Covelo

Covelo


Concello da comarca da Paradanta, situado na provincia de Pontevedra no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Fornelos de Montes (comarca de Vigo) e Avión (O Ribeiro), ao L cos concellos de Melón (O Ribeiro) e A Cañiza, ao S cos da Cañiza e Mondariz (O Condado), e ao O cos de Mondariz e Fornelos de Montes. Abrangue unha superficie de 125,3 km 2 cunha poboación de 3.515 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Barcia de Mera, Campo, Casteláns, Covelo, Fofe, Godóns, A Graña, A Lamosa, Maceira, Paraños, O Piñeiro, Prado, Prado de Canda e Santiago de Covelo. A capital municipal é a vila de Covelo, situada a 42° 13’ de latitude N e 8° 22’ de lonxitude O, 30 km ao L de Vigo e 122 km ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ponteareas e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O concello de Covelo encádrase baixo o dominio climático oceánico de montaña, no que se poden apreciar matices locais en función da gradación topográfica do territorio. A influencia da altitude xera un réxime térmico moi contrastado. A temperatura media anual é lixeiramente inferiro aos 12°C. O mes máis frío é xaneiro, con 6°C de temperatura media, mentres que os máis cálidos son xullo e agosto, con preto de 18°C. Así, a oscilación térmica acada os 12°C, feito que representa unha amplitude notable, debido fundamentalmente aos rigores invernais, pois os veráns son bastante frescos. As precipitacións son moi elevadas, cunha media próxima aos 2.400 mm anuais, froito do efecto pantalla das serras e da influencia dos ventos húmidos do SO procedentes do océano, do que só o separan 30 km. O réxime pluviométrico presenta a súa maior intensidade no inverno, estación na que se recollen o 36,22% do total anual de precipitacións; pola contra, no verán só se recolle unha media do 7,86% das precipitacións do ano, aínda que esta circunstancia non provoca problemas de déficit hídrico nos solos. A disposición do relevo redunda nunha gradación das temperaturas e precipitacións de S a N. O espazo natural da serra do Suído ocupa a metade setentrional do concello, onde se acadan altitudes superiores aos 1.000 m. O límite oriental constitúeo a serra do Faro de Avión, que rexistra a cota máis elevada do concello no pico do Faro de Avión (1.154 m), en territorio da parroquia de Prado. Outras cotas destacadas son o Chan de Carballo (1.058 m) e o Coto Soleiras (1.032 m). A medida que se descende cara ao S, o relevo suavízase e dá paso a superficies erosionadas, como as de Montouto e Tilleira, entre os 600 m e os 900 m (a máxima altura deste sector rexístrase no límite da parroquia da Lamosa e correspóndese cos 949 m do alto de Montouto). A tectónica compartimentou e modelou estas unidades topográficas e, xunto cunha intensa erosión fluvial, determinou o relevo actual. Covelo posúe unha densa rede fluvial encaixada sobre as liñas de fracturas. Organízase ao redor da conca do río Tea que recibe numerosos afluentes (Xabriña, Caraño ou Piñeiro, Pequeno, etc). Estes afluentes discorren por fortes pendentes que aumentan a súa capacidade erosiva e animan a paisaxe. As características topográficas repercuten nunha gradación da vexetación. Piñeirais e frondosas comparten espazo con lameiros e pastos. A matogueira cobre os relevos máis montañosos.
