creacionismo

creacionismo

(< creación)

  1. s m [RELIX/FILOS]

    Sistema de crenzas desenvolvidas a partir dos textos bíblicos, sobre todo da Xénese, e relativas ao Universo, á vida e á humanidade, que se basea na existencia dun creador eterno. A tradición cristiá, dende Clemente de Alexandría, Oríxenes, Tertulio e Agostiño, recoñeceu a veracidade da Xénese e defendeu como válida a crenza de que Deus creou a materia ex nihilo (‘dende a nada’); que Deus creou primeiro a Terra e despois a Lúa, o sistema solar, as galaxias e todos os demais sistemas de estrelas; que creou os animais; que o home é o obxectivo de Deus na creación; que Deus formou o home de po da terra e, despois de soprarlle no nariz o alento da vida (a alma), tornouse persoa viva; e que Deus creou primeiro o home (Adán), e despois, a partir dunha costela, a muller (Eva). De acordo con eses principios esenciais desenvolveuse o fixismo e o catastrofismo, estableceuse unha cronoloxía da creación, e elaborouse unha Escala da Natureza na que as especies eran inmutables. Non obstante , a formulación de diferentes teorías científicas ao longo do s XIX, como o evolucionismo de Darwin ou o uniformismo de Lyell, abriron un profundo debate entre os cristiáns que derivou na reformulación do creacionismo segundo diferentes criterios, que basicamente se reducen á aceptación ou negación do feito da evolución.
    O creacionismo bíblico e o creacionismo científico
    Son dúas estratexias dunha mesma doutrina e a súa única fundamentación é a lectura literal da Xénese. O creacionismo bíblico é o tradicional, baseado na doutrina relixiosa; sen embargo, por mor de que nos EE UU é ilegal ensinar doutrinas relixiosas nas escolas públicas, en 1970 fundouse en California o Institut for Creation Research (ICR) co obxectivo de elaborar un modelo científico da creación e proporcionar material para a educación, feito que facilitou o seu ensino dentro da legalidade. A diferenza entre ambos refírese exclusivamente á metodoloxía didáctica e ao público ao que está destinado: nas escolas dominicais e nas igrexas, onde ensinar a doutrina relixiosa é aceptable, o ICR defende o ensino do creacionismo bíblico; nas escolas públicas, onde a instrución abertamente relixiosa é ilegal, o ICR defende o ensino do creacionismo científico. Os principios deste modelo científico, definidos en 1974 por Henry Morris, son os seguintes: o Universo físico de espacio, tempo, materia e enerxía non existiu sempre, senón que foi creado de xeito sobrenatural por un único creador transcendental e eterno; o fenómeno da vida biolóxica non se desenvolveu por procesos naturais dos sistemas inanimados, senón que o formou de xeito especial e sobrenatural o creador; cada un dos tipos maiores de plantas e animais foi creado completo dende o principio e non evolucionou de ningún outro tipo de organismo, polo que, os cambios nos tipos básicos dende a súa creación limítanse a variacións ou extincións; os primeiros seres humanos foron creados especificamente en forma humana dende o principio e, debido á súa natureza espiritual, son enteiramente distintos da restante vida biolóxica coa que non teñen ningunha relación. En tanto que modelo científico, os creacionistas deberían propor criterios metodolóxicos obxectivos, mostrar probas contrastables, elaborar definicións obxectivas, etc; sen embargo, limítanse a refutar as probas da evolución e traducir a unha linguaxe neutra (aceptable nas escolas públicas de EE UU) a doutrina relixiosa. Así mesmo, o seu principal obxectivo é advertir dos perigos que implica a aceptación do evolucionismo, que segundo Werner Gitt son: perder o camiño para atopar a Deus, converter a salvación en mito e esquecer que o home é o propósito da creación.
    A creación despois da aceptación do modelo evolucionista
    Unha vez exposta a evolución por selección natural, xurdiron as primeiras eséxeses que consideraban que o texto bíblico é en esencia unha metáfora elaborada polas tribos de pastores israelitas sobre o mundo e a praza que ocupa a humanidade nel. Fundándose nestas lecturas, que negaban a literalidade do texto bíblico, estableceuse a “teoría da fenda”, que afirma que existe unha ruptura de millóns de anos entre o capítulo primeiro da Xénese (creación do Universo, a Terra e a vida) e o capítulo segundo (creación do home e da muller), e elaboráronse os primeiros modelos concordistas, nos que os días se equiparaban con eras (cósmica, cosmo-xeogónica e xeolóxica). Formulábase así, o creacionismo progresivo, que procura a harmonización dos datos científicos coa Biblia e recoñecía a existencia da evolución (proceso creativo). No seo deste sistema explicativo coexisten dous modelos diferentes: o primeiro, de carácter conservador, afirma que Deus está presente en todo o proceso; o segundo, de carácter liberal, mantén que Deus só se manifesta de cando en vez para crear novas formas de vida. Algunhas teorías filosóficas de comezos do s XX, sobre todo o vitalismo e o finalismo, permitiron elaborar un modelo evolutivo non darwinista compatible coa existencia dun acto creador e dun plan dirixido. O evolucionismo teísta, elaborado inicialmente polo padre Teilhard de Chardin, foi asumido polo Papa Pío XII na encíclica Humani generis (1950), na que se autorizaba os científicos católicos a investigar de xeito serio e verdadeiramente científico a hipótese transformista sempre que se respectase a verdade revelada, que sostén que existiu unha acción especial de Deus na formación do corpo do primeiro home (que non pode chamar pai a un animal inferior) e da primeira muller, que a alma foi creada por unha acción divina especial e que a humanidade actual procede dunha parella única e orixinal (monoxenismo). Este modelo creacionista incorporouno á doutrina católica o Papa Xoán Paulo II, quen en 1998 recoñeceu como probado o feito da evolución da materia e da vida, aínda que excluía dese feito a creación primeira do mundo e mais a creación da alma humana por Deus.

