crítica

crítica

(

  1. s f

    Ataque ou censura contra algo ou alguén.

    Ex: Fíxolle unha crítica demoledora á posta en escena da súa última representación teatral. Gústalle moito a critica á hora do café.

    1. s f

      Actividade coa que se realiza un estudo ou un xuízo sobre unha obra.

    2. s f

      Conxunto de valoracións sobre unha obra artística ou literaria.

      Ex: Unha boa crítica pode salvar un espectáculo.

    3. s f

      Conxunto de persoas que se dedican a esta disciplina.

      Ex: A crítica especializada non valorou suficientemente o seu traballo.

    4. s f

      Profesión dos que escriben críticas.

      Ex: Ten compañeiros que exercen a crítica teatral.

    5. crítica bíblica [RELIX]

      Aplicación dos métodos da crítica textual, literaria e histórica aos libros da Biblia. O seu iniciador foi Richard Simon (Diepe 1638-1712), considerado o precursor da ciencia bíblica polas súas obras sobre a materia (1678-1702), polas que foi expulsado da súa congregación e recibiu diversas sancións eclesiásticas. O pulo decisivo déronllo o anglicano John Mill (Shap, Westmoreland 1645 - Canterbury 1707) e o evanxélico Johan Albrecht Bengel (Winnenden, Baden-Wüttenberg 1687 - Stuttgart 1752) ao publicar a primeira edición crítica do Novo Testamento con todas as súas variantes. Posteriormente, sucedéronse as edicións críticas, tanto do Antigo Testamento (edición de Kittel) coma do Novo Testamento (Tischendorff, Westcott e Hort, Von Soden, etc). Dende mediados do s XIX descubríronse unha gran cantidade de papiros e textos da Antigüidade que permitiu perfeccionar o coñecemento das linguas bíblicas e establecer un método comparativo con vistas a precisar a existencia dos diversos xéneros literarios. Os descubrimentos arqueolóxicos ampliaron tamén a información histórica sobre o medio bíblico máis aló dos datos que proporcionaba a Biblia.

    6. crítica cinematográfica [IMAX]

      Análise e valoración dun filme que se adoita realizar dende unha tribuna pública, especialmente dende unha publicación periódica. Considérase como o seu fundador o francés Louis Delluc. Leon Moussinac fundou a primeira sección de cine nunha revista literaria francesa (Mercure de France, 1921-1937). En España, o pioneiro foi Juan Piqueras. En Italia, Luigi Chiarini fundou a revista Bianco e Nero en 1937 e deu paso a esta corrente.

    7. crítica de arte [ARTE]

      Formulación de xuízos valorativos sobre as artes plásticas realizado coa finalidade de orientar o público. Inclúe unha descrición, interpretación e avaliación da obra de arte. Comezou a ter consistencia ao ser coñecida de xeito sistemático a través da prensa na Francia ilustrada, por mor da xeneralización das exposicións ou do Salon, entendido como unha manifestación pública da obra de arte. Pódese considerar a Denis Diderot (1713-1784), coas súas recensións sobre os prerrománticos Salons (1759-1781), como o primeiro crítico. Posteriormente, Gustave Planche (1808-1857) exaltou a Delacroix; as críticas de Baudelaire (1821-1867), realizadas entre 1845 e 1859, contribuíron a consagrar a este pintor e a Courbet. Théophile Thoré (1807-1869) e Champfleury (1821-1889) defenderon o realismo, mentres Théophile Gautier (1811-1872) atacou a arte utilitaria conservadora. O impresionismo recibiu o apoio de Émile Zola (1840-1902) e de Théodore Duret en Francia, mentres que o inglés Roger Fry (1866-1934) fixo o mesmo co postimpresionismo. Félix Féneon (1861-?), defensor do divisionismo, dos nabís e dos cubistas, e director artístico da galería Bernheim-Jeune de París, foi un caso ilustrativo dunha situación ambigua pero frecuente: a da ligazón entre a crítica e os intereses comerciais. As vangardas defendeunas Apollinaire (1880-1918) e Max Jacob (1876-1944); entre os seus detractores cómpre destacar a Camille Mauclair. O expresionismo abstracto recibiu as críticas favorables de Harold Rosenberg (1906-1978). Posteriormente, as novas formas de expresión que conlevou a pop art defendeunas Laurence Alloway. O papel do crítico regular, a miúdo defensor de intereses non só comerciais, senón tamén ideolóxicos e ata políticos, foi decisivo para xerarquizar as grandes figuras da arte contemporánea. Sen deixar de aparecer en periódicos ordinarios, a crítica da arte creou no s XX os seus propios medios de expresión a través de revistas especializadas, como L’Art Vivant, L’Amour de l’Art, Cahiers d’Art e outras, algunhas vinculadas a galerías de arte e marchantes, á marxe das revistas eruditas da historia da arte. En 1951 fundouse en París a Association Internationale de Critiques d’Art (AICA) co fin de promover unha cooperación internacional no mundo das artes plásticas e agrupar as asociacións nacionais de críticos de arte, entre as que figura a Asociación Española de Críticos de Arte. En España destacan, entre outros, o madrileño Francisco Calvo Serraller e os galegos Fernando Mon, Carlos Barcón, Xosé Antón Castro e Francisco de Pablos.

