Houphouët-Boigny presidiu a RDA, unha federación de xefaturas tradicionais e asociacións modernas, ao mesmo tempo que establecía unha alianza co PC francés, que defendía unha postura anticolonialista. As folgas, os boicots e os enfrontamentos entre 1949 e 1950 foron duramente reprimidos polo gobernador francés Pechoux, e deron lugar á ruptura da alianza co PC francés, polo que se chegou a un acordo co ministro de Ultramar, Francois Mitterrand. En 1956 instaurouse un réxime de autonomía interna, aplicouse a Lei Defferre e o PDCI foi integrando, dun xeito paulatino, ao resto dos partidos da oposición. A RDA participou nos gobernos socialistas franceses (1956-1959), mentres o PDCI gañaba as eleccións (1957) e constituía o Consello de Goberno. No 1958 converteuse en República e dotouse dun réxime parlamentario no que o PDCI acadaba a maioría dos escanos, e Houphouët-Boigny era elixido primeiro ministro e xefe de goberno (1959).
O liderado de Houphouët-Boigny (1960-1993)
Costa de Marfil independizouse o 7 de agosto de 1960, con Houphouët-Boigny como presidente e co PDCI como partido único. O presidente mantivo durante o seu goberno uns fortes vínculos con Francia, garantiu a estabilidade política e social e o desenvolvemento económico, baseado nun incremento na produción de cacao, café, caucho, madeira e diamantes, xunto co establecemento dunha política de prezos estables para os produtores. O crecemento da economía durante os anos sesenta viuse favorecido pola instalación de empresarios estranxeiros, atraídos pola man de obra abundante e barata. O réxime autoritario, conservador e paternalista de Houphouët-Boigny, mantívose no poder aproveitando os investimentos estranxeiros e o crecemento das exportacións, aínda que en 1970 tivo que facer fronte á oposición da etnia beté (maioritaria) e durante esa década apareceron diversos movementos de oposición entre grupos de estudiantes. En política exterior, Houphouët-Boigny propugnou un diálogo coa República de Sudáfrica e defendeu a colaboración con Francia. A caída no mercado internacional do prezo do cacao (1975) provocou o comezo dunha crise, que afondou durante os anos oitenta, e orixinou unha caída dos ingresos acompañada dun aumento do desemprego, que subiu ata o 45% no ano 1981. Dende comezos dos anos oitenta Houphouët-Boigny emprendeu unha incipiente democratización interna do partido, acompañada dende 1981 dunha política integradora, pola que incluía nos seus gobernos representantes das distintas etnias en proporción coa súa poboación. Seguindo os consellos do FMI, emprendeu a redución dos gastos estatais, ao eliminar boa parte dos servicios públicos, feito que repercutiu negativamente na poboación urbana, constituída por empregados e funcionarios, e, ao mesmo tempo, tentou diversificar a produción do país. As folgas de diversos colectivos sucedéronse durante os anos seguintes; denunciaban a corrupción imperante no sistema mentres a oposición se unía na Front Populaire Ivoirienne (FPI, Fronte Popular Marfilesa), no 1982, liderada por Laurent Gbagbo e defensora dunha liña socialista e demócrata. O goberno sufocou estas protestas e desarticulou a estrutura da FPI no 1983. En maio de 1984 o goberno acadou o refinanciamento da súa débeda co Club de París, pero persistiu a crise nos prezos do café e do cacao. O presidente Houphouët-Boigny foi reelixido en novembro de 1985 e continuou unha política afastada da realidade; construíu en Yamussoukro, a súa vila natal, a maior basílica cristiá de África. Unha nova caída no mercado internacional do prezo do cacao (1987) repercutiu nun descenso da caída na economía. A presión popular e as reivindicacións da plataforma de forzas opositoras, dirixida polo FPI, forzou a Houphouët-Boigny a anunciar o multipartidismo o 30 de abril de 1990, polo que legalizaba os partidos da oposición en maio dese mesmo ano. Nas eleccións presidenciais do 28 de outubro de 1990, Houphouët-Boigny foi reelixido presidente da República, logo dunha impresionante fraude nas urnas, na que colaboraron o exército e a policía. Laurent Gbagbo, líder da FPI, foi consciente do feito, pero decidiu non boicotear as eleccións lexislativas do 26 de novembro, onde se repetiron as coaccións e as intimidacións aos votantes, e o grupo no poder, o PDCI-RDA conseguiu a maioría absoluta na Asemblea Nacional. En 1991 o goberno decidiu aplicar unha nova redución de empregados públicos (25%) para equilibrar as finanzas estatais. A situación deteriorouse durante os meses de maio e xuño de 1991, cando as forzas armadas penetraron na cidade universitaria de Yupugon, en Abidjan, e someteron os estudiantes e os membros da Fédération Étudiantine et Scolaire de Côte d’Ivore (FESCI, Federación de universitarios e estudiantes de Costa de Marfil) a unha durísima represión. A negativa do presidente Houphouët-Boigny a castigar os responsables dese asalto, orixinou unha manifestación de protesta organizada polo FPI en febreiro de 1992, que rematou co saqueo do barrio financeiro de Abidjan e coa detención de numerosos manifestantes, entre eles L. Gbagbo e Rene Degny-Segui, presidente da Ligue Ivorienne des Droits de l’Homme. Sentenciados a dous anos de prisión, a pena foi conmutada o 31 de xullo de 1992. A mediados de 1993, un grupo de militares subleváronse para reclamar incrementos nos seus soldos e melloras sociais. Houphouët-Boigny morreu o 7 de decembro de 1993, e, segundo a Constitución, foi nomeado xefe do Estado o presidente da Asemblea Nacional, Henri Konan Bédié, membro tamén da etnia baule e cristián.