Xeografía humana
A poboación do concello de Covelo experimentou no s XX unha evolución fortemente negativa, non tanto polo volume das perdas coma polo mantemento desa tendencia durante toda a centuria, coas excepcións dos períodos 1930-1940 e 1960-1970. A finais do s XIX, en 1900, contaba con 6.881 h. Daquela, xa viña de perder 372 h con respecto a 1887, data do anterior censo, no que rexistraba 7.253 h; é dicir, o descenso fora dun 5,1%. O s XX coñeceu diferentes momentos de crecemento e descenso. Desde 1900 ata 1930 a poboación baixou de forma constante a un ritmo moderado, debido á emigración de moitos dos mozos do concello cara aos países de Hispanoamérica ou ás principais áreas urbanas inmediatas (especialmente Vigo). Esta corrente migratoria foi moi intensa, pero viuse en parte compensada por un crecemento vexetativo elevado, que evitou un despoboamento maior. Así, cando o fluxo migratorio se interrompeu, debido á crise internacional económica (crac da bolsa de 1929) e bélica (Guerra Civil española e Segunda Guerra Mundial) dos anos trinta e corenta, o concello recuperou rapidamente os niveis de poboación que tiña ao comezo do século, de xeito que en 1940 acadou os 6.861 h. Desde ese ano ata 1960 experimentou un novo descenso moderado: seguiu mantendo un crecemento vexetativo forte que provocou unha nova corrente emigratoria cara aos países industrializados europeos e ás cidades galegas. Novamente, o final das emigracións causou unha recuperación demográfica na década de 1960, para chegar en 1970 ao máximo demográfico da súa historia censual, con 7.738 h. Desde a década de 1970 ata o comezo dos anos noventa, Covelo experimentou un descenso máis acelerado da súa poboación. Entre 1981 (6.374 h) e 1996, o número total de habitantes baixou nun 29,4%. As causas da despoboación deste municipio radican no avellentamento da poboación, coa conseguinte caída da natalidade e a suba da mortalidade por motivos naturais, así como pola marcha dos efectivos máis novos cara ás áreas urbanas. Esta despoboación continuou no s XXI a un ritmo do 6,,09% entre 2001 e 2007. O crecemento vexetativo en 2006, con taxas anuais do -9,9‰, como resultado dunha natalidade moi baixa (2,9‰) e unha mortalidade alta (12,8‰). Os maiores de 64 anos representan o 36% da poboación total, mentres que os menores de 20 anos son só o 9,3%;os adultos representa o 54,7%. A distribución por sexos é favorable ás mulleres, que constitúen o 52,17% da poboación (os homes son o 47812%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Covelo é do 43,6% (59,7% a masculina e 30,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 38% (52,4% a masculina e 25,8% a feminina) e a taxa de paro é do 12,9% (12,2% a masculina e 14,1% a feminina). Malia a súa condición de concello interior de montaña, o sector terciario acolle máis da metade dos traballadores ocupados residentes no concello; sen embargo, o agropecuario é o sector máis característico da economía local. Posúe unha superficie agrícola útil de 968 ha, o 8,55% da área total municipal. O sector primario ocupa o 10,3% da poboación e nel destacan os pequenos empresarios gandeiros que posúen granxas dedicadas á cría de gando bovino (1.350 cabezas, 2007), predominantemente de orientación cárnica. A crecente demanda de tenreira galega de calidade favorece estas explotacións, nas que predomina a raza rubia galega en réxime extensivo, en aproveitamento das terras máis montañosas. A elas únense as explotacións ovinas de orientación láctea, así como as granxas avícolas dedicadas á produción intensiva de ovos. No val do río Tea destaca a produción vitivinícola, incluída na Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona do Condado. O policultivo de autoconsumo forma parte tamén destas explotacións de carácter familiar que producen millo, patacas, produtos hortícolas, árbores froiteiras, etc. En moitos casos, este policultivo practícano a tempo parcial traballadores doutros sectores, e obteñen así un complemento ás súas rendas. Ademais, cómpre mencionar a elaboración de mel, a explotación dos importantes recursos forestais ou outras iniciativas puntuais como a recolección de cogomelos. As actividades pesqueiras ocupan ao 1,1% dos traballadores. As actividades industrial e terciaria teñen menor peso dentro do sistema produtivo de Covelo, malia que ocupan o 17,6% e o 57.7%, respectivamente, dos traballadores censados no concello. Unha parte destes traballadores desenvolven a súa xornada laboral en empresas radicadas en Vigo, Ponteareas ou nos polígonos industriais do Porriño. Polo que respecta á industria local, destacan as derivadas da gandería: a empresa máis importante polo número de empregos e pola súa facturación é Industrias Cárnicas Fontefría. No que respecta ao sector terciario, o concello de Covelo presenta unha dependencia funcional comercial e de servizos da cabeceira comarcal, A Cañiza, da vila de Ponteareas e da cidade de Vigo. Nos últimos anos intensificouse o turismo rural aproveitando os espazos naturais de gran riqueza paisaxística e cinexética. Entre a oferta de espazos lúdicos destacan as praias fluviais de Maceira e Barcia de Mera, os coutos de pesca do río Tea (en Barcia de Mera e Lougares), un hipódromo e outras instalacións deportivas. Entre as infraestruturas de servizos, conta con dous centros de atención sanitaria primaria, dúas entidades financeiras, un centro de educación infantil e primaria, unha biblioteca pública e varias casas de cultura. As principais vías de comunicación que atravesan o concello son a estrada nacional N-120 (Vigo-Logroño) e a PO-531 (Pontevedra-Celanova), así como a local PO-261.