    8. crítica histórica [HIST]

      Estudio e discernimento das fontes documentais que se efectúa sobre personaxes ou feitos históricos para establecer o seu grao de autenticidade e veracidade. Realízase a través das ciencias auxiliares da historia, entre outras a epigrafía, a numismática e a paleografía.

    9. crítica literaria [LIT]

      Rama da ciencia da literatura que estudia os mecanismos que rexen a composición dun texto literario determinado. Consiste nun exame xustificativo da obra literaria con dúas finalidades principais: a súa explicación e a súa valoración, de xeito que a segunda procede implicitamente da primeira. Existen distintas fases. En primeiro lugar, a que se limita á simple impresión do lector, á súa reacción ante o texto; a seguinte vai ligada ao coñecemento de certos procedementos técnicos que permiten percibir as particularidades do texto que o configuran como discurso artístico, como a métrica ou as figuras retóricas; e a última indaga no sentido da obra, feito que supón ter en conta as fases anteriores. Xurdiu no marco da Antigüidade como unha normativa que, seguindo os principios estéticos da poética, marcaba os criterios polos que debían rexerse os autores. A súa función prescritiva mantívose no Renacemento e no Neoclasicismo, pero coa chegada do Romanticismo no s XIX reaccionouse contra isto e desenvolveuse unha nova concepción de análise a partir das achegas de disciplinas afíns, como a historia literaria, a literatura comparada, a filoloxía ou a filosofía. A partir do s XX, malia manter un certo grao de valoración subxectiva, adoptou aspectos de carácter científico (estudio das circunstancias biográficas, históricas, sociais, etc) e asimilou métodos e conceptos da lingüística, da psicanálise e da semiótica, e diversificouse en múltiples correntes, como o formalismo, o New Criticism, a estilística, a hermenéutica, a estética da recepción, etc. Tanto o New Criticism como os formalistas rusos ou a psicanálise aplicada de Bachelard e a nova crítica francesa de Barthes, constitúen tentativas de independizar a obra do seu contorno histórico, mentres que a crítica sociolóxica marxista (Lukács e Goldmann) utiliza unha perspectiva de carácter histórico. Foi Saint-Beuve quen sentou as bases da crítica moderna. A función analítica e interpretativa da crítica introduce a cuestión da aparición de xuízos de valor nas súas argumentacións. O acordo dos estudiosos sobre a súa impropiedade no labor crítico, non impide que se recoñeza a dificultade de evitalos por completo nas análises e o feito de que a crítica estea historicamente condicionada e suxeita aos xuízos previos do intérprete. Distínguense dous tipos de crítica: a crítica académica ou universitaria, que estudia os textos a partir de ferramentas metodolóxicas axeitadas a un marco teórico configurado previamente e que poucas veces adopta posturas valorativas explícitas; e a crítica pública ou inmediata, que se desenvolve en revistas ou xornais e que ten como obxectivo principal orientar o público sobre novidades editoriais, polo que é habitual a presenza de xuízos de valor e afirmacións de preferencias persoais.

    10. crítica musical [MÚS]

      Análise e valoración dunha peza, dun estilo, dun autor ou dunha interpretación musical nun medio de comunicación, ben en forma de comentario breve, ben en forma de ensaio máis ou menos exhaustivo. Neste último caso, ás veces resulta difícil distinguir entre a crítica e o estudo musicolóxico ou a análise filosófica dunha obra musical. Non é posible fixar con exactitude os inicios, pero hai xa algúns comentarios críticos illados nalgúns tratados do s XVI, como o Dodekachordon (1547), de Glareanus. No s XVII existen tamén algúns indicios de actividade crítica nas polémicas entre diferentes compositores referentes á práctica correcta na composición e na interpretación, neste sentido destaca a suscitada entre Artusi e Monteverdi. Non obstante , o pulo decisivo da crítica musical foi no s XVIII, coa Ilustración e coa aparición do xornalismo. En Alemaña, Mattheson fundou a primeira publicación periódica exclusivamente musical, Critica Musica (1722), que tivo continuadores en toda Europa: en Francia apareceu o Journal de Musique Française et Italienne (1764), en Inglaterra o New Musical and Universal Magazine (1774) e, tamén en Alemaña, Allgemeine musikalische Zeitung (1798). Así mesmo, tamén hai crítica musical na obra de diversos enciclopedistas, como J. J. Rousseau, Diderot e F. M. Grimm. Ao final do s XVIII, C. Burney e J. N. Forkel realizaron os primeiros intentos dunha interpretación sistemática e comparativa dos feitos musicais dende un punto de vista histórico. Durante o Romanticismo, a crítica musical medrou e consolidouse gracias, sobre todo, á organización do concerto público como manifestación habitual. Apareceron os primeiros críticos profesionais e especializados, que a miúdo eran tamén compositores (Schumann, Weber e Berlioz, entre outros). No s XIX, destacan o formalista Hanslick, coñecido pola súa polémica con Wagner e H. Riemann; no s XX, cómpre salientar, entre outros, a A. Einstein, H. Prunières, E. Dent, H. C. Schonberg, E. Newman, F. Howes e A. Porter.

