Cristovo
Nome propio cristián-romano que provén do grego Cριστο ϕ ορος ‘portador de Cristo, o que leva a Cristo’, composto de Cριστός ‘o unxido, o Mesías, Cristo’ e ϕ όρος, voz derivada do verbo ϕ ορέω ‘levar, portar’. Amais de nome persoal, tamén é un apelido patronímico; documéntase xa no s XII baixo a forma de xenitivo patronímico: “Menendus Cristofori” (doc ano 1166 en P. Loscertales de García de Valdeavellano, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol I, 1976, p 538). Na época medieval recibía tamén sufixo patronímico, aínda que esta construción non chegou a sobrevivir: “Gundisaluus Christoualiz” (doc ano 985 en M. Lucas Álvarez, El tumbo de San Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 424). Adoita aparecer grafado cun -b- non etimolóxico: Cristobo. San Cristovo (s II) celébrase o 10 e o 25 de xullo. A reforma litúrxica do Concilio Vaticano II eliminouno do calendario romano, pero é dos santos máis antigos no culto hispánico (s VII) e en Oriente xa está documentado no s V. Na tradición oral recóllense expresións que reflicten a devoción cara a este santo como: “Polo san Cristovo xa o millo lle tapa a ala ao corvo”, “A que lle bica o pé a san Cristovo, canto lle pida, concédello todo”, “San Cristovo padrón, unha regadela, si; unha treboada, non”.