cristalino -na

cristalino -na

(< lat cristallĭnu)

  1. adx
    1. Relativo ou pertencente ao cristal.

    2. Que ten unhas calidades semellantes á do cristal, especialmente a transparencia e o brillo.

      Ex: A auga cristalina da fervenza atraía moitos bañistas.

    3. Aplícase á voz que pola súa natureza limpa e clara recorda o son do cristal.

      Ex: A súa cristalina voz era a base do seu éxito.

  2. [FÍS]
    1. adx

      Da natureza do cristal.

      Ex: Materia cristalina.

    2. adx

      Que ten unha estrutura molecular regular.

    3. sistema cristalino

      Cada un dos conxuntos nos que se clasifican as 32 clases cristalinas, de xeito que en cada un deles haxa aqueles que presentan eixes de simetría da mesma orde. O eixe común será a característica simétrica do sistema cristalino. Este concepto está intimamente relacionado coa noción de operación de simetría. As operacións de simetría que pode ter a rede dun cristal, á parte das simetrías de translación, son: rotacións respecto a un eixe, reflexións respecto a un plano, inversións respecto a un punto e operacións compostas dunha translación e unha rotación ou unha reflexión. As tres primeiras, chamadas puntuais, pódense reunir en diversos grupos de operacións, chamados grupos puntuais. En total existen 32, que tamén reciben o nome de clases cristalinas e son compatibles unicamente con 14 redes cristalinas, chamadas redes de Bravais. Estas pódense agrupar en 6 sistemas cristalinos, de acordo coas simetrías de cada rede. O sistema cristalino con menos operacións de simetría, o sistema triclínico, ten como característica simétrica un eixe monario ou eixe de orde 1. O sistema diagonal ten un eixe binario; o sistema romboédrico ou trigonal, un eixe ternario; o sistema hexagonal, un eixe senario; o sistema tetragonal, un eixe cuaternario; e o sistema cúbico ou regular, tres eixes binarios e catro ternarios.

  3. s m [ANAT]

    Corpo lenticular transparente situado detrás da pupila do ollo destinado a facer converxer os raios de luz, formando imaxes sobre a retina. As modificacións da súa curvatura permiten a acomodación do ollo. A súa opacidade ocasiona a afección coñecida como catarata.