Os intentos democratizadores
Henri Konan Bédié enfrontouse co primeiro ministro Alassane Ouattara, que dimitiu e foi substituído por Daniel Duncan. O novo primeiro ministro tentou formar un goberno en decembro de 1993, no que participasen os grupos opositores, pero fracasou. En xaneiro de 1994, a desvalorización da moeda nacional, o franco CFA, favoreceu unha recuperación na economía, axudada pola mellora nos prezos do café e do cacao, pero orixinou graves protestas populares. Como consecuencia, o FMI e Francia decidiron perdoar a metade da débeda externa de Costa de Marfil. En novembro de 1994, L. Gbagbo propuxo a constitución dunha Fronte Republicana (FR) formada polos grupos opositores, que deu como resultado a súa formación en abril do 1995, de cara ás eleccións, formada polo FPI, o Ra-ssemblement des Républicains (RDR, Reagrupamento dos Republicanos) e a Unión de Forzas Democráticas (UFD). O presidente H. Konan Bédié acadou unha vitoria nas eleccións presidenciais de 1995, despois de eliminar a competencia mediante a aplicación aos candidatos dun novo código electoral excluínte. Nas eleccións lexislativas de novembro dese ano produciuse un novo escándalo cando o exército suspendeu as votacións na circunscrición pola que se presentaba L. Gbagbo. Mentres, a guerra en Liberia empurraba a máis de 300.000 inmigrantes a Costa de Marfil e as melloras nos prezos do café e do cacao durante 1995 permitiron establecer un precario equilibrio na súa economía. En 1996 creouse un Consello de Seguridade que incrementou os poderes do presidente para enfrontrarse co crecemento da criminalidade e as tensións nas fronteiras, principalmente con Liberia. A cancelación en 1998 do 80% da débeda externa supuxo un respiro para a economía, aínda que perdurou a situación de enfrontamento étnico e rexional entre o S cristián e animista, cunha florecente economía e que tivo o poder político dende a independencia, e o N, de maioría musulmá e con escaso poder e recursos. O 25 de decembro de 1999 H. Konan Bédié foi derrocado por unha conxura de militares, que instaurou un Comité Nacional de Salvación, integrado por nove oficiais superiores das forzas armadas e dirixido polo xeneral Robert Gueï, antigo xefe do Estado maior. O novo líder prometeu unha reforma política e a celebración de eleccións democráticas sen exclusións; entre as súas primeiras medidas prohibiu realizar transferencias de fondos ao estranxeiro e a realización de auditorías en todas as institucións públicas para coñecer o seu estado de contas. Pero, nos meses seguintes, estimulou a situación de enfrontamento étnico latente e descubriu as súas intencións de perpetuarse no poder mediante unhas eleccións á súa medida. Para acadar o éxito, apartou da carreira cara á presidencia o líder do RdR, Ouattara, de relixión musulmá e que acadara unha notable popularidade entre as tribos diula e malinké. As eleccións presidenciais producíronse o 22 de outubro de 2000 e dende o primeiro momento a fraude en favor de Gueï foi masiva. Despois do anuncio da vitoria de Gueï, os seguidores de Gbagbo enfrontáronse co exército e Gueï fuxiu do país; posteriormente, os partidarios de Gbagbo cos de Ouattara, pero ambos os dous líderes reuníronse o 27 de outubro e Gbagbo foi recoñecido como lexítimo presidente logo de acadar o apoio internacional de Lionel Jospin. Así, Gbagbo constituíu un goberno de coalición e de composición multiétnica no que participaron o PDCI-RDA e o PIT. As boas perspectivas políticas sufriron un colapso logo do veto de Ouattara nas eleccións lexislativas do 10 de decembro do ano 2000. Posteriormente, os enfrontamentos interpartidistas que se produciron en Abidjan e o nacemento dun movemento secesionista no norte musulmán en xaneiro do ano 2001 agravaron a nova situación.