Crecente
Concello da comarca da Paradanta, situado na provincia de Pontevedra no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Melón e Ribadavia (O Ribeiro), ao L cos de Cortegada (O Ribeiro), Pontedeva e Padrenda (Terra de Celanova), ao O cos de Arbo e A Cañiza (A Paradanta) e ao S, separado polo río Miño, con Portugal. Abrangue unha superficie de 57,5 km 2 cunha poboación de 2.698 h (2007), distribuída entre as parroquias de Albeos, A Ameixeira, Angudes, Crecente, Filgueira, O Freixo, Quintela, Rebordechán, Ribeira, Sendelle e Vilar. A capital municipal é a vila de Crecente, situada a 42° 9’ de latitude N e 8° 13’ de lonxitude O, 45 km ao L de Vigo e 143 km ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ponteareas e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
Climaticamente, o concello de Crecente, situado á beira do río Miño, que entra no seu curso baixo, está nunha área de transición entre o dominio oceánico húmido e o oceánico mediterráneo. Ambos matízanse en función da gradación topográfica do territorio. As temperaturas son agradables ao longo de todo o ano. A temperatura media anual é de 15,3°C. O mes máis frío é xaneiro, con 9°C de temperatura media, mentres que o máis cálido é xullo, con 22,5°C. A oscilación térmica é de 13,5°C; esta oscilación tan elevada débese á súa situación interior e á altitude. As precipitacións son moi abundantes, ao redor dos 2.400 mm anuais, pois a disposición aberta e gradual do seu relevo facilita a entrada aos ventos húmidos do SO. En canto á distribución estacional das precipitacións, rexistra o maior volume no inverno, cando se recolle unha media do 36,22% do total anual; pola contra, no verán só rexistra unha media do 7,86% do total, feito que provoca un lixeiro déficit hídrico nesta estación estival. No que respecta á súa topografía, distínguense dúas unidades principais: o pé de monte, ao N, e o val do río Miño, ao S. O relevo actual desenvolveuse a partir dunha antiga superficie de erosión, situada ao redor dos 550 m de altitude, correspondente cos últimos contrafortes da serra do Faro de Avión. As máximas altitudes localízanse na zona noroccidental do concello, no límite coa Cañiza. Cara ao val do Miño, a altitude descende incluso por debaixo dos 150 m. No fondo do val, o Miño adopta un trazado sinuoso con amplos meandros e recibe pola dereita o seu afluente Ribadil, que nace no alto de Carqueixal a 560 m de altitude e desemboca logo dun percorrido de 12 km. As características bioxeográficas e climáticas reflíctense nunha gradación da vexetación segundo a altitude. Os piñeirais e os eucaliptos, as especies forestais máis abundantes, comparten espazo con lameiros e pastos. A matogueira cobre os espazos máis montañosos.
Xeografía humana
A poboación do concello de Crecente experimentou ao longo do s XX unha evolución na que se poden apreciar nidiamente dúas etapas ben diferenciadas, co punto de inflexión da mostraxe censual de 1970. Ata esa data, a poboación municipal medrara, aínda que sempre moi lixeiramente, en todas e cada unha das décadas, dende os 5.247 h que tiña en 1900 ata os 5.927 h que acadou en 1970, data do seu máximo demográfico, feito que significou un incremento do 12,96% en 70 anos. Crecente sufriu nese tempo a incidencia das correntes migratorias, como aconteceu por regra xeral na maioría dos concellos rurais galegos, pero as perdas demográficas debidas a ese proceso compensounas un incremento natural forte. A riqueza do sector agropecuario, baseado nun policultivo de subsistencia que aproveitaba a bondade edáfica do val do Miño, posibilitou que unha parte da poboación nova do concello permanecese no mesmo e que se mantivese un movemento natural positivo ata a década dos setenta. O cambio da dinámica da evolución demográfica produciuse a mediados dos anos setenta, cando o sistema económico tradicional primario de autoconsumo mudou cara a unha agricultura e gandería máis tecnificadas e orientadas ao mercado. Esta transformación do sistema produtivo redundou nunha menor necesidade de man de obra, polo que gran parte da poboación nova decidiu marchar cara ás vilas e cidades máis próximas. Produciuse entón un avellentamento gradual da poboación do concello. Ademais, a natalidade caeu fortemente, tanto pola detracción de efectivos en idade de ter fillos como por unha transformación sociolóxica máis fonda, con repercusión no comportamento respecto á reprodución, favorecida tamén polas reformas lexislativas. Como resultado, en pouco máis dun cuarto de século (1970-1996), perdeu o 48,37% da súa poboación, un descenso do 41,68% respecto a 1900. O s XXI comezou cun lixeiro aumento, o 0,78% entre 2001 e 2007. Non obstante , o crecemento vexetativo é negativo, -9,6‰ (2006), como resultado dunha natalidade baixa (3,5‰) e unha mortalidade relativamente elevada (13,1‰) por mor do avellentamento demográfico. Os maiores de 65 anos representan o 33,2% da poboación total, mentres que os menores de 20 anos son só o 11%; os adultos representan o 55,7%. A distribución por sexos amosa un predominio das mulleres, que constitúen o 53,03 % da poboación, consecuencia tamén do avellentamento.