  2. s m [LIT]

    Movemento literario de vangarda xurdido na primeira metade do s XX. Os seus iniciadores foron Vicente Huidobro e Paul Reverdy, que se disputaron a súa paternidade. O seu pulo definitivo data da estancia de Huidobro en París en 1916, onde se relacionou coas diferentes propostas de vangarda e colaborou na revista Nord-Sud (1916-1918), fundada por Reverdy e voceiro das novas tendencias, xunto cos poetas Max Jacob e Guillaume Apollinaire,. Non obstante , Huidobro afirmou posteriormente no escrito Manifestos (1925) que traballara nel desde 1912. O nome da tendencia partiu, segundo Huidobro, dunha conferencia pronunciada no Ateneo de Bos Aires en 1916: “fue allí donde se me bautizó como creacionista, por haber dicho en mi conferencia que la primera condición del poeta es crear, la segunda, crear, y la tercera, crear”. A súa premisa fundamental é a consideración da creación artística con total independencia respecto dos modelos que ofrece a realidade, de xeito que o poema non imite o mundo, senón que cree un novo da nada, ao facelo xurdir da visión interior do poeta. Avogou polo atematismo e focalizou a importancia e orixinalidade do poema na manifestación do eu do autor e non no tema tratado. Implicou unha busca de novos recursos expresivos que, na liña doutros movementos de vangarda, tentou superar as técnicas herdadas da tradición, como a supresión da puntuación, a formulación de anacolutos e rupturas sintácticas, a incorporación de letras soltas, as palabras carentes de significado coñecido e neoloxismos cuñados polo propio autor ou a creación de metáforas orixinais. É unha estética na que os signos lingüísticos non se escollen como portadores de contido -de aí a abundancia de voces sen significado recoñecible- senón pola súa capacidade de suxestión poética. Ten certas afinidades co cubismo, por mor da filiación inicial de Reverdy con esta tendencia a través da súa amizade cos pintores Juan Gris, Picasso e Braque. Este feito sinalouno Vicente Risco na carta que dirixiu a Manuel Antonio para informalo das novas tendencias da arte, onde afirmaba que creacionismo “é o nome que Vicente Huidobro lle dá ao cubismo especial que el fai”. Por outra banda, achégase ao ultraísmo no rexeitamento da imitación realista, no cultivo da imaxe fragmentaria ou na procura de novas formas tipográficas. En España, a súa influencia sentiuse a partir da visita de Huidobro a Madrid en 1918, na obra de Gerardo Diego e Juan Larrea, entre outros. Anos despois chegou a Galicia, onde tivo unha grande importancia na concepción poética de Manuel Antonio, en particular no seu libro De catro a catro (1928), Luís Amado Carballo, Uxío Montes, Eduardo Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro.

Palabras veciñas

creable | creación | Creación, A | creacionismo | creacionista | creador -ra | Creagh, Sebastián