Cravo Fondo

Cravo Fondo
[LIT]

Grupo poético formado en Santiago de Compostela polos poetas Ramiro Fonte, Xesús M. Valcárcel, Xulio M. Valcárcel, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio e Félix Vergara Vilariño. No ano 1977 deron ao prelo o libro colectivo Cravo Fondo, escolma poética de cada un deles precedida dun manifesto, onde proclamaban a súa ideoloxía e intención poética. Inmersos no proceso de transición política da ditadura cara á democracia, os autores declaráronse nacionalistas e revolucionarios e afirmaron a necesidade de buscar novas canles de expresión para a poesía galega. Fronte á proposta neovangardista do colectivo Rompente e o esteticismo cultural defendido por diversos autores, Cravo Fondo apostou por unha poesía incardinada na realidade vital (“ser poeta hoxe en Galicia é ser poeta dunha nación asoballada, i esíxese da postura humán do autor unha adecuación a isa realidade”), que conxugase o compromiso ético co estético, isto é, co necesario rigor artístico, como vía de coñecemento e comunicación.

Palabras veciñas

craveira | craveiro | cravo | Cravo Fondo | Cravo Neto, Mário | Cravotto, Mauricio | cravudo -da