criminoloxía

criminoloxía

(

s f [DER]

Ciencia que ten por obxecto o estudo das causas de criminalidade, a etioloxía do delito, o coñecemento das súas formas de aparición e desenvolvemento como fenómeno individual e social, e o establecemento dos medios para prevelo. O estudo do delincuente e do delito desenvolveuse a partir da socioloxía positivista, que individualiza o crime como un fenómeno personalizado. Estas teses desenvolvéronse en tres vertentes: a escola sociolóxica francesa, a escola sociolóxica alemá de Von Liszt e a escola positiva italiana de Césare Lombroso. As principais correntes da criminoloxía agrúparonse en dúas grandes liñas investigadoras: unha que vinculaba o feito delitivo á personalidade do delincuente; e a socioloxía criminal, que lle outorgaba ao medio social un papel preponderante na xeración do feito delitivo. Trala Segunda Guerra Mundial a criminoloxía superou a anterior dualidade ao entender que o feito delitivo é o resultado da conxunción dunha serie variada de factores de diversa índole que operan conxuntamente e que inflúen predispoñendo o actor á realización do crime. Deste modo, o delincuente deixa de ser considerado un criminal e pasa a ser entendido como un enfermo ou marxinado social. A criminoloxía recibiu a axuda da bioloxía, da antropoloxía e da psicoloxía criminal e, como resultado, aceptou o modelo social establecido, ademais de considerar o delincuente como un desarraigado social, a quen hai que rehabilitar e integrar socialmente. En xeral, o seu desenvolvemento propiciou que as lexislacións adoptasen novas formas legais de inimputabilidade, como resultado de facer medrar as medidas de seguridade e de rehabilitación do individuo na sociedade, entendendo a pena máis como un tratamento resocializador ca como un castigo.