Historia
O concello de Covelo estivo poboado dende a época da cultura castrexa, representada polo castro de Santiago de Covelo. Os restos dunha ponte que atravesa o río Tea, identificados como romanos, confirman a continuidade do poboamento durante a Antigüidade. Sometido á xurisdición de varios mosteiros na Idade Media, cara ao final do período a casa condal de Soutomaior estableceu o seu dominio sobre parte dos territorios do actual concello. Durante os ss XVII e XVIII foi escenario dalgúns dos enfrontamentos derivados da independencia de Portugal. Na Guerra da Independencia contra os franceses tiveron lugar, entre o 13 e o 18 de febreiro de 1809, violentas loitas coas tropas dirixidas polo mariscal francés Soult. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Covelo pertenceron a tres xurisdicións: a das Achas, baixo o señorío do conde de Salvaterra, incluía as parroquias de Barcia de Mera, Campo (da que logo se segregarían as da Graña e Prado) e Fofe (que collía tamén a de Godóns); a de Covelo, señorío do conde de Amarante, abranguía a parroquia homónima (posteriormente dividida en Covelo e Santiago de Covelo), ademais da Lamosa, Maceira, Paraños, O Piñeiro e Prado da Canda; por último, Sobroso, xurisdición do marqués de Sobroso, incluía a parroquia de Casteláns. Todas estas xurisdicións pertencían á provincia de Tui. Na Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 deseñábase un modelo de organización territorial que abolía os dereitos señoriais e substituía as xurisdicións por municipios; deste xeito, en concordancia coa nova lei fundamental do Estado, estableceuse o concello de Covelo, adscrito ao partido xudicial da Cañiza e á provincia de Galicia. Non obstante , en novembro de 1814, o Rei Fernando VII asinou un decreto que derrogou a Constitución e restableceu o Antigo Réxime, polo que se suprimiron os concellos. En 1820, un pronunciamento militar significou a restitución do réxime constitucional, feito que tamén supuxo a rehabilitación do concello de Covelo. Nesta etapa, segundo un decreto do 27 de xaneiro de 1822, pasou a integrarse na provincia de Vigo. En 1823, Fernando VII volveu derrogar a Constitución e restaurou a administración señorial. En 1833, morto o rei, inaugurouse un período de reformas no Estado. Unha nova división provincial integrou este territorio na provincia de Pontevedra en 1833. En 1836, despois dun longo proceso, constituíuse o concello de Covelo. Nos anos inmediatos rexistráronse solicitudes de reestruturación municipal: os veciños de Barcia de Mera, O Piñeiro e Casteláns pediron constituír un municipio con capital na primeira das parroquias, pero esta proposta non foi aceptada. Por último, en 1840 a parroquia de Prado da Canda, que nun principio formara parte do concello da Cañiza, incorporouse ao concello de Covelo.
Patrimonio cultural
En Maceira consérvanse dous gravados rupestres, o Coto da Cobra e a Pedra Cabalaria, declarados BIC en 1975. Do patrimonio arquitectónico do concello destaca a igrexa parroquial de San Martiño de Barcia de Mera coa casa rectoral, as igrexas da Lamosa, Maceira e Santa Mariña de Covelo, e as capelas de San Pedro na Hermida, Santa Cruz de Baldomar e Nosa Señora da Guía, en Piñeiro. Na capital do concello destaca o cruceiro do Cristo dos Aflixidos, obra de Cerviño (s XIX). Consérvanse pontes en Fofe, de estilo románico, na Graña (s XVI) e en Barcia de Mera (s XVIII). No patrimonio natural destaca a serra do Suído e as praias fluviais de Maceira e Barcia de Mera; o espazo do río Tea foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello cómpre salientar as romarías da Virxe de Xestosa, de Nosa Señora da Guía en Piñeiro e a de Maceira. O 25 de xullo celébrase a festa do Churrasco.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Paradanta, A
Extensión 125 Km2
Poboación Total 3515 h
Poboación Homes 1681 h
Poboación Mulleres 1834 h
Densidade de poboación 28.12 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias