Covadonga, Nuestra Señora de
Santuario situado en Cangas de Onís (Asturias) nun val da serra de Covadonga. Está nunha cova onde, segundo a tradición, tivo lugar a Batalla de Covadonga, considerada tradicionalmente como o punto inicial da Reconquista da Península Ibérica. Paio acadou a vitoria, no 722, contra un destacamento sarraceno ás ordes de Alquama. As crónicas cristiás do s IX (a Alberdense e a de Afonso III) esaxeraron a importancia da batalla, mentres que os cronistas árabes non a mencionan. Posteriormente, concedéuselle á batalla un valor relativo, resultado dun enfrontamento entre dous grupos pouco numerosos, que, sen embargo, puido ser o estímulo para a continuación da Reconquista. A colexiata, de estilo neorrománico (1877-1901), ten planta de cruz latina con tres naves e tres ábsidas. Está cuberta con bóvedas de aresta, agás no cruceiro que ten bóveda de crucería. No exterior dúas torres flanquean un pórtico de tripla arco. Na praza da basílica hai unha estatua de Paio, obra de Gerardo Zaragoza. O acceso á cova realízase por medio dunha escalinata. No interior destaca a imaxe da Santina, a patroa de Asturias, a fonte dos Siete Caños e as tumbas de Paio e Afonso I. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en 1984.