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Crecente é do 37,2% (53% a masculina e 23,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,3% (45,5% a masculina e 18,9% a feminina) e a taxa de paro é do 16% (14,1% a masculina e 19,8% a feminina. As actividades agropecuarias acollen o 6,3% dos ocupados, aínda que o número real de persoas que se dedican a elas é maior, ao non contabilizarse neste epígrafe determinados colectivos (mulleres ou xubilados) que traballan no campo. Ademais, predominan as pequenas explotacións familiares, traballadas moitas veces a tempo parcial. O concello ten unha superficie agraria útil de 522 ha O viñedo é o cultivo máis rendible, pois del extráense caldos de gran calidade acollidos á Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona do Condado. A benignidade do seu clima permite dedicar as terras do val do Miño ao policultivo de cereais, legumes e froitas. Na gandería destacan as explotacións bovinas de orientación cárnica e as ovinas de produción láctea e cárnica. O espazo forestal aprovéitase, ademais de para o tradicional cultivo da castaña, para a explotación madeireira (está a aumentar a superficie de piñeiros e eucaliptos). Á pesca dedícase un 0,7% da poboación. A actividade industrial acolle o 25,6% dos traballadores residentes no concello, aínda que boa parte deles se desprazan diariamente a outros concellos próximos (O Porriño, A Cañiza, Ribadavia) ou ás cidades de Vigo e Ourense, onde están os seus postos de traballo. No interior do concello a industria ten a súa base en derivados da madeira, nas empresas vitivinícolas e no subsector da construción. A empresa que emprega máis persoas e ten a maior facturación é o serradoiro Madeiras Montero. A construción é un sector moi importante en canto a volume de emprego, pois abrangue o 14,7% da poboación ocupada. O sector terciario ocupa o 52,7% da poboación. A maior parte destes traballadores diríxense diariamente cara a Vigo, Ribadavia e A Cañiza. Cóbrense os servizos básicos do concello na vila de Crecente, onde destaca un pequeno comercio polo miúdo de carácter familiar. Para os servizos máis especializados o concello depende da cabeceira comarcal, A Cañiza, da vila de Ponteareas e, xa nos moi especializados, da cidade de Vigo. Entre as dotacións de servizos cómpre salientar dous centros de atención sanitaria primaria, unha entidade financeira, un centro de educación infantil e primaria e varias instalacións deportivas (entre elas un circuíto de motocross). A principal vía de comunicación é a estrada local PO-400 (Crecente-As Neves), que comunica con Portugal a través dunha ponte internacional sobre o río Miño. A vía de ferrocarril Vigo-Ourense percorre o concello seguindo o curso do río Miño, aínda que só os convois rexionais ómnibus paran no apeadeiro de Pousa.
Historia
O concello de Crecente estivo habitado na época romana, como o demostran os restos dunha calzada que seguía a conca do Miño e os vestixios localizados no monte Cidá (Quintela). Durante a Idade Media, ata o s XIII, mantivo xurisdición sobre este territorio un mosteiro templario que coa desamortización se converteu en colexiata. No 1258 Fernando VI concedeu a Fernando Yáñez o condado da vila de Crecente e, ao morrer este sen descendencia, herdouno o seu irmán Baltasar de Soutomaior. Os habitantes do concello participaron na Guerra da Independencia portuguesa e na Guerra da Independencia española fronte aos franceses. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Crecente pertenceron ás xurisdicións de Albeos, que abranguía a parroquia homónima e era señorío do marqués da Sierra; e a de Crecente, baixo o señorío do duque de Soutomaior e integrada polas parroquias de Angudes, Crecente, Filgueira, Rebordechán e Vilar. Ambas as dúas xurisdicións pertencían á provincia de Tui. No s XVIII creouse a parroquia de Ameixeira e en 1836 xa estaban constituídas as de Freixo, Quintela, Ribeira e Sendelle. En aplicación da Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812, suprimiuse a administración señorial. As devanditas parroquias repartíronse entre os concellos de Albeos, Arbo, Valeixe e Mourentán. Non obstante , en novembro de 1814, o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime, polo que se suprimiron todos eses concellos. En 1820, tralo pronunciamento do coronel Riego, rehabilitouse a Constitución. Entón formáronse concellos en Crecente, O Freixo, Albeos e Filgueira, adscritos á provincia de Galicia. En 1822, os concellos de Crecente e Albeos adscribíronse á provincia de Vigo e os do Freixo (denominado a partir de entón de Angudes) e o de Filgueira, á nova provincia de Ourense. En 1823 Fernando VII asinou un segundo decreto derrogatorio da Constitución, que significou unha nova supresión do sistema municipalista. En 1833, trala morte de Fernando VII, restableceuse o municipalismo. Primeiro dividiuse o territorio en provincias, de xeito que o territorio do actual concello de Crecente quedou no interior da provincia de Pontevedra. En agosto de 1835 constituíuse o concello de Crecente, que dende entón non variou os seus límites.
Patrimonio cultural
Na arquitectura relixiosa destacan as igrexas de San Paio de Albeos, único vestixio dun antigo mosteiro, de San Pedro de Crecente, obra do s XIII de transición entre o románico e o gótico, as capelas do Santo Anxo en Vilar e de San Sebastián en Rebordechán e a ermida da Virxe do Camiño. Do castelo medieval de Fornelos (Crecente) consérvase a torre da homenaxe. Na arquitectura civil destacan as casas de Barrochas (Freixo) e de Fraga (Albeos), e os pazos de Barreiro ou de Gil (Vilar) e de Queimadelo (Freixo). En Filgueira consérvase unha ponte con celosía metálica do s XIX. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Baixo Miño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de san Pedro en Crecente, o 29 de xuño, e de san Paio en Albeos, o 26 de xuño, e as romarías da Virxe de Fátima, o 13 de maio, e da Virxe do Camiño, o 15 de agosto, as dúas en Crecente.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Paradanta, A |
| Extensión | 57 Km2 |
| Poboación Total | 2698 h |
| Poboación Homes | 1267 h |
| Poboación Mulleres | 1431 h |
| Densidade de poboación | 47.33 h/Km2 |