Creonte
Rei de Tebas, fillo de Meneceo. Pouco despois de ocupar o trono tebano -trala morte de Laio a mans de seu fillo Edipo-, unha praga asolou a cidade: apareceu unha esfinxe que lles propuña adiviñas aos tebanos e que devoraba os que non as acertaban. Este ritual acabou cando Edipo a acertou e se converteu no libertador de Tebas. Creonte cedeulle entón o trono e a súa irmá Iocasta como esposa (viúva de Laio e nai de Edipo aínda que ninguén o sabía). Despois de que unha peste volvera ameazar a cidade, Creonte consultou o oráculo de Delfos e soubo do incesto; como consecuencia, recuperou o trono e Edipo foi desterrado ao deserto. Durante as batallas dos Sete Xefes contra Tebas ofreceu o seu fillo Megareo en sacrificio a Ares e conseguiu salvar a cidade.