Couto Mixto, Asociación de Amigos do

Couto Mixto, Asociación de Amigos do

Asociación fundada en 1998 baixo a iniciativa dun grupo de persoas, convocadas pola Fundación dos Premios da Crítica Galicia, coa finalidade de recuperar a memoria histórica daquel lugar. Os seus fundadores foron Xosé González Martínez, Luís García Mañá, Bieito Ledo Cabido, Xosé Manuel Cid Fernández, Bento da Cruz, Xesús Ferro Ruibal, Xoán Fonseca Moretón, Xosé María Fonseca Moretón, Modesto Hermida García, Álvaro López Mira, Benito Montero, Antón Pulido, Xosé Benito Reza, Máximo Salinas Valencia e Carlos Varela García. A eles engadíronse Xosé Ramón García Rivero e veciños das parroquias que integraban o Couto Mixto. Presidida por Máximo Salinas Valencia, desenvolveu unha serie de actividades entre as que destacan os cursos de verán celebrados en colaboración coas universidades de Vigo e Tras-Os-Montes, en Chaves e Celanova (1999) e Xinzo de Limia (2000), e o proxecto do Museo Aberto do Couto Mixto que ten como finalidade a recuperación das construcións adxectivas do lugar e que se desenvolve xunto co concello de Calvos de Randín. A Asociación concédelles a distinción de Xuíz Honorífico ás institucións e persoas que se distingan polos seus traballos de recuperación da memoria histórica. Foron galardoadas as universidades de Vigo e Tras-Os-Montes, e distintas personalidades como Xosé Ramón García Rivera, crego de Santiago e Randín, Bento da Cruz, Luís García Mañá e Francisco Fernández del Riego. No eido da investigación publicáronse Couto Mixto, unha república esquecida, de Luís García Mañá; Estudio socioeconómico do Couto Mixto e pobos arrianos, de Máximo Salinas Valencia; e Inventario Microtoponímico do Couto Mixto.