cristoloxía
(
Parte da teoloxía que trata da persoa e da obra de Cristo. Tradicionalmente, aplícase ao tratado dogmático sobre a esencia de Cristo e á unión nel das naturezas humana e divina; o estudo da súa misión redentora recibe o nome de soterioloxía. O desenvolvemento teolóxico-dogmático dos cinco primeiros séculos, sobre todo cos concilios de Nicea (325), Constantinopla (381) e Calcedonia (451), orixinou unha dobre problemática cristolóxica. Despois de diversas especulacións (adopcionismo, docetismo, nestorianismo, monofisismo, etc), abordouse a interpretación da filiación divina de Cristo, que deu pé á elaboración da teoloxía trinitaria, e ao problema das relacións desta filiación coa esencia de Cristo, que levou á doutrina da encarnación. Desta liña especulativa, tradicional na teoloxía católica e compartida modernamente por algúns teólogos protestantes (Brunner e Barth) e que se denomina cristoloxía descendente, a síntese tomista elabora un tratado unitario (De Verbo Incarnato). Outra dirección, orientada cara á cristoloxía ascendente, baseouse na realidade histórica de Xesús (a súa mensaxe e destino e o xeito de desenvolverse a confesión de fe da primitiva comunidade cristiá) para chegar logo ao recoñecemento da divindade de Cristo. A primeira tentativa sistemática neste sentido foi obra, no s XIX, de A. Ritschl, secundada pola dogmática evanxélica (Elert, Althaus e Gogarten). Ao remate do s XX, sobre a base dunha busca escriturista positiva, incorporouse á reflexión cristolóxica denominada problemática do Xesús histórico e o Cristo da fe (Formgeschichte).