crebanoces

crebanoces

(

  1. s m

    Utensilio de mesa amodo de tenaces que se emprega para partir a casca de noces, abelás e outros froitos secos.

    Sinónimos: escachanoces, quebranoces.
  2. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s m

      Ave do xénero Nucifraga, da familia dos córvidos. Posúe un peteiro longo e forte de cor negra, o corpo de cor acastañada e as alas e a cola negras. As alas son grandes e arredondadas e a cola curta; voan de xeito lento e desprázanse con facilidade entre a ramaxe das árbores. Son animais gregarios que viven en pequenos grupos familiares ata a época de cría, na que cada parella defende un territorio. Son aves propias de bosques de coníferas do Hemisferio Norte, tanto os bosques que conforman a tundra como os que se localizan en latitudes menores, en sistemas montañosos. Aliméntanse de sementes e froitos (especialmente piñóns e noces), insectos e pequenos vertebrados; poden enterrar parte dos froitos que collen, na época favorable, e logo recuperalos durante o inverno. Nos invernos crus, ou ben realizan migracións cara ao sur, ou ben descenden aos vales.

      Sinónimos: quebranoces.
    2. crebanoces de Clark [Nucifraga columbiana, Fam dos córvidos]

      Ave de 30 cm de lonxitude, de plumaxe castaña, que se distribúe, no O de Norteamérica, dende o S de Canadá ata o N de México.

    3. crebanoces euroasiático [Nucifraga caryocatactes, Fam dos córvidos]

      Ave de 31 cm de lonxitude, de plumaxe acastañada con pintas brancas e a parte inferior da base da cola branca. Está presente dende a Península Escandinava ata Xapón, e no centro e sur de Europa, asociado a bosques de coníferas de sistemas montañosos, como os Alpes e os Balcáns.

Palabras veciñas

crebado -da | crebadura | crebafolgas | crebanoces | crebaosos | crebar | crebaxeos