    11. crítica teatral [ESPECT]

      Xénero periodístico e ensaístico que comezou a desenvolverse nos ss XVIII e XIX, coincidindo coa aparición de xornais e revistas especializadas e coa conversión do teatro nun espectáculo de masas. A súa finalidade consistía en ofrecer información e valoracións do espectáculo teatral; desde aquela vén atendendo moi diversos aspectos do mesmo, desde o traballo dos actores e actrices ata o material literario utilizado, sen esquecer outros aspectos, como a dirección de escena, a escenografía, o vestiario, a relación con problemas de actualidade, a orientación artística ou a súa pertinencia, en función dun determinado contexto sociocultural, económico ou político. Tradicionalmente, adóitase diferenciar entre a crítica especializada, propia de revistas e publicacións periódicas, non mediatizada pola inmediatez da súa publicación, e a crítica xornalística, moito máis dependente dun xuízo inmediato, dirixido a informar os espectadores reais ou posibles das excelencias ou carencias dunha determinada creación teatral, nun exercicio de mediación que orienta e pode determinar a escolla do público. En moitas ocasións, a crítica teatral tamén serviu para difundir e promover novos movementos teatrais e para potenciar a sempre necesaria renovación escénica, e nese sentido hai que salientar o traballo de, entre outros, Antonin Artaud, Bertolt Brecht, Silvio d’Amico, Kenneth Tynan, Eric Bentley, Richard Schechner, Guiseppe Bartoluci, José Monleón ou as revistas especializadas Theater heute de Alemaña, Travail théâtral de Francia, Sipario, Il drama e Quaderni di teatro de Italia e Primer acto e El Público de España. Sexa crónica, relato informativo, valoración breve ou ensaio máis elaborado, a crítica é un dos elementos fundamentais do sistema teatral. O exercicio da crítica teatral sempre estivo presente na prensa de Galicia, especialmente entre 1890 e 1936, e nos últimos anos, malia non ser unha actividade profesional, ten vivido un pulo importante a través do traballo de críticos como Fernando Franco, Xaime Aguiar, Gustavo Lucca de Tena, Lupe Gómez, Camilo Franco, Carmen Vidal, Dolores Vilavedra, Damián Villalaín, Iolanda Ogando, Manuel F. Vieites ou Inma López Silva, e tamén por medio de semanarios e revistas como A Nosa Terra, Don Saturio, Grial, Revista Galega de Teatro ou Tempos.

  2. s f [FILOS]

    Disciplina que ten por obxecto discernir a natureza, as condicións de posibilidade, os límites e os presupostos de coñecemento humano. A consideración do coñecemento coma un problema filosófico procede de Kant, que a entendeu como a ciencia do coñecemento racional. Posteriormente, foi obxecto de estudo de Hegel, dos marxistas e da Escola de Frankfurt. Tamén se denomina gnoseoloxía, epistemoloxía, teoría do coñecemento e criterioloxía.

Refráns

  • A auga de correr e á xente de falar non se lle pode privar.
  • A roupa moi lixosa lávase na casa.
  • As faltas alleas, na alforxa dianteira; e as faltas nosas, na traseira alforxa.
  • Cala e calemos, que, que n ten o tellado de vidro, ben o sabemos.
  • Canto máis se revolve a merda, máis mal cheira.
  • Di a pega e todos din dela.
  • Dixo a tixola á caldeira: ¡Arrédate alá, tisneira!
  • Díxolle a tixola ao pote: ¡Tírate alá non me lixes!
  • Díxolle o burro ao mulo: ¡Tírate alá, orelludo!
  • Fai tanta falta o fel coma o mel.
  • Fel e mel son mester.
  • Hainos, hainos, hainos, hainos, hainos, que non houbera; hainos de media polaina e hainos de polaina e media.
  • Hainos, hainos, hainos, hainos, hainos, que non houbera; hainos de media polaina, e hainos de polaina enteira.
  • Irse á pedra e non a que n a tira, ten pouca valentía.
  • Ládreme que n queira, mentres eu teña cartos na faldriqueira.
  • Mellor é botar coplas que botar mans ás mocas.
  • Non hai mal sen baldón nin baldón sen galardón.
  • O corcovado non ve a corcova que leva senón a allea.
  • O eslombado non ve a lomba que leva, pero ve a alIea.
  • O que allos come, pícase.
  • O que di mal da egua, ese é quen a merca.
  • O que non comeu allos, non cheira a eles.
  • Por moito que me ladren, inda han ter máis que ladrar.
  • Pouco fel fai amargo moito mel.
  • Quen fala mal da pera, ese a merca.
  • Quen mal di, mal ha de oír.
  • Se metes a man no teu seo, non dirás do malfado alleo.
  • Todos me saben o viño que bebo e non me saben a sede que teño.
  • Ver a palla no ollo alleo e non ver a viga no propio.
  • Ves no ollo do veciño a palla e non ves no teu a • tranca.
  • ¡Malia o romeiro que fala mal do seu compañeiro!