Cova Céltica

Cova Céltica

Parladoiro político-literario, constituído a finais do s XIX, que se reunía diariamente na Librería Regional que Uxío Carré Aldao posuía na Coruña (primeiro no número 30 da Rúa Real e logo no Rego de Auga, situación orixinal da librería que pertencera a A. Martínez Salazar). Congregaba boa parte do rexionalismo coruñés da época e entre os asistentes habituais contábanse Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Andrés Martínez Salazar, Salvador Golpe, Francisco Tettamancy, Martelo Paumán, Manuel Lugrís Freire, Eladio Rodríguez González, Pérez Ballesteros, Ramón Bernárdez, Florencio Vaamonde, Galo Salinas, Manuel Banet Fontenla, Marcial de la Iglesia, Avelino Barbeito Hermosilla, Rey Escariz, Pérez Barreiro, Pérez Costales, Segundo Moreno Barcia e Waldo A. Insua. Esporadicamente, uníanse ás xuntanzas Alfredo Brañas, Cabeza de León, Lago González, Barcia Caballero, Amor Meilán e Emilia Pardo Bazán, entre outros. O nome co que se coñece fai alusión explícita ao ideario dos seus integrantes: Celso García de la Riega alcumou o parladoiro coa denominación irónica de “La cueva céltica”, en oposición aberta ás teorías celtistas do grupo, que defendía a cultura celta como base étnica do pobo galego, e postulaba a relevancia da compoñente grega nas orixes, xunto co papel salientable da Idade Media na formación da identidade galega. O alcume empregárono tamén Leopoldo Pedreira, Xosé María Riguera Montero e outros intelectuais antirrexionalistas, que acusaron os compoñentes do parladoiro (coa excepción de Ramón Bernárdez ou Pérez Ballesteros) de arribistas e manipuladores da cultura galega. Os participantes, pola súa banda, aceptaron a denominación e asumírona como propia, traducida ao galego. Nas xuntanzas discutíase sobre historia, literatura, folclore e política, e constituíu o núcleo impulsor do movemento rexionalista a partir de 1894. As bases ideolóxicas xerais dos asistentes, independentemente das traxectorias políticas diverxentes que algúns deles seguiron a partir de 1900, coincidían coas de Murguía, no que se refire ao seu liberalismo político e tamén ao seu organicismo e historicismo. Crenza común era a mencionada orixe celta da comunidade galega, a partir dos presupostos ideolóxico-históricos de Murguía e a cosmovisión poética de Eduardo Pondal. Defenderon o feito diferencial galego, fundamentado na aplicación ao país dun concepto de nación centrado na raza, segundo o que a nación galega se remontaría á chegada dos celtas, co que se xeraba unha alma colectiva particular, caracterizada polo amor á terra, ao lirismo e á capacidade de resistencia. Ademais do desenvolvemento e divulgación do mito celta, a Cova Céltica animou a outras entidades culturais como a publicación da Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, que xurdiu en 1895 como voceiro oficial do grupo; a creación da Escola Rexional de Decramación, que levou a escena pezas dramáticas de Galo Salinas (Filla!, 1903), Lugrís Freire (A ponte, 1903; Mareiras, 1904) e Martelo Paumán (Rentar de Castromil, 1904); e a iniciativa da fundación da Liga Gallega, organización que tiña por obxectivo “a defensa dos intereses moraes, materiaes, políticos, económicos e sociaes de Galicia”. Finalmente, deste núcleo rexionalista xurdiu o sector máis influente dos membros fundadores da Academia Gallega. En definitiva, a Cova Céltica constituíu o núcleo intelectual do rexionalismo galego dende mediados da última década do s XIX, do que partiron as principais iniciativas e protagonistas intelectuais e políticos do movemento.

Palabras veciñas

Cova | Cova | Cova Baixa | Cova Céltica | Cova da Moa | Cova da Moura | Cova da Serpe, serra da