cranio
(
Cavidade ósea da cabeza dos vertebrados que contén o encéfalo. Pódense distinguir dúas partes ben diferenciadas: o neurocranio, que recobre o encéfalo, e o esplancnocranio ou esqueleto visceral, de orixe cartilaxinosa, que nos peixes ten como misión principal servir de soporte ás branquias e, filoxeneticamente, orixina as mandíbulas. O neurocranio consta do condrocranio, cartilaxinoso, que forma a base do cranio e as cápsulas dos órganos do olfacto e do oído, e do dermatocranio, formado por ósos de membrana, que constitúe a bóveda cranial. Nos ciclóstomos o cranio é verdadeiramente primitivo; consta só dunha carcasa cartilaxinosa que forma as paredes laterais e unha bóveda sobre o encéfalo. O resto é unicamente tecido conxuntivo fibroso. A parte da cartilaxe, que serve de soporte ás branquias, non ten nada que ver co esqueleto visceral dos outros vertebrados. Os condritios teñen un cranio completamente cartilaxinoso. O condrocranio consta dunha única peza, prolongada anteriormente polo rostro; isto provoca que estes peixes teñan a boca en posición ventral. O esplancnocranio está formado por sete arcos cartilaxinosos viscerais que soportan as branquias. O primeiro arco, ou arco mandibular, está dividido en dúas barras: a barra palatopterigocadrada e a cartilaxe de Meckel, que forman as mandíbulas superior e inferior, respectivamente. Nos osteíctios, e particularmente nos teleósteos, o nivel de osificación é máis importante ca nos peixes cartilaxinosos. A barra palatopterigocadrada deixa de formar parte da mandíbula superior e aparecen dous ósos novos que a forman: o maxilar e o premaxilar. A cartilaxe de Meckel convértese nun núcleo no que se forman diversos ósos de membrana, entre os que destacan o dentario e o articular. Nos anfibios ten lugar unha redución do número de ósos e un aplanamento xeral do cranio. O condrocranio desapareceu en parte e substituíuse por ósos de cartilaxe. A mandíbula inferior ten as mesmas características ca a dos teleósteos, malia a progresiva importancia do dentario. Teñen dous cóndilos occipitais. Nos réptiles, do conxunto do condrocranio primitivo só queda por osificar a rexión etmoidal. A súa característica principal é a formación de fosas na rexión temporal. Teñen un só cóndilo occipital. O cranio das aves presenta unha cavidade cranial máis grande, unha articulación entre o cranio e a columna vertebral en ángulo recto e unha fusión dos premaxilares hipertrofiados e maxilares para formar a parte superior do peteiro, mentres que a inferior está formada polos dentarios. Aínda que no cranio dos mamíferos hai moita variación, as características comúns e fundamentais son: ancheamento, redución do número de ósos, aparición dun padal secundario óseo, aparición da cadea de tres ósos do oído medio (martelo, bigornia e estribo) e articulación da mandíbula inferior dentro da fosa mandibular da rexión escamosa. O cranio humano está formado por oito ósos: o frontal, os dous parietais, os dous temporais, o occipital, o esfenoide e o etmoide. Está cuberto por fóra polo periósteo, chamado pericranio, e por dentro polo endocranio, endósteo formado pola duramáter. Presenta unha bóveda, unha rexión lateral e unha base. A bóveda está constituída polos ósos frontal, parietais e occipital, unidos polas suturas coronal ou frontoparietal, saxital ou biparietal e occipitoparietal. A rexión lateral está formada pola rexión escamosa do óso temporal e por unha parte dos ósos temporal, parietal, esfenoide e occipital. A base, formada pola porción basal dos ósos frontal, etmoide, esfenoide, temporal e occipital, divídese en tres zonas: a anterior ou facial, a media ou xugular e a posterior ou occipital. Segundo a súa capacidade, estableceuse unha clasificación en cranios microcéfalos, se a súa capacidade é inferior a 1.350 cm3; mesocéfalos, se está entre 1.350 e 1.450 cm3, e macrocéfalos, se é superior a 1.450 cm3. Segundo a súa forma, os homes clasifícanse en dolicocéfalos cando teñen o cranio longo e estreito, mesaticéfalos se o teñen de forma case oval, e braquicéfalos se o teñen curto